O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España que intensifique o compromiso coa posta en marcha do tren de alta velocidade entre Galicia e a fronteira de Portugal, para o que é imprescindible e urxente un calendario coas actuacións e investimentos precisos para facelo realidade no prazo máis breve posible. En particular, a iniciativa pide unha reserva orzamentaria suficiente para acometer a saída sur de Vigo e avanzar no tramo que vai entre Porriño e a fronteira portuguesa.
O viceportavoz do Grupo Popular, Julio García Comesaña, manifestou que “a conexión de alta velocidade entre Galicia e Portugal é unha infraestrutura estratéxica para os intereses da Comunidade galega, empezando porque suporía conectar Vigo e Porto en menos dunha hora, fronte ás dúas horas e 20 minutos da actualidade”. “Por este motivo, o Goberno galego xa propuxo ao Goberno central no ano 2020 a creación dun grupo de traballo técnico para avanzar nesa infraestrutura e para poder dispoñer de información directa sobre ela”, apuntou.
FONDOS EUROPEOS
Porén, García Comesaña contrapuxo “o compromiso do Goberno de Portugal, con planificación, orzamento e horizonte temporal; coa desidia do Goberno de España, dilatando estudos e sen programación clara nin de obras nin de investimentos”. Deste xeito, lamentou que “a conclusión é que o ritmo na elaboración por parte do Ministerio de Transportes do estudo de alternativas para a saída sur de Vigo, primeira peza do AVE con Portugal, e a falta de impulso da conexión internacional sobre o Miño fai presaxiar que estas obras non rematarán, como moi pronto, antes do ano 2034”.
Así mesmo, o viceportavoz popular lembrou que o compromiso do Goberno portugués refléxase no feito de que captou 815 millóns de euros de fondos europeos para iniciar o AVE entre Lisboa e Vigo, co feito de que os 140 quilómetros entre Porto e Coimbra logran o 93 por cento dos fondos solicitados. “Enfronte, España non presentou solicitude algunha para este proxecto, pero si para outros 22 proxectos a realizar en toda España dedicados ao desenvolvemento de infraestrutura da Rede Transeuropea de Transporte”, sinalou.