O PPdeG acusa ao PSdeG de pretender traer a Galicia o estilo Sanchista de inxerencia no Poder Xudicial, pedindo que o Parlamento dea ordes ao TSXG e aos xuíces sobre como aplicar as leis

A portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Raquel Arias, acusou hoxe ao PSdeG de pretender traer a Galicia a inxerencia no Poder Xudicial ao máis puro estilo Sanchista, ao pedir que o Parlamento galego lle dea ordes ao presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e aos xuíces sobre como se deben aplicar as leis vixentes.

“En vez de pretender darlle ordes aos xuíces, os socialistas deberían de preocuparse de cumprir os mandatos que se dan a si mesmos”, indicou Raquel Arias, quen se referiu a incumprimentos como a posta en marcha de maneira urxente dunha Lei de trata, que o Pacto de Estado contra a violencia de xénero leve dous anos caducado ou que, co apoio do BNG, “sexan os responsables da lei máis lesiva da historia para as mulleres: a lei do so si e si, que provocou que máis de 1.450 violadores e agresores sexuais visen reducidas as súas condenas e 126 saíran antes do cárcere”.

LEIS PIONEIRAS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Raquel Arias salientou que os orzamentos da Xunta para 2025 dedican o triplo de cartos que o Goberno bipartito de PSdeG e BNG para as políticas de igualdade e a loita contra a violencia de xénero. En concreto, destacou que “Galicia será a primeira comunidade autónoma en contar cunha lei contra a violencia dixital, do mesmo xeito que xa fomos os primeiros en considerar esta violencia ou a vicaria como violencia de xénero; ao tempo que blindamos as axudas periódicas ás vítimas; e puxemos en marcha o pago único para as vítimas de violencia sexual”.

“Como novidade máis salientable, para o vindeiro ano poremos en marcha os cinco centros públicos de crise 24 horas; unha nova casa de acollida, neste caso para as vítimas que teñen adicións; ou o reforzamento dos centros de información á muller, cun incremento orzamentario do 30 por cento”, apuntou.

Respecto do BNG, Arias lembrou a campaña dos nacionalistas con motivo da recente celebración do Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller e criticou que “non se loita contra este tipo de violencia con este tipo de campañas, que banalizan esta lacra que ataca os dereitos humanos e acaba coas vidas das mulleres”. “Unha campaña irresponsable, unha campaña baseada en mentiras e unha campaña absolutamente hipócrita”, indicou.

Para rematar, a portavoz popular trasladou ás mulleres que están pasando por unha situación de violencia de xénero que “non están soas, porque teñen detrás a un goberno concienciado, unha sociedade que di non e recursos a onde dirixirse cando se sintan atacadas”.

O Grupo Popular avoga por “rachar as liñas vermellas” ao falar do galego, que “non debe ser algo que entre no debate partidista”

O portavoz de Lingua do Grupo Popular, José Luís Ferrol, avogou hoxe no Pleno do Parlamento galego por “rachar as liñas vermellas” ao falar do galego, que “non debe ser algo que entre no debate partidista, senón un ben común que nos une e singulariza, que todos debemos defender usándoo con absoluto coñecemento e normalidade, sen excluír para nada o manexo conveniente do castelán e doutras linguas”.

“Cambiemos o paso, non politicemos a nosa lingua nin a utilicemos con fins políticos”, demandou José Luís Ferro, quen asegurou que o Goberno galego “está disposto a falar de educación e do decreto do plurilingüismo, pero os grupos da oposición saben perfectamente que non temos un problema de competencias lingüísticas, senón un problema de uso social do galego”.

Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o emprego do galego mediante distintas iniciativas, como a formación, programas, aplicacións ou tradutores, pero correspóndelle á cidadanía e aos profesionais decidir o idioma no que se comunican coa Administración e se queren optar exclusivamente pola utilización dun deles”. “O problema é que moitos galegos relativizan a importancia do galego, e aí é onde debemos incidir para que pouco a pouco, e sen imposicións, se vaian animando a usar o galego sen medo e sen vergoña”, apuntou.

FALTA DE COHERENCIA DE BNG E PSdeG

Por outra banda, José Luís Ferro defendeu que a lingua galega poida ser utilizada no Parlamento Europeo, sen que esta medida minore os recursos necesarios para a súa normalización. Así mesmo, pediu ao Goberno de España que complete a súa parte na dotación ata chegar aos 15 millóns de euros solicitados por Galicia no marco do PERTE Nova Economía da Lingua.

O portavoz popular lembrou que “é competencia do Consello Europeo, onde están representados os 27 estados membros, fixar por unanimidade o réxime lingüístico das institucións comunitarias”. Na actualidade, e logo da solicitude feita polo Goberno de España en 2004, está institucionalizado o uso das linguas cooficiais españolas nas sesións plenarias do Comité Europeo de Rexións e nas reunións ministeriais do Consello de Europa. “Porén, non é o caso do Parlamento Europeo, posto que foi a única institución comunitaria que non formalizou un acordo con España para permitir a intervención oral nas linguas cooficiais españolas”, dixo.

Ferro criticou a “falta de coherencia” de BNG e PSdeG ao defender ao Goberno de Pedro Sánchez respecto á súa Goberno de España de 13 millóns de euros para o desenvolvemento do Proxecto NOS da lingua galega, e, por outra parte, “non lles doen os 40 millóns de euros anuais que custaría que un puñado de eurodeputados poidan falar o galego nas súas intervencións no Parlamento Europeo”.

O Grupo Popular considera “precipitado” prolongar a moratoria do eucalipto ata 2030 sen considerar os resultados do Inventario Forestal nin as repercusións reais sobre o sector

O portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, Miguel Ángel Viso, considerou hoxe no Pleno do Parlamento galego “precipitado” prolongar a moratoria para novas plantacións de eucalipto ata 2030 “sen considerar os resultados do Inventario Forestal Continuo nin avaliar as repercusións reais no sector”. Así mesmo, salientou que a Xunta destinará o vindeiro ano máis de 15 millóns de euros para silvicultura adaptativa e produtiva en coníferas e frondosas, “o que reflicte a prioridade do Goberno galego de eliminar progresivamente o eucalipto en áreas non axeitadas e cumprir cos obxectivos do Plan Forestal de Galicia 2021-2040”.

“As decisións sobre o eucalipto no monte galego deben tomarse con seriedade, serenidade e baseándose na realidade”, incidiu o portavoz popular, quen afirmou que “nós cremos nun monte que estea ordenado, que xere riqueza e postos de traballo e que sexa eficiente cara á neutralidade carbónica a alcanzar no ano 2040”.

FONTE DE INGRESOS

Miguel Viso indicou que “falamos do eucalipto como unha fonte de ingresos moi importante para o rural galego e a nosa obriga é garantir un equilibrio entre economía e ecoloxía”. Deste xeito, asegurou que “seguiremos garantindo que o monte galego xere riqueza sen comprometer o medio ambiente nin a biodiversidade”.

Na súa intervención, concretou que Galicia conta na actualidade cunha superficie de 1,5 millóns de hectáreas arboradas, das que 413.000 son de eucalipto, 429.000 son de coníferas e 635.000 son de frondosas. “Nos últimos catro anos incrementamos en 10.400 hectáreas as masas de frondosas e coníferas, destinando máis de 32 millóns de euros en axudas, como resultado das medidas para reducir gradualmente o eucalipto en zonas sensibles como espazos protexidos, augas, patrimonio cultural e áreas costeiras”, apuntou.

O portavoz popular manifestou que “a Xunta xa está levando a cabo un plan sólido e efectivo de reconversión forestal, no que destacan actuacións como a prohibición de novas plantacións en montes públicos; priorizar a conversión de terreos con eucaliptos cara a especies autóctonas de maior valor ecolóxico e produtivo; a planificación en xestión pública e privada, asegurando unha ordenación forestal equilibrada; e a integración no Plan Forestal de Galicia 2021-240, incrementando coníferas e frondosas autóctonas, mellorando a xestión das plantacións existentes e diversificando os usos do monte”.

O PP de Galicia sae “aínda máis reforzado” da Intermunicipal para seguir traballando polos veciños e veciñas dos 313 concellos

O Partido Popular de Galicia sae “aínda máis reforzado” para seguir traballando polos veciños e veciñas dos 313 concellos despois da súa participación na XXVII Intermunicipal do PP esta fin de semana en Valladolid.

“O PPdeG demostrou a súa fortaleza con intervencións nesta Intermunicipal no ámbito das políticas sociais, o medio ambiente ou a transformación dos municipios. Saímos se cabe máis reforzados para poñer en marcha en todos os concellos boas prácticas que recollemos de compañeiros do resto de España, para seguir traballando polos veciños e veciñas de Galicia”, subliñou a secretaria xeral, Paula Prado, antes de asistir á clausura.

O presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, contou co apoio hoxe de toda a delegación galega, máis dun cento de representantes: “É un militante máis de Galicia. Sempre defende a Galicia, desde Madrid ou calquera outro sitio”.

Neste sentido, Paula Prado sinalou que todos os populares presentes na Intermunicipal, e os que non están, están dicindo que se precisa “urxentemente” un cambio en España. “Necesitamos saír desta lameira de corrupción na que nos meteu o Goberno de Sánchez e camiñar cara un cambio liderado por Núñez Feijóo”, engadiu a número dous dos populares galegos.

Pola súa banda, Galicia demostrará nos vindeiros meses que “segue funcionando”, cun Goberno liderado polo presidente Alfonso Rueda que “pon os intereses dos galegos e galegas por enriba de calquera interese partidista”.

A DEBILIDADE E DESUNIÓN DE PSdeG E BNG

Por último, Paula Prado contrapuxo a “fortaleza” e “protagonismo” demostrados unha vez máis polo PPdeG dentro da estrutura nacional do partido fronte a un socialismo galego cunha presenza “residual” na executiva nacional do PSOE e nos intereses do Goberno de Sánchez, “cun só membro real, ao nivel dunha cidade autónoma, por facer unha comparativa”.

Así mesmo, salientou o contraste entre a “unión” dos populares galegos coa “ruptura e desunión” dentro do corazón do BNG, evidenciada na súa Asemblea: “Está claro que a gran maioría do BNG o que realmente quere é a independencia de Galicia; afondar no monolinguismo e a imposición do galego; e máis ideoloxía e menos futuro para a nosa terra”.