O Grupo Popular salienta que Galicia xa abonou o 82% das axudas solicitadas para o fomento do autoconsumo enerxético de Galicia

O deputado do Grupo Popular Miguel Fidalgo salientou hoxe no Parlamento de Galicia que a Xunta xa abonou o 82 por cento das axudas solicitadas para o fomento do autoconsumo enerxético en Galicia, xestionadas a través do Instituto Enerxético de Galicia.

Miguel Fidalgo sinalou que “a incorporación do autoconsumo con fontes de enerxía renovables é moi positiva por múltiples factores: é bo para a consecución dos obxectivos de implantación das enerxías renovables, é bo a redución de emisións, e é bo porque tamén axuda á creación de emprego, a mellorar a competitividade da nosa economía e tamén supón un apoio ao terceiro sector, entre outros beneficios”.

Na súa intervención, lembrou que “o contexto enerxético existente no momento da apertura da convocatoria deu lugar a que o número de solicitudes superaran amplamente os fondos dispoñibles inicialmente, polo que moitos proxectos non puideron recibir inicialmente a axuda solicitada”. Diante desta situación, a Xunta foi solicitando ampliacións de orzamento para poder subvencionar todos os proxectos presentados na convocatoria, incrementando un 338 por cento o orzamento inicial, ao pasar de 11,5 a 38,9 millóns de euros.

“Con estes fondos a Xunta vai poder atender todas as solicitudes presentadas, situando neste momento a Galicia como a comunidade coa porcentaxe máis alta de España en expedientes pagados: o 82 por cento xa están abonados, segundo os datos do propio Ministerio”, rematou.