O Parlamento de Galicia pide ao Goberno central que axilice a homologación de títulos extracomunitarios de especialistas en sanidade

O Parlamento de Galicia aprobou esta tarde por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno central que axilice a homologación de títulos extracomunitarios de especialistas en ciencias da saúde, sempre desde o consenso coas comunidades e en plena coordinación cos representantes dos profesionais sanitarios co compromiso de garantir a seguridade, calidade e esixencias de cualificación similares ás requiridas aos nacionais da Unión Europea”.

A portavoz popular de Sanidade, Encarna Amigo, lembrou que “a carencia de médicos en atención primaria, tanto de especialistas en medicina familiar e comunitaria, como de pediatria, así como en determinadas especialidades hospitalarias, está a provocar tensións nos sistemas públicos de saúde, sen esquecer ao máis prexudicados que son os pacientes”.

Neste sentido, afirmou que “hai profesionais con vontade de incorporarse ao sistema que non poden facelo polas trabas burocráticas e o colapso no sistema de homologación, isto é, por causas que nada teñen que ver coa súa capacidade e desempeño profesional”. Así, concretou que, de acordo cos datos ofrecidos desde o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, desde a entrada en vigor do Real Decreto 889/2022 ata finais do ano pasado 2023 rexistráronse 23.776 solicitudes de homologación de títulos universitarios estranxeiros só na especialidade de Medicina, das que só o 15,6 por cento foron resoltas.

Encarna Amigo manifestou que esta solicitude de homologación de títulos estranxeiros en materia de sanidade “non é unha demanda exclusiva do Goberno galego, porque a comparten os colexios profesionais, sociedades científicas e sindicatos, que veñen demandando publicamente que desde o Goberno de España se apliquen medidas de utilidade real para acelerar, con todas as garantías, o recoñecemento oficial de titulacións universitarias sanitarias obtidas en sistemas educativos estranxeiros”.

Así mesmo, a portavoz popular apuntou que, ademais desta solicitude de homologación de títulos de especialistas en ciencias da saúde, “a día de hoxe seguen vixentes outras reclamacións realizadas desde Galicia para facilitar a incorporación de persoal sanitario, como a eliminación da taxa de reposición, a modificación do sistema de elección de especialidades e tamén que se permita ás comunidades autónomas aumentar a súa capacidade para formar novos profesionais e estender, polo menos temporalmente, ata 72 anos a idade de xubilación nas especialidades máis deficitarias”.

Paula Prado: “Para Óscar Puente o traspaso da AP-9 é tremendamente difícil porque a súa vontade política para facelo é tremendamente baixa”

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, lamentou hoxe que o ministro Óscar Puente siga opoñéndose ao traspaso e á gratuidade da AP-9 escusándose en que é “tremendamente difícil” cando a realidade é que “esta negativa débese unicamente á que a vontade política do Goberno central para facelo é tremendamente baixa”.

Prado esixiu neste sentido a PSOE e BNG que “polo ben dos galegos e galegas” desbloqueen a transferencia e a gratuidade da autopista do Atlántico, tal e como comprometeron en campaña electoral e tal e como fai o Goberno de Sánchez noutros casos. “Mentres a outros territorios traspásaselle a titularidade das autoestradas e fanse gratuítas, a Galicia négaselle o mesmo e ademais temos que sufrir ano a ano subas das peaxes”, engadiu.

“Queremos que a AP-9 deixe de estar entre as máis caras de España e que o Goberno cumpra a promesa da gratuidade. Queremos que a súa titularidade e centro de decisión, como tamén comprometeron, pase a estar en Galicia”, concluíu apuntando a que o Goberno de Pedro Sánchez podería tomar exemplo do Goberno de Rueda en materia de infraestruturas.

Así o asegurou en declaracións aos medios esta mañá nunha visita ao punto do concello de Sanxenxo no que remata a autovía do Salnés. Unha autovía que, xunto á do Barbanza, a de Ourense-Celanova e a de Santiago-Brión, pasará a ser de propiedade pública e será xestionada directamente pola Goberno galego.

Tal e como anunciou o presidente Alfonso Rueda, recuperarase a concesión destas catro vías, eliminando as peaxes en sombra que se viñan pagando e aforrando máis de 30 millóns de euros ao ano ás arcas públicas galegas “que poderán destinarse ao benestar dos galegos e galegas e a cuestións como a vivenda ou a mellora doutras infraestruturas”.

Esta decisión, concluíu a secretaria xeral do PPdeG, demostra o compromiso do seu partido na mellora das infraestruturas galegas: “É un tema que nos ocupa e nos preocupa e no que o presidente Rueda e o seu equipo seguen traballando”.

MARÍA DEZA: “ESTA MEDIDA REDUNDARÁ NO BENEFICIO DE SANXENXO”

Pola súa banda, a tenente de alcalde do Concello de Sanxenxo e deputada no Parlamento de Galicia, María Deza, quixo tamén insistir no beneficio que supón para todos os galegos e especialmente para os sanxenxinos o feito de que as arcas autonómicas vaian aforrar preto de 330 millóns de euros con esta decisión.

“Redundará no interese dos nosos veciños na medida en que permitirá a mellora de infraestruturas autonómicas dentro do noso municipio como son o tramo da PO-309 ata a rotonda de Arnelas ou o tramo da PO-308 ata a circunvalación”, explicou.

Referíndose ao compromiso do Goberno galego de destinar unha parte importante destes cartos á execución de vivenda pública, María Deza puxo en valor que o Concello de Sanxenxo xa traballa na adquisición de terreos para poñer a disposición da Xunta para a execución de vivenda pública no termo municipal.