A portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Raquel Arias, acusou hoxe ao PSdeG de pretender traer a Galicia a inxerencia no Poder Xudicial ao máis puro estilo Sanchista, ao pedir que o Parlamento galego lle dea ordes ao presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e aos xuíces sobre como se deben aplicar as leis vixentes.
“En vez de pretender darlle ordes aos xuíces, os socialistas deberían de preocuparse de cumprir os mandatos que se dan a si mesmos”, indicou Raquel Arias, quen se referiu a incumprimentos como a posta en marcha de maneira urxente dunha Lei de trata, que o Pacto de Estado contra a violencia de xénero leve dous anos caducado ou que, co apoio do BNG, “sexan os responsables da lei máis lesiva da historia para as mulleres: a lei do so si e si, que provocou que máis de 1.450 violadores e agresores sexuais visen reducidas as súas condenas e 126 saíran antes do cárcere”.
LEIS PIONEIRAS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
Raquel Arias salientou que os orzamentos da Xunta para 2025 dedican o triplo de cartos que o Goberno bipartito de PSdeG e BNG para as políticas de igualdade e a loita contra a violencia de xénero. En concreto, destacou que “Galicia será a primeira comunidade autónoma en contar cunha lei contra a violencia dixital, do mesmo xeito que xa fomos os primeiros en considerar esta violencia ou a vicaria como violencia de xénero; ao tempo que blindamos as axudas periódicas ás vítimas; e puxemos en marcha o pago único para as vítimas de violencia sexual”.
“Como novidade máis salientable, para o vindeiro ano poremos en marcha os cinco centros públicos de crise 24 horas; unha nova casa de acollida, neste caso para as vítimas que teñen adicións; ou o reforzamento dos centros de información á muller, cun incremento orzamentario do 30 por cento”, apuntou.
Respecto do BNG, Arias lembrou a campaña dos nacionalistas con motivo da recente celebración do Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller e criticou que “non se loita contra este tipo de violencia con este tipo de campañas, que banalizan esta lacra que ataca os dereitos humanos e acaba coas vidas das mulleres”. “Unha campaña irresponsable, unha campaña baseada en mentiras e unha campaña absolutamente hipócrita”, indicou.
Para rematar, a portavoz popular trasladou ás mulleres que están pasando por unha situación de violencia de xénero que “non están soas, porque teñen detrás a un goberno concienciado, unha sociedade que di non e recursos a onde dirixirse cando se sintan atacadas”.