O presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, animou hoxe aos populares da provincia de Pontevedra a continuar polo bo camiño e seguir sumando méritos para gañar a confianza dos veciños desde a estabilidade, o rigor, a xestión e o cumprimento da palabra dada.
Ante os membros da Xunta Directiva Provincial do PP de Pontevedra e acompañado pola vicesecretaria nacional de Organización do PP, Carmen Fúnez, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o presidente do partido na provincia, Luis López, o líder dos populares galegos apelou ao ciclo electoral de vitorias na provincia e ás 27 alcaldías acadadas para animalos a seguir mellorando de cara ás próximas eleccións municipais.
Tamén lles pediu que sigan ofrecendo á xente o que esta espera dos seus representantes –altura de miras, compromiso e visión de futuro– e, sobre todo, que continúen explicándolle todo o traballo que se se fai desde o Goberno galego, a Deputación provincial, os gobernos locais e tamén desde a oposición.
Neste sentido incidiu no seu compromiso de acadar un financiamento municipal xusto e de reivindicar un novo modelo de financiamento autonómico fronte ao dun Goberno central que só se dedica a dar privilexios a Cataluña e a atender as demandas dunha minoría en detrimento dos concellos e das comunidades gobernadas polo Partido Popular.
Rueda reivindicou o “Estilo Galicia”, caracterizado por cumprir a palabra dada e gobernar nos problemas da xente. Contrapuxo así ao Goberno central, que só pensa en quitar cartos dos petos das familias ou en promover leis de vivenda que suben os prezos do alugueiro, co seu Goberno, que ofrece educación gratuíta desde os cero anos ata a universidade e que ten como obxectivo duplicar o parque de vivenda pública e triplicar o orzamento destinado a solo residencial.
PONTEVEDRA, UNHA PROVINCIA QUE APORTA LIDERADO
Pola súa banda, o presidente provincial, Luis López, agradeceu a presenza da vicesecretaria nacional de Organización do PP, Carmen Fúnez, indicándolle que Pontevedra é unha provincia que aporta moito ao PP, a Galicia e a España.
Explicou que recentemente a provincia acadou o alcalde popular número 27 –a de Mondariz–, que se suma aos 6 deputados e senadores nacionais e aos 11 deputados autonómicos. O que na súa opinión reflicte que Pontevedra é unha provincia que aporta liderado, ganas, traballo e ilusión.
“Así o acreditan as enquisas, como a última publicada, na que se indicaba que somos a única provincia que sube en intención de voto nas autonómicas. Así o acredita o noso traballo diario, caracterizado polo cumprimento dos nosos compromisos e polo impulso de novos proxectos. E así o acredita, sobre todo, a xente que ve en nós, cos nosos defectos e virtudes, unha excepción de sentidiño ao terremoto diario”, precisou.
Boa mostra deste bo facer do partido son os máis de 300 asistentes á Xunta Directiva Provincial celebrada hoxe, na que estiveron presentes alcaldes, portavoces, afiliados e simpatizantes que, como recordou López, “nunca fallan e sempre están a carón do partido cando se lles chama e cando fan falta”.
“Un día o presidente do Goberno burlouse dos concelleiros dos pobos e eu penso que moito se equivocou e moito ten que aprender de todos e cada un de vós. Porque vós sodes os que traballades día tras día cos veciños e sodes os que, co voso traballo, honrades cada día este partido”, afirmou o presidente provincial dirixíndose a todos eles.