Alberto Pazos pide ao BNG que “abandonen a súa nefasta idea de que Galicia teña un cupo”, logo do informe publicado onte polo Foro Económico

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, pediu hoxe ao BNG que “deixen de facerlle o caldo gordo aos seus aliados independentistas cataláns e abandonen a súa idea nefasta de que Galicia conte cun cupo, porque se ten demostrado que sería enormemente prexudicial para a economía galega”. “Por unha vez, recoñezan que están fondamente equivocados e que as súas propostas non son máis que pasos atrás e prexuizos para Galicia e todos os galegos”.

Alberto Pazos referiuse ao informe que onte presentou o Foro Económico de Galicia sobre “O impacto económico para Galicia da extensión dos sistemas de concerto”, elaborado polos economistas Santiago Lago e Xoaquín Fernández Leiceaga.

CONCLUSIÓNS CONCLUÍNTES

“As conclusións deste informe son concluíntes respecto da proposta de cupo defendida polo BNG, porque, no caso de que o sistema de concerto se xeneralizase a toda España, Galicia perdería nese novo sistema 2.128 millóns de euros, se a cota se realiza en función do PIB; ou 2.647 millóns, se o cupo se calcula en función da poboación”, concretou.

Porén, o portavoz popular afirmou que “o máis preocupante, porque é o que está máis próximo de facerse realidade, vista a situación política e a debilidade do Goberno de Pedro Sánchez, chantaxeado e sometido aos intereses do independentismo catalán, é que de levarse a cabo o acordo entre os socialistas cataláns e Esquerra Republicana de Cataluña para facer Presidente da Generalitat a Salvador Illa Galicia vería reducido as transferencias que recibe nun 6,27 por cento, é dicir, 634 millóns de euros”.

Pazos tamén lamentou a submisión dos socialistas galegos a Pedro Sánchez e ao seu Goberno, “respaldando todas e cada unha das súas decisións que prexudican a Galicia, ben no ámbito económico, como pode ser o acordo acadado co independentismo catalán en materia de financiamento; ou no ámbito das infraestruturas de comunicación, cos exemplos no estado das autovías de conexión coa Meseta ou na nefasta xestión do AVE; ou na sanidade, rexeitando as propostas que se lle fan desde Galicia para incrementar o número de médicos e especialistas; e sen esquecernos dos máis de 2.500 millóns de euros que nos debe o Goberno central pola prestación da dependencia, unha cifra que se incrementa día a día ao negarse a aportar o 50 por cento que lle corresponde no cumprimento da Lei de dependencia”.

O portavoz popular asegurou que “imos seguir defendendo a reforma do sistema de financiamento autonómico, pero unha reforma que saia de xeito multilateral e consensuado con todas as comunidades autónomas; no seo do Consello de Política Fiscal e Financeira; evitando todo tipo de acordo bilaterais; e que achegue a Galicia máis recursos para contar con maior capacidade financeira, atendendo as maiores necesidades de financiamento da nosa comunidade derivadas da súa dispersión e envellecemento da poboación”.

NOXENTA CARTA AMEAZANTE

Por outra banda, Alberto Pazos trasladou “o apoio e solidariedade ás deputadas e senadoras do Partido Popular, en especial á nosa deputada ourensana Ana Vázquez, que no día de onte recibiron unha noxenta carta ameazante”. “Este tipo de accións, realizadas polo mellor exemplo de persoa cobarde, non van servir de freo á actividade exemplar que están levando a cabo as deputadas do Partido Popular, denunciando todas e cada unha dos desmáns que leva adiante o Goberno de Pedro Sánchez para manterse no poder e para contentar aos seus socios independentistas, tanto cataláns como vascos”, engadiu.

“Rexeitamos rotundamente este tipo de accións ameazantes, veñan de quen veñan e con independencia dos ou das destinatarios que sexan”, incidiu Pazos, quen lamentou que “estamos á espera de que as demais forzas políticas manifesten publicamente a súa solidariedade coas deputadas e senadoras do Grupo Popular, porque parece que só lles doe cando as afectadas están máis próximas ao seu ideario político que cando lles afecta a persoas relacionadas co PP”.

Alberto Pazos asegura que o Grupo Popular porá “todo o que estea na nosa man para facilitar e axilizar” a celebración da Comisión de Investigación sobre a contratación pública da Xunta

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, asegurou hoxe que “imos facilitar e axilizar con todo o que estea na nosa man” a celebración da Comisión de Investigación sobre a contratación publica da Administración autonómica “para botar abaixo todas e cada unha das trolas e bulos que desde o BNG e o PSdeG están intentando trasladar á sociedade galega sobre a construción do Hospital Público Álvaro Cunqueiro e as contratacións realizadas pola Xunta de Galicia”.

A Comisión de Investigación sobre a contratación pública da Administración autonómica celebrou esta mañá a súa primeira reunión na que se procedeu á elección da súa Mesa, que estará presidida pola deputada do Grupo Popular Elena Candia; coa tamén deputada popular Carmen Pomar como vicepresidenta; e o deputado do BNG Luis Bará como secretario.

INTERESE, ÁNIMO DE TRABALLO E DISPOÑIBILIDADE

Alberto Pazos afirmou que desde o Grupo Popular “afrontamos esta Comisión de Investigación con interese, ánimo de traballo e plena dispoñibilidade, porque estamos convencidos de que, tanto a documentación que se aporte a esta comisión como a testemuña dos comparecentes que pasarán pola mesma, permitirán poñer de manifesto a excelente xestión que a Xunta está a facer dos recursos públicos de todos os galegos”.

“O que resulta sorprendente é a actitude contraditoria do BNG, que, por unha banda, leva días esixindo acelerar os prazos relacionados con esta Comisión, pero hoxe mesmo solicitou ampliar eses mesmos prazos argumentando que necesitan tempo para realizar unhas emendas ás normas de funcionamento”, indicou o portavoz popular.

Por este motivo, solicitou aos nacionalistas galegos “un pouco de coherencia, para non pedir ao mesmo tempo recortar e ampliar prazos; e un mínimo de rigor, porque o Grupo Popular non vai presentar unha proposta de normas de funcionamento, xa que realmente corresponde aos servizos do Parlamento e, polo tanto non existen emendas, senón suxestións por parte de todos os grupos parlamentarios que o consideren oportuno”.

“O BNG debería deixar a un lado o seu autoritarismo e asumir que estamos nun Parlamento democrático, que se rexe polas normas previamente establecidas e de acordo coas maiorías xurdidas nas urnas”, dixo Alberto Pazos, quen criticou que as declaracións da portavoz do BNG “deixan claro que xa teñen escrito o guión desta Comisión de Investigación e pretenden impoñer as normas de funcionamento, o Plan de Traballo e, desgraciadamente, tamén as conclusións da mesma”.

AGARDAR AO FINAL DOS TRABALLOS PARA AS CONCLUSIÓNS

Pola contra, asegurou que o Grupo Popular “prefire agardar aos informes dos servizos da Cámara para establecer as normas de funcionamento e ás propostas de Plan de Traballo para facer unha valoración da súa pertinencia e, desde logo, esperaremos ao final dos traballos para poder escribir unhas conclusións”. “Esa é a diferenza entre unha Comisión de Investigación para coñecer a verdade e unha caza de bruxas para impoñer os bulos que os partidos da oposición levan espallando durante anos sen máis proba que os seus prexuizos”, incidiu.

Alberto Pazos insistiu que o Grupo Popular “vai facilitar e axilizar con todo o que estea na nosa man a celebración desta Comisión de Investigación, co obxectivo de que os galegos coñezan a realidade que está detrás do modelo de financiamento e funcionamento do Hospital Público Álvaro Cunqueiro e das contratacións realizadas pola Xunta de Galicia”.

“Porque non pararemos de manifestar o noso orgullo pola posta en marcha en Vigo dun dos mellores hospitais de Europa, nun momento de fonda crise económica e que permitiu afrontar a pandemia nas mellores condicións de atención sanitaria aos veciños de toda a área viguesa; e rexeitamos calquera manobra da oposición nacionalista e socialista para poñer en dúbida a boa xestión dos gobernos do PPdeG na Xunta, co único obxectivo de tapar os escándalos que afogan pouco a pouco ao actual Goberno de España e, por enriba de todo, ao Presidente Pedro Sánchez e o seu entorno familiar”, rematou.

O Parlamento de Galicia pide ao Goberno central que vele pola existencia de postos de control autorizados para animais en todos os portos de saída de gando cara terceiros países

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, sen o apoio dos deputados do PSdeG, unha proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España, en particular ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, que, cumprindo co establecido no Regulamento europeo 2023/372, vele para que en todos os portos que actúan en España como puntos de saída de gando cara terceiros países, e especialmente no caso do porto de Alxeciras, por ser o máis usado polos operadores galegos, existan postos de control autorizados para as distintas categorías de animais.

O portavoz popular do Medio Rural, Miguel Viso, manifestou que, “co fin de garantir que os animais transportados desde outros estados ou ben en viaxes largos por estrada desde o seu lugar de saída ata os portos marítimos podan descargarse con seguridade e ser alimentados e abrevados e poder descansar, a normativa europea establece que debe dispoñerse ao menos dun posto de control nos puntos de saída dos portos marítimos ou a unha distancia de dúas horas por estrada desde o punto de saída”.

IMPLEMENTACIÓN URXENTE

“Necesitamos que estas infraestruturas se implementen de maneira urxente, non só para evitar sancións, senón tamén para garantir que os nosos operadores gandeiros poidan seguir competindo en igualdade de condicións cos seus homólogos europeos”, sinalou Miguel Viso.

En concreto, apuntou que “falamos de benestar animal, xa que o regulamento europeo non é so unha norma legal, senón un reflexo desta demanda social de prácticas éticas e responsables no manexo do animal”. “A creación destes postos de control reducirá o estrés e o sufrimento durante o transporte, o que mellora a calidade do produto final”, dixo.

Así mesmo, Viso indicou que “outro aspecto clave é a saúde pública, porque contar con postos de control axeitados permitirá inspeccionar regularmente o estado dos animais, detectando posibles problemas sanitarios antes de que se convertan en ameazas”.

COMPETITIVIDADE DO SECTOR GANDEIRO

“E, por último, está a competitividade do sector gandeiro, xa que cumprir coas normativas europeas é clave para poder seguir exportando a mercados internacionais”, sinalou o portavoz popular. Deste xeito, afirmou que, “se non contamos coas infraestruturas necesarias nos portos, arriscámonos a perder competitividade, a que os nosos produtos sexan axeitados ou que os operadores busquen alternativas noutros países”.

Miguel Viso fixo referencia á situación que existe no porto de Alxeciras, o porto máis empregado polos operadores galegos par as exportacións de gando cara a terceiros países, que non conta coas infraestruturas necesarias para cumprir co Regulamento europeo. “Pero esta situación tamén se pode trasladar a outros portos, como Tarragona ou Cartaxena, que presentan carencias graves nas infraestruturas necesarias para o control do gando”, rematou.