A Comisión de Cultura do Parlamento galego aprobou esta tarde o ditame do proxecto de Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, co que este texto lexislativo queda pendente da súa aprobación definitiva en sesión plenaria. “Estamos a falar dunha lei pioneira que ofrece un amplo marco a partir do que sexa natural a participación cultural efectiva, afectiva e produtiva de todas as persoas, con especial atención ás que se atopan nun contexto de especial vulnerabilidade polas súas dificultades ou riscos de exclusión”, manifestou a deputada popular Carmen Pomar.
Na súa intervención, Pomar indicou que “a diversidade, lonxe de ser un elemento inhibidor ou obstaculizador, debe ser un elemento facilitador e multiplicador para a cultura”. “Por este motivo, o Goberno galego decidiu elaborar unha norma que facilitase o acceso e participación efectiva á cultura de todas as persoas, ao temo que se puxeran en valor todas as manifestacións culturais procedentes de calquera comunidade, grupo ou persoa en situación de desvantaxe”, lembrou.
APOIAR ÁS PERSOAS E COLECTIVOS MÁIS VULNERABLES
“O obxectivo é promover as condicións e remover os obstáculos que impidan ou dificulten que a participación na vida cultural sexa efectiva, inclusiva e accesible para todas as persoas, con especial atención ás que presentan algún factor de risco ou exclusión cultural”, sinalou.
Esta nova lei pretende, ademais, visibilizar e apoiar os talentos das persoas e colectivos que presentan condicións de especial vulnerabilidade polas súas dificultades ou riscos de exclusión, ao tempo que as programacións culturais estarán pensadas e adaptadas a todo tipo de públicos, facilitando, de ser preciso, recursos e ferramentas que permitan o pleno acceso e gozo da actividade”.
Carmen Pomar afirmou que nesta nova lei “tamén aparece contemplado o desenvolvemento de ferramentas dixitais e tecnolóxicas para garantir que os contidos culturais cheguen a todas as persoas, especialmente ás que estean en risco de exclusión social, favorecendo, ademais, a alfabetización dixital ao longo da vida”.