O Parlamento galego insta ao Adif e á Confederación Hidrográfica a facilitar a conexión do Porto Seco de Monforte coas estradas N-120 e LU-933

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que insta ao Adif a autorizar o proxecto de conexión do Porto Seco de Monforte coa N-120, deixando de insistir en exixencias que nada teñen que ver co proxecto da conexión do Porto Seco entre as estradas N-120 e LU-933; ao tempo que se pide á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e á Demarcación de Estradas do Estado que respecte o consenso acadado sobre o proxecto construtivo do novo acceso ao Porto Seco e autoricen esta actuación tan importante para a cidade de Monforte de Lemos e da súa contorna.

A deputada popular Katy Varela lembrou que o Porto Seco de Monforte “foi deseñado no seu momento coa colaboración das administracións autonómica, estatal e local, e naceu como motor de desenvolvemento económico da comarca de Lemos e do interior de Lugo, pero máis de dez anos despois hoxe permanece atrapado nunha rede de obstáculos inaceptables”.

En concreto, Katy Varela referiuse á conexión do Porto Seco coas estradas LU-933 e N-120, cuxa obra atópase bloqueada “ante a falta de compromiso do Goberno central, que non colabora no desenvolvemento desta infraestrutura e, por enriba, obstaculiza as autorizacións necesarias para avanzar coa súa execución”.

Esta nova conexión entre as estradas N-120 e LU-933 permitirá absorber o tráfico xerado pola área loxística e de intercambio de mercadorías do Porto Seco, constituíndose ademais na súa principal vía de unión coa Meseta e o sur de Galicia, ao tempo que evitará o paso de vehículos, sobre todo de tráfico pesado, polo núcleo urbano de Monforte.

“A realidade é que as decisións erráticas, os atrasos e os cambios de criterio por parte do Goberno central converteron este proxecto nun labirinto burocrático”, lamentou a deputada popular. Neste sentido, explicou que a solución inicial aprobada pola Xunta resultou incompatible coa seleccionada polo Ministerio de Fomento para a autovía A-76, unha situación que obrigou a comezar de novo, a redactar un novo trazado e a revisar o impacto ambiental.

Así mesmo, o Adif puxo como condición eliminar un paso a nivel alleo ao proxecto inicial, mentres que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, con peticións interminables desde 2019, forzou o redeseño dunhas obras que xa contaban co seu visto bo.

Katy Varela criticou que “todo apunta a que o goberno de coalición de esquerdas, encabezado por Pedro Sánchez e apoiado polo BNG, coa complicidade do presidente da Deputación de Lugo e alcalde de Monforte, non ten interese algún en que este proxecto se faga realidade”. “Monforte e Galicia merecen un trato digno e un compromiso firme co desenvolvemento e o benestar da súa xente, polo que cómpre abandonar esta estratexia de sabotaxe e avanzar nun proxecto que é esencial para o futuro desta terra”, incidiu.

A deputada popular subliñou “a vontade absoluta da Xunta en avanzar na conexión reservando, ano tras ano, unha partida nos seus orzamentos”. En concreto, dixo que a Administración galega leva investidos no Porto Seco preto de 20 millóns de euros para os traballos técnicos, a adquisición de terreos, a súa urbanización e a construción dos accesos coa estrada LU-933.

O Parlamento de Galicia solicita o impulso á formación das forzas e corpos de seguridade en materia de espectáculos e grandes eventos a través da Academia Galega de Seguridade Pública

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita o impulso á formación das forzas e corpos de seguridade en materia de espectáculos e de seguridade en grandes eventos a través da Academia Galega de Seguridade Pública.

A deputada popular Felisa Rodríguez afirmou que “garantir a seguridade durante a celebración de grandes eventos debe ser a máxima que guíe a actuación das administracións públicas” e apuntou que “cumprir esa máxima leva necesariamente aparellado optimizar a coordinación entre administracións e entre os distintos equipos participantes, como Policía Local, Policía Nacional, bombeiros, protección civil e persoal de urxencias do 061”.

“Pero tamén é imprescindible que todos os profesionais que participen neste tipo de dispositivos especiais conten coa formación necesaria e coas ferramentas axeitadas para desenvolver o seu traballo coas máximas garantías”, sinalou a deputada popular.

Neste sentido, explicou que “os membros das forzas de seguridade precisan dunha formación continua para desenvolver o seu labor, para o que en Galicia contamos coa Academia Galega de Seguridade Pública, fundada en 1992 e coa súa sede no concello de A Estrada”.

O Grupo Popular asegura que “non hai caso” logo da comparecencia do conselleiro maior do Consello de Contas na Comisión de Investigación sobre a contratación pública da Administración galega

O portavoz do Grupo Popular na Comisión de Investigación sobre a contratación pública da Administración autonómica, Roberto Rodríguez, asegurou, logo da comparecencia esta mañá do conselleiro maior do Consello de Contas, que “non hai caso” ao incidir, do mesmo xeito que se recolle no propio informe da entidade, que a alternativa da licitación separada da obra e dos servizos do Hospital Público Álvaro Cunqueiro “era imposible e esixiría a renuncia da Administración á execución de gasto corrente ou doutros investimentos para cumprir co obxectivo de déficit para os efectos de estabilidade orzamentaria”.

Roberto Rodríguez felicitouse porque a oposición “recoñeza xa publicamente que non houbo sobrecusto na construción do Hospital Público Álvaro Cunqueiro”, unha cuestión sobre a que tamén se pronunciou o propio conselleiro maior e confirmou que “as únicas referencias do Consello de Contas ao sobrecusto son para evidenciar que non se produciu ou para indicar que entraba no risco da adxudicataria”.

ALTERNATIVA SÓ NUN ESCENARIO ÓPTIMO

“Comparecentes como o señor Menéndez, a señora Mosquera ou a señora Currás xa afirmaron categoricamente nesta Comisión que esa alternativa da licitación separada, da obra por un lado e dos servizos por outro, non era posible, pois calquera modelo de financiamento que supuxera que o investimento computara como débeda da Comunidade galega, a efectos de estabilidade financeira, era imposible por dúas razóns: porque non tería sido autorizada polo Goberno do Estado e porque, no caso de selo, as condicións de financiamento serían inalcanzables ou inasubmibles á vista da liquidación negativa de 2.500 millóns de euros herdada do Goberno bipartito e polas condicións do mercado existentes nos anos 2010 e 2011”, indicou. Neste sentido, o conselleiro maior concretou que este modelo de construción por separado só podería ser unha alternativa “nun escenario óptimo, que non era o caso”.

Respecto da superficie construída do Hospital Público Álvaro Cunqueiro, Roberto Rodríguez asegurou que “non hai tal redución pese á modificación do plan funcional” e explicou que o informe do Consello de Contas unicamente ten en conta a superficie útil hospitalaria, sen ter en conta os 22.600 metros cadrados da quinta planta que alberga todas as instalacións do edificio que de estar distribuídas polo edificio como estaban no proxecto básico, terían sido computadas”.

CONTRATACIÓNS DE EMERXENCIA AUDITADAS

Sobre as contratacións de emerxencia realizadas pola Xunta durante a pandemia, o portavoz popular lembrou que estas actuacións “foron auditadas polo Consello de Contas e tamén fiscalizada polo Goberno de España”. Ademais, confirmou que todos os expedientes tramitados de emerxencia polo SERGAS tiveron a necesaria xustificación do carácter de emerxencia, sen formular reparos de legalidade e incluso poñendo de manifesto que a mecánica seguida era plenamente xustificable debido á situación de anormalidade á que había que facer fronte”.

Por último, Roberto Rodríguez salientou que o conselleiro maior asegurou que, “de ter constatado o Consello de Contas calquera indicio que implicara a existencia de responsabilidades contables, que puidera constituír ilícitos penais ou que supuxera responsabilidades de calquera outra natureza, terían posto estes feitos en coñecemento da Fiscalía do Tribunal de Contas ou da Fiscalía de Galicia, con quen ten asinados convenios de colaboración e intercambio de información”.

O Parlamento galego demanda ao Goberno de España que manteña a presenza da Garda Civil en todos os cuarteis de Galicia e garanta unha atención presencial as 24 horas

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio do BNG e do PSdeG, a través da que se demanda ao Goberno de España que manteña a presenza da Garda Civil en todos os cuarteis de Galicia, mesmo estudando a posibilidade de reapertura daqueles clausurados nos últimos anos, e dote de máis medios persoais e materiais que garantan a atención presencial as 24 horas do día.

A través desta iniciativa parlamentaria tamén se pide executar un plan integral destinado á construción, renovación, mellora e ampliación dos acuartelamentos da Garda Civil no medio rural galego; crear os instrumentos e protocolos, negociados cos concellos, para que de forma práctica e efectiva se incremente a cooperación da Garda Civil coa Policía Local; reforzar de maneira urxente, con medios materiais e humanos, os postos da Garda Civil en todas aquelas zonas que carecen de Policía Local; e ocupar a totalidade das prazas que aparecen definidas no catálogo de postos de traballo das distintas provincias galegas e que están vacantes na actualidade, elaborando incentivos profesionais e económicos para que os axentes queiran ocupar os postos de baixa demanda no medio rural.

A viceportavoz popular, Paula Prado, lamentou que “nos atopamos nun contexto no que, segundo os últimos datos do Ministerio do Interior, en Galicia incrementáronse as agresións sexuais con penetración, os roubos con intimidación e os roubos con forza en domicilios, establecementos e outras instalacións”.

GARANTIR UNHA PRESENZA PERMANENTE

Diante desta situación, “o lóxico sería que o Goberno central garantise unha presencia permanente dos efectivos das forzas de seguridade as 24 horas do día, os 365 días do ano e en todo o territorio: desde as grandes cidades ata os concellos máis pequenos”, manifestou. Porén, criticou que “a situación é máis ben a contraria: nin hai efectivos suficientes, nin hai unha atención permanente, nin se garante a seguridade por igual en todo o territorio”.

No caso concreto da Garda Civil, Paula Prado explicou que “é responsable da seguridade cidadá de 300 dos 313 concellos de Galicia, é dicir, son responsables de máis dun 95 por cento da poboación, para o que deberíamos contar con máis de 5.000 efectivos, pero na realidade contamos con pouco máis de 4.000 efectivos”.

“Para facer fronte a esta situación hai dúas posibilidades: ou se aumentan os efectivos para poder dar máis servizos ou se recortan servizos para poder prestalos con menos efectivos”, indicou a portavoz popular, quen criticou que “os Goberno de Pedro Sánchez se decidiu pola segunda vía: recortes pechando os postos auxiliares en sete concellos galegos, como Somozas, Cariño, Touro, A Pobra, O Incio, Sober e Baltar; e recortes reducindo os horarios de atención presencial nos cuarteis, coa nova moda de abrir só de 9 a 14 horas”.