O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España que renove canto antes o Pacto de Estado contra a violencia de xénero, ampliando as súas medidas coa incorporación de accións específicas contra a violencia vicaria, a violencia dixital, económica ou pornográfica, e acelerando o cumprimento do Pacto naqueles aspectos aínda non desenvolvidos. Así mesmo, pídese que revise os erros do sistema Viogen, á hora de valorar o risco das vítimas de violencia de xénero; e aprobe unha lei orgánica contra a trata e a explotación de seres humanos, acordando coas comunidades autónomas un marco conxunto de traballo e financiamento e mellorando o protocolo-marco de protección das vítimas de trata de seres humanos coa experiencia acumulada.
A portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Raquel Arias, salientou que “en Galicia somos referentes en igualdade e contra a violencia de xénero, coas leis contra a violencia de xénero e de igualdade máis avanzadas e progresistas do Estado, ás que agora se sumará a primeira Lei de violencia dixital de España”.
PEDRA ANGULAR
“A nivel estatal, a pedra angular contra a violencia de xénero é o Pacto de Estado, que marca as liñas xerais para todas as institucións e, desde aí, para as distintas entidades, asociacións e mesmo a sociedade en xeral”, explicou. Neste sentido, indicou que o Pacto de Estado contra a violencia de xénero aprobouse en 2017 cun período de execución de cinco anos, pero, ademais de lembrar que dous anos despois de que rematara o seu prazo de execución aínda está sen renovarse, lamentou que presenta “un balance de cumprimento moi pobre por parte do Estado, xa que, segundo os datos de seguimento do mesmo, só ten cumprido o 60 por cento das medidas que lle correspondería, fronte ao 96 por cento do executado por parte da Xunta”.
Raquel Arias demandou, así mesmo, que o Goberno central incorpore medidas específicas contra a violencia vicaria e a violencia dixital. “Galicia foi unha das primeiras comunidades autónomas en lexislar sobre a violencia vicaria e agora ímolo facer sobre a violencia dixital, pero tendo presente que ten que ser o Estado quen poña en marcha os mecanismos que permitan modificar o Código Penal co fin de perseguir axeitadamente estes delitos”, manifestou.
A portavoz popular lembrou que desde Galicia “tamén levamos tempo pedindo que o Goberno central revise de forma urxente os erros do sistema Viogen para mellorar a protección das mulleres vítimas de violencia de xénero e as súas fillas e fillos, así como que promulgue dunha vez por todas unha lei orgánica contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual, unha lei que reclaman todas as organizacións non gubernamentais expertas na materia, incluída a Rede Galega contra a Trata”. Neste ámbito, salientou que “Galicia xa vai un paso por diante logo de aprobar en 2022 o I Plan galego contra a trata, con medidas de prevención, sensibilización e, sobre todo, prestacionais”.