O Grupo Popular pedirá ao Goberno central no Pleno que permita cubrir as vacantes da Policía Autonómica e adaptar os fondos para políticas activas de emprego ao mercado laboral galego

O Grupo Popular demandará ao Goberno de España no Pleno da vindeira semana a convocatoria dun concurso de méritos para cubrir todas as prazas vacantes na Unidade de Policía Adscrita á Comunidade galega, así como unha maior flexibilidade nas condicións de asignación dos fondos para políticas activas de emprego, de xeito que a Xunta poida adaptalos ás necesidades e particularidades do mercado laboral galego.

Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Alberto Pazos, informou que a sesión plenaria dará comezo coa comparecencia da conselleira de Economía e Industria, para dar conta das liñas xerais de actuación do seu departamento.

A continuación, dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular insistirá na demanda ao Goberno central, concretamente ao Ministerio do Interior, para que articule un concurso de méritos na Policía Nacional de xeito que se poidan cubrir as vacantes existentes na Unidade de Policía Adscrita á Comunidade galega, de xeito que se poidan incorporar os efectivos necesarios para cubrir as 500 prazas existentes.

MÁIS DE 10 MILLÓNS DE EUROS ANUAIS

Alberto Pazos apuntou na “plena actualidade” desta iniciativa “logo de que o Goberno de Pedro Sánchez pretenda impor a Galicia un novo convenio para o mantemento da coñecida como Policía Autonómica, que representa un custo totalmente inasubmible para as arcas da Xunta”. En concreto, o Goberno central pretende que Galicia asuma agora a metade dos custos das nóminas dos efectivos desta unidade policial, así como outros gastos e complementos que implica o funcionamento dos seus efectivos.

Neste momento, a Unidade da Policía Adscrita a Galicia conta cun total de 345 efectivos, o que supón un custo de persoal cada ano de 7,6 millóns de euros, ao que se suma outros 3,1 millóns por custe de funcionamento e produtividade.

Unha segunda proposición non de lei do Grupo Popular ten que ver coa necesaria adecuación entre a oferta e a demanda de emprego, “para o que consideramos imprescindible que o Goberno central modifique, de acordo coas comunidades autónomas, as condicións de asignación e utilización dos fondos finalistas en materia de políticas activas de emprego, outorgándolles ás comunidades autónomas unha maior flexibilidade para adaptalos ás necesidades e particularidades dos seus mercados laborais”.

“Somos conscientes da falta de man de obra existente en moitos ámbitos laborais e a necesaria mellora que precisa o Servizo Público de Emprego, retos que temos que afrontar para seguir mellorando a inserción laboral dos galegos e galegas”, sinalou o portavoz popular, quen se referiu expresamente aos colectivos con máis dificultades para atopar emprego: a mocidade, as mulleres e os parados de longa duración”.

APLICACIÓN MOI ESTRITA

Pazos explicou que “unha das cuestións importantes na adecuación da oferta á demanda de emprego son os fondos finalistas que o Goberno central distribúe entre as comunidades autónomas en materia de políticas activas de emprego”, pero lamentou que “estes fondos concédense cunhas directrices de aplicación moi estritas que limitan a capacidade das comunidades autónomas para adecuar estes cartos ás necesidades específicas do seu mercado laboral”.

Dentro do apartado de preguntas, o Grupo Popular cuestionará ao Goberno galego sobre as posibilidades que existen de facer realidade un Pacto pola Lingua, que permita seguir impulsando e prestixiando o uso do galego en todos os contextos, logo das xuntanzas celebradas a pasada semana polo conselleiro de Cultura cos grupos parlamentarios.

Así mesmo, e logo de coñecer que a prioridade do actual Goberno de España é a conexión ferroviaria entre Lisboa e Madrid, deixando nun segundo plano a liña Lisboa-Porto-Vigo, o Grupo Popular pedirá unha valoración do Goberno galego sobre a falta de compromiso do Goberno central co impulso do AVE entre Galicia e a fronteira portuguesa.

Por último, preguntarase sobre as novas campañas de vacinación fronte aos virus respiratorios sincitial, o virus do papiloma e a vacina intranasal contra a gripe, “medidas que consolidan a Galicia como referente no ámbito da prevención ao contar co programa de vacinación máis completo do mundo”, sinalou Alberto Pazos.