O PPdeG pon de exemplo a Lalín de como queren que sexan os concellos que gobernan: “Estables, ben xestionados e cada vez con mellores servizos”

O Partido Popular puxo hoxe de exemplo a Lalín de como queren que sexan os concellos que gobernan, neste momento xa 154 en toda Galicia e 27 na provincia de Pontevedra: “estables, ben xestionados e cada vez con mellores servizos, como o novo Centro Integral de Saúde”.

Durante o multitudinario V Magosto do PP de Lalín, ao que asistiron máis de 1.200 persoas, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, reivindicou “a Galicia que funciona, que toma como exemplo este concello, a alcaldes referentes como José Crespo ou ese novo centro de saúde”.

A número dous dos populares galegos salientou a Galicia liderada por Alfonso Rueda, con conselleiros da zona como Román Rodríguez ou José López Campos, que “camiñan cara un futuro próspero e cara ao benestar dos galegos a e galegas”, e subliñou que o PPdeG é maioría nos concellos, no Parlamento de Galicia, no Congreso, no Senado e no Parlamento Europeo.

“Somos unha Comunidade que escapa dos extremismos e do radicalismo do BNG e da indiferenza do PSdeG, que onte, a través do seu secretario xeral, volveu mostrar os cambios de opinión respecto ao apoio ao cuponazo catalán e a submisión a Sánchez”, sinalou.

En clave local, Paula Prado sinalou que Lalín é “un lugar que funciona grazas, en gran parte, ao PP”, e lembrou que hai nove meses, o presidente Rueda recibiu neste lugar un apoio “histórico” de máis de 7.400 votos, case un 64%. E pouco despois, o municipio achegou case 5.000 votos para contar, por primeira vez, cun eurodeputado “de verdade, do PPdeG”. “O matrimonio entre o Partido Popular e Lalín leva un 2024 espectacular, despois dun 2023 tamén memorable cos logros da alcaldía e a Deputación. Agardo que a relación dure moito tempo”, concluíu.

JOSÉ CRESPO, “MODELO DE DEFENSA E AMOR POLO CONCELLO”

Na súa intervención, o presidente do PP de Pontevedra, Luis López, agradeceu a multitudinaria asistencia e destacou que este respaldo «demostra a enorme identificación social», por parte dos veciños de Lalín e da comarca do Deza, do proxecto do PP de Galicia «como máximo valedor e defensor dos intereses xerais» desta zona do interior da provincia.

Así mesmo, louvou o traballo do alcalde, que é “un modelo de xestión, defensa e amor polo seu concello de xeito sostido, xa que leva entregado á súa terra durante 35 anos cunha gran vocación de servizo público».

Pola súa banda, o rexedor e presidente do PP local, José Crespo, salientou as políticas públicas do PP desde a Xunta como “as mellores para acadar os maiores niveis de progreso en Lalín» e puxo como exemplo máis recente o novo Centro Integral de Saúde, ao que cualificou como «unha infraestrutura sanitaria de vangarda e do máximo nivel europeo”, que permitirá “dar outro salto máis na atención aos lalinenses e aos dezaos». «Este centro médico é de primeira, é o que merecían os nosos veciños, e demostra a boa saúde da nosa sanidade pública», detallou.

Finalmente, o acto contou cun recoñecemento e distinción do PP de Lalín a diversos cargos da Xunta e doutras institucións pola súa enorme colaboración nos últimos tempos co municipio. Os premiados foron o secretario xeral da Lingua, Valentín García; o eurodeputado popular Adrián Vázquez; o director xeral de Gandaría, José Balseiros; o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles; e os ex conselleiros de Sanidade Jesús Vázquez Almuiña e Julio García Comesaña.

O PPdeG interésase no Congreso polas actuacións sen executar nos Camiños de Santiago que comprometeu o Goberno central en 2019

Os deputados do Partido Popular de Galicia no Congreso mostraron o seu interese, a través dunha serie de preguntas escritas que veñen de rexistrar, en coñecer o estado no que se atopan as actuacións sen executar nos Camiños de Santiago que comprometeu o Goberno central en 2019.

Hai cinco anos, antes da celebración do Xacobeo 21-22, o entón delegado do Goberno en Galicia, o socialista Javier Losada, puxo en valor unha serie de actuacións que tiña en marcha o Executivo central para mellorar as condicións dos Camiños de Santiago, concretamente nas rutas francesa, inglesa e portuguesa, ao seu paso por concellos das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra.

Neste momento, sinalan os populares, “resulta obvio” que as diversas actuacións non se executaron como estaban comprometidas. “Queremos saber detalladamente canto e en que se gastaron os 13 millóns de euros anunciados”, expresa a deputada compostelá Marta González.

En primeiro lugar, os deputados galegos preguntan que actuacións executou o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible e cal foi o investimento con respecto aos 13 millóns de euros que comprometeu para mellorar as condicións nos tramos galegos que conflúen coa Rede Estatal de Estradas.

Así mesmo, cuestionan cando executará o Goberno central os tamén anunciados seis pasos inferiores, nos cruces do Camiño coa estrada nacional N-547, correspondentes aos termos municipais de Melide e Palas de Rei.

Por último, interésanse pola humanización da travesía N-550 en Padrón, tamén anunciada, que formaba parte das 19 actuacións de mellora das condicións dos cruces co Camiño e que ademais se podería beneficiar de fondos europeos Next Generation.

Cómpre salientar que, en contraste, o pasado mes de setembro o Goberno autonómico de Galicia anunciou que vai destinar ata 40 millóns de euros a mellorar a seguridade viaria dos peregrinos en 150 quilómetros do Camiño de Santiago, co obxectivo de afastar os peregrinos das zonas perigosas de circulación e fagan así a ruta nas máximas condicións de seguridade.