Paula Prado asegura que para acadar a igualdade “plena e real” é necesario que, como en Galicia, as mulleres conten con representantes que “defendan os seus intereses e coloquen na axenda política os seus dereitos”

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, defende que para acadar a igualdade “plena e real” na sociedade en xeral e nos ámbitos de decisión política en particular é necesario que “as mulleres se sintan representadas non só por mulleres polo simple feito de selo, senón por aquelas que defendan os seus intereses e coloquen na axenda política a defensa dos seus dereitos”.

Así o manifestou onte na conferencia inaugural do Encontro Internacional Equigov organizado pola Universidade do Estado de Santa Catarina e a Assambleia Legislativa estatal e que se celebra estes días en Florianópolis. Unha conferencia na que, baixo o título de A participación das mulleres na política española, a número dous dos populares galegos explicou como en España e en Galicia se ten incrementado a presenza de mulleres nos ámbitos de decisión política de xeito paralelo e como, paralelamente, a necesidade de maior participación e representación feminina se foi situando na axenda pública do noso país.

“A miña experiencia vital levoume a observar unha realidade que non era acorde co desenvolvemento normativo e lexislativo do noso país, onde a igualdade formal ou legal non coincidía coa igualdade real”, apuntou como punto de partida do seu afondamento nas dificultades e obstáculos que se atopan as mulleres no acceso a postos de responsabilidade e no ámbito da toma de decisións. “Os problemas cos que se atopan as mulleres polo mero feito de ser mulleres”, resumiu.

Facendo un repaso á lexislación española e ao contexto social feminino ao longo da ditadura e posteriormente no período constitucional, Prado concluíu que “unha boa normativa en materia de igualdade é aquela que ten correspondencia coa situación social da muller en cada momento e responde ás necesidades das mulleres nos diferentes ámbitos do Dereito” e incidiu no fundamental que resulta á asunción do recollido destas normas na conducta real da sociedade.

Destacou que os datos relativos ao liderado e á participación política das mulleres en España están por riba da media da maioría dos países do mundo, xa que as mulleres constitúen o 42% das cámaras parlamentarias, o 64% do Consello de Ministros e o 39% dos órganos deliberativos locais. Así mesmo, a porcentaxe de mulleres con cargos executivos nos partidos políticos foi ascendendo ata situarse actualmente no 45,7%.

No caso específico de Galicia, con datos relativos a 2023, cómpre destacar que o Parlamento galego é o que conta con maior porcentaxe de mulleres de todas as cámaras autonómicas de España, cun 56% fronte á media nacional do 47%. Ademais, nunha análise da evolución rexistrada entre 1983 e 2023, en Galicia pasou de haber 6 alcaldesas a 69 e de 408 mulleres a cargo dunha concellería en 1995 (11,3%) a un total de 1.426 concelleiras en 2023 (42,1%).

“As mulleres non han de participar en política polo mero feito de ser mulleres, senón que han de ter a oportunidade de formar parte de candidaturas en procesos electorais pola súa valía e porque defendan desde os seus postos os dereitos das mulleres”, subliñou ao tempo que se congratulaba de que no noso país cada vez haxa máis mulleres en postos que tradicionalmente ocupaban homes.

Neste sentido, considera fundamental “ir máis alá de asignar ás mulleres as áreas que tradicionalmente se asocian ao sexo feminino” e permitirlles mostrar a súa valía á fronte de departamentos como, por exemplo, os de Medio Ambiente, Infraestruturas, Vivenda, Economía ou Industria.

“A igualdade non é patrimonio de ninguén, non é de esquerdas nin de dereitas. É un reto que todos debemos asumir como responsabilidade propia e, desde o noso ámbito de actuación individual, colaborar para que sexa unha realidade”, concluíu invitando á sociedade brasileira a seguir o exemplo de España para facer do seu país “a punta de lanza dos países americanos en materia de igualdade”

GOBERNOS ABERTOS E TRANSPARENCIA

Dado que un dos obxectivos principais deste encontro era tamén debater sobre a equidade nos servizos públicos a través de gobernos e parlamentos abertos, a secretaria xeral do PPdeG puxo en valor que “actualmente Galicia atópase entre as tres comunidades autónomas máis transparentes de España”.

Recordou así que o Goberno galego, no seu obxectivo de promover a máxima transparencia da xestión pública, foi actuando con medidas innovadoras e pioneiras neste eido que posteriormente adquirirían rango legal. É o caso da Lei 1/2016, de 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, que “inclúe máis de 50 elementos de transparencia a maiores sobre o marco normativo estatal como son a publicación do tempo medio de pago de facturas, a situación financeira das contas públicas, a relación de BICs ou a composición das mesas de contratación”.