O eurodeputado popular Francisco Millán Mon mantivo estes días unha nova reunión co candidato a comisario europeo de Pesca, Costas Kadis, na que lle trasladou as demandas da cadea mar-industria galega no que se refire a compatibilizar a sustentabilidade ambiental, económica e social desta actividade e afondar na flexibilización das políticas pesqueiras.
Un dos puntos principais da intervención do eurodeputado pontevedrés foi precisamente a necesidade de lexislar en materia pesqueira de maneira equilibrada, tendo en conta non só a dimensión ambiental, senón tamén as dimensións económica e social da pesca.
Igualmente subliñou a conveniencia de que a avaliación da Política Pesqueira Común que está a levar a cabo actualmente a Comisión Europea –e que concluirá o ano próximo– desemboque nunha reforma lexislativa daqueles aspectos da PPC que non están a funcionar ben. Como exemplo mencionou a obrigación de desembarque, que debería ser máis flexible e non ser causa da pesada carga burocrática que recae sobre os pescadores.
Outros aspectos nos que se detivo Millán Mon foron o regulamento de augas profundas –en especial a prohibición de pesca en 87 áreas do Atlántico Nororiental– e a necesidade de dotar con máis recursos ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura e procurar que este teña un funcionamento máis sinxelo e flexible.
“É conveniente que se levanten algunhas das restricións que limitan o uso deste fondo para o financiamento de investimentos nos buques en materia de descarbonización, de seguridade e de habitabilidade ou para o acceso dos mozos á propiedade dos buques”, engadiu neste sentido.
As negociacións sobre pesca co Reino Unido en 2026 e a problemática dos acordos de libre comercio con terceiros países e o seu impacto na conserva de peixe foron tamén abordados polo eurodeputado, que tampouco se esqueceu da preocupación existente no sector pesqueiro galego pola tramitación por parte da Comisión Europea da iniciativa cidadá en materia de comercio de aletas de quenlla.
Lembrou que a lexislación europea actual xa é moi garantista e prohibe o chamado “finning”, impoñendo a política de aletas adheridas. Insistiu en que a iniciativa cidadá non debe desembocar nunha prohibición das exportacións de aletas de quenlla, que penalizaría inxustificadamente á frota europea.