O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, afirmou hoxe no Parlamento que os orzamentos da Xunta para 2025 “semellan aos dunha familia galega normal: sen gastar máis do que se ten, é dicir, sen recorrer a endebedamento innecesario; e atendendo principalmente as necesidades máis prioritarias dos membros da unidade familiar, como son a súa saúde, a súa educación, os servizos sociais e, como non, o emprego”.
Ao remate da Xunta de Portavoces na que se aprobou o o calendario de tramitación do proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025 e do proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas, Alberto Pazos avanzou que as comparecencias dos conselleiros para dar conta dos presupostos dos seus departamentos darán comezo o vindeiro xoves, 24 de outubro, ás 10 da mañá, co conselleiro de Facenda.
RESPONSABILIDADE
Referíndose a unhas declaracións realizadas no día de onte polo ministro de Economía, nas que aconsellaba ás comunidades autónomas plantexar a súa fiscalidade cunha “visión de responsabilidade e como unha familia, xa que independentemente de onde veña os seus ingresos, ben sexa do Estado ou propios, hai uns gastos aos que se debe facer fronte”, o portavoz popular indicou que “parece que viña de estudarse estes orzamentos da Xunta para 2025, porque son un fiel reflexo da súa filosofía”.
“Son unhas contas como as de calquera familia galega normal: sen gastar máis do que se ten, é decir, sen recorrer a endebedamento; e atendendo principalmente as necesidades máis prioritarias dos membros da unidade familiar: a súa saúde, a súa educación, as necesidades sociais e, como non, o emprego”, salientou Pazos.
A maiores, como apunta o propio ministro, “estes orzamentos non recorren ao endebedamento, coa conseguinte rebaixa da débeda, e permiten mellorar as previsións de crecemento económico, pasando do 1,8 ao 2,1 por cento”. Ademais, se destina o 75 por cento dos seus gastos a políticas sociais; 5.500 millóns para sanidade; 3.000 millóns para educación; 1.400 millóns para políticas sociais; e 500 millóns para emprego.
REPARTIR LEALMENTE OS RECURSOS
“Lamentablemente, o ministro de Economía só pode mirar cara aos orzamentos da Xunta de 2025, porque o seu Goberno é incapaz de sacar adiante as súas contas e, o que é peor, cada día que pasa debe atender e cumprir coas chantaxes que os independentistas cataláns e vascos lle fan para manter a Pedro Sánchez na Moncloa”, manifestou o portavoz popular.
Por último, Pazos incidiu en que “se o Goberno central fora unha boa familia, como o está demostrando ano tras ano a Xunta de Galicia cos seus orzamentos e coa xestión do seu patrimonio, miraría de repartir lealmente todos os seus recursos entre os membros da familia, non como o esta a facer o Goberno de Pedro Sánchez, priorizando unhas comunidades autónomas sobre outras en función dos beneficios políticos que pode sacar do seu apoio; ou como propón o seu socio o BNG cunha proposta de quita da débeda, que consegue aumentar a débeda per cápita de todos os galegos e galegas”.