O PPdeG pide á Deputación de Lugo que aumente en 10 millóns o orzamento para estradas provinciais e incremente ata os 32 millóns o plan de cooperación

O deputado do Grupo Popular Enrique Barreiro demandou hoxe no Parlamento de Galicia que a Deputación de Lugo aumente en 10 millóns de euros o orzamento destinado ás estradas provinciais, ao tempo que incremente ata os 32 millóns de euros o plan de cooperación. Así mesmo, solicitou a posta en funcionamento de nove centros de día, así como a residencia comarcal de Becerreá, ademais de axilizar e finalizar as obras de construción dos centros de Guitiriz, A Pontenova, A Pobra de Brollón, Folgoso do Courel e Portomarín.

Enrique Barreiro explicou que estas demandas “foron recollidas nas xuntanzas que o Partido Popular de Lugo celebrou con alcaldes, voceiros e veciños de todos os concellos lucenses, que presentaron propostas para dar resposta ás necesidades reais da provincia”. Neste sentido, criticou que o presidente da Deputación “intente esconder, ata o último momento, o orzamento deste organismo para o vindeiro 2025, para o que non recibiu nin escoitou aos 67 alcaldes e alcaldesas da provincia para coñecer as necesidades de cada municipio”.

APOIO Á RIBEIRA SACRA COMO PATRIMONIO MUNDIAL

En concreto, o deputado popular urxiu a elaboración e desenvolvemento dun plan de conservación, mantemento e mellora das estradas provinciais, reforzando tamén o desbroce. Para isto, pediu que se duplique o orzamento destinado a vías provinciais, aumentándoo en 10 millóns de euros.

Respecto á cooperación cos concellos, Enrique Barreiro considerou “necesario incrementar a achega provincial en 10 millóns de euros, chegando aos 32 millóns, así como incluír nas bases da vindeira anualidade a posibilidade de solicitar a aplicación de parte da achega provincial deste plan a gastos correntes dos concellos”.

No eido da cultura, Barreiro pediu que a Deputación garanta a seguridade naqueles tramos do Camiño de Santiago que discorren por estradas provinciais, construíndo sendas paralelas onde non existan e eliminando os puntos detectados como perigosos.

O deputado popular fixo unha especial mención ao apoio ao turismo, onde cualificou de “obriga da Deputación a elaboración dun plan estratéxico para a provincia, que teña en conta as necesidades e peticións das asociacións e entidades que forman parte do Consello Provincial de Turismo, apostando por un modelo máis sostible”. Ademais, solicitou “colaborar de xeito decidido no impulso da candidatura para que a Ribeira Sacra consiga en 2026 o recoñecemento pola Unesco como Patrimonio Mundial”.

Un dos aspectos no que máis incidiu Enrique Barreiro foi o benestar social, onde solicitou a posta en funcionamento dos centros de día de Trabada, Pol, Castroverde, Meira, Pedrafita do Cebreiro, Navia, Ribadeo, A Fonsagrada e Ribas do Sil. Ademais, demandou que se consignen as partidas orzamentarias específicas que aseguren a apertura inminente do centro de día e residencia comarcal de Becerreá, ademais de axilizar ou finalizar as obras de construción dos centros de Guitiriz, A Pontenova, A Pobra de Brollón, Folgoso do Caurel, Portomarín, Ourol, Pantón e O Saviñao.

O Grupo Popular demanda maior eficacia na xestión do seu orzamento á Deputación de A Coruña, xa que o grao de execución non supera o 40%

O deputado do Grupo Popular Gonzalo Trenor demandou hoxe ao presidente da Deputación de A Coruña unha maior eficacia á hora de xestionar o orzamento desta institución, xa que o grao de execución do seu presuposto rolda anualmente só o 40 por cento. “Danse situacións vergoñentas como que a Deputación de A Coruña, cun orzamento de 220 millóns de euros, acumula en bancos máis de 300 millóns”, sinalou.

Gonzalo Trenor criticou que a Deputación de A Coruña “consigna anualmente unha cantidade importante de diñeiro cuxa transformación en bens e servizos para os cidadáns queda en menos da metade, porque son incapaces de executar o orzamento ano tras ano”.

Na súa intervención, o deputado popular puxo de manifesto a incongruencia do presidente da Deputación coruñesa “ao pedir, por una banda, que a Xunta lle libere de competencias impropias, pero, por outro lado, pretende construír residencias de maiores sen un encaixe desde o punto de vista das competencias da Deputación”.

CONVERXENCIA EN INFRAESTRUTURAS E SERVIZOS

“Axustaríanse máis ao marco competencial da Deputación se priorizase as infraestruturas nos concellos da súa provincia e, especialmente, se promovese a converxencia en materia de infraestruturas e servizos básicos, como por exemplo os servizos de abastecemento ou o saneamento”, concretou.

Neste sentido, Trenor avogou porque desde a entidade provincial se faga compatible un POS flexible cuns plans específicos dirixidos, sobre todo, a pequenos concellos de menor capacidade económica, co fin de que vaian converxendo nas infraestruturas básicas”.

Por último, Gonzalo Trenor lamentou que a Deputación de A Coruña aprobara no pleno do pasado 27 de setembro o novo Plan Estratéxico de Subvencións 2025-2027, sen sometelo ao informe preceptivo e vinculante da Xunta de Galicia, como establece a Lei 5/2014 para os efectos de garantir unha coordinación e unha eficiencia no gasto público, así como un respecto ao marco competencial.