O PPdeG agarda que a “incompetencia do Goberno de Sánchez” e a falta de Presupostos estatais para o próximo ano non prexudique o Xacobeo 2027

O Partido Popular de Galicia alerta de que a incapacidade do Goberno de Sánchez para conseguir aprobar os Presupostos Xerais do Estado implica o risco  de que a declaración do Xacobeo 2027 como Acontecemento de Excepcional Interese Público non se faga realidade a tempo para lograr os obxectivos que se pretenden conseguir.

Neste sentido a secretaria xeral Paula Prado anunciou hoxe que a próxima semana os populares solicitarán, tanto no Parlamento galego como nas Cortes Xerais, que o Goberno central habilite, cos procedementos que sexan necesarios, que as empresas que desexen patrocinar actividades turísticas ao abeiro do Xacobeo 2027 o poidan facer xa a partir do 1 de xaneiro de 2025.

Un anuncio que a número dous dos populares galegos realizou antes de encabezar, xunto ao presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, a reunión da Comisión de Turismo do PPdeG que esta mañá se celebrou en Cambados e na que se abordaron, entre outros asuntos, as consecuencias que suporá para o sector turístico galego o plan do Goberno central de implantar un rexistro de viaxeiros.

“É incomprensible que nun país no que o turismo é fundamental para a nosa economía o Goberno central insista en castigar e menosprezar ao sector turístico e en cargar sobre os seus profesionais a desproporcionada responsabilidade de xestionar datos tan completos e sensibles”, explicou ao tempo que cualificaba esta medida de “amago de Gran Hermano cutre co que Sánchez demostra novamente o escaso respecto que lle merecen os datos de particulares”.

Prado pediu abertamente ao PSdeG que “deixe de branquear todo o que fai Sánchez aínda que sexa a costa de prexudicar os intereses dos galegos” e ao BNG que “deixe de lado a súa turismofobia e, por unha vez, apoie á Galicia aberta e na que todos os visitantes recibidos”. En contraposición, engadiu, o PPdeG seguirá apostando, como sempre, por un turismo con sentidiño e que achegue riqueza a Galicia.

Unha aposta que se verá reflectida nos Orzamentos de 2025 que se aprobarán a próxima semana. Unhas contas nas que o Goberno presidido por Alfonso Rueda destina 146 millóns de euros á área de Turismo, incrementando esta partida en 1,3 millóns respecto a este ano.

De a aí o rexeitamento dos populares cara esta medida e a iniciativa que veñen de rexistrar no Parlamento para instar ao Goberno central a que, previa consulta e consenso co sector, modifique o Real Decreto 933/2021 –do que deriva esta medida– e flexibilice as súas esixencias para evitar que se dificulte a xestión do procedemento de rexistro dos viaxeiros en establecementos de hospedaxe e para garantir que se respecte a normativa vixente sobre protección de datos e o principio de transparencia.

Explican os populares que estas esixencias afectan a todas as tipoloxías de aloxamentos de hospedaxe, desde as vivendas de uso turístico ata os albergues, ademais das empresas de aluguer de vehículos. Todas elas se verán obrigadas a recoller medio centenar de datos persoais dos seus clientes e introducilos nunha plataforma informática.

Isto supón unha sobrecarga de traballo para os profesionais do sector, ao requirir tempo extra no procedemento habitual de entrada e rexistro dos viaxeiros (check in) e pola necesidade de implantar medidas de seguridade na recollida e custodia de datos que non son estritamente de carácter turístico.

A PROBLEMÁTICA DA REGULACIÓN DAS VIVENDAS DE USO TURÍSTICO

Outro dos asuntos abordados na reunión da Comisión de Turismo foi a regulación das vivendas de uso turístico. Un asunto sobre o que lamentaron a inacción do Goberno central sobre esta cuestión sobre a que tamén ten competencias.

Indican que desde o Executivo estatal non se concretou se esta nova modalidade de aloxamento se constitúe como actividade económico. Ao que habería que engadir o recente anuncio de que se está a traballar nun Real Decreto de alugueiros de corta duración que incluiría, entre outras cuestións, un rexistro único para as VUT.

Polo momento é só un borrador, pero desde o PPdeG lamentan que nin foi consensuado nin se tivo en conta antes da súa aprobación a realidade de comunidades autónomas que, como Galicia, xa teñen o seu propio rexistro.  E por isto último reclaman ao Goberno que non xere nin duplicidades, nin inseguridade xurídica, nin invada competencias.

LUIS LÓPEZ: “TRÁTASE DUNHA TEMERIDADE ECONÓMICA QUE ATACA A UNHA INDUSTRIA CLAVE EN GALICIA E NA PROVINCIA”

O  presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, explicou pola súa banda que a esixencia de máis de 40 datos aos viaxeiros que contraten servizos turísticos “non é so obrigar aos hoteleiros a exercer de policías, ademais dunha vulneración flagrante do dereito á intimidade dos turistas, senón que é directamente unha temeridade económica que atenta contra unha industria clave en España, en Galicia e na provincia de Pontevedra”.

Unhas declaracións que ilustrou cos datos dun sector turístico que en Galicia xera máis de 12,4 millóns de pernoctas e que só na provincia de Pontevedra xera máis de 3.000 millóns de euros en ingresos. De aí que se mostrase contrario a unha medida que “ameaza o traballo de décadas na construción dun destino forte como o galego ou o das Rías Baixas”.

Algo ao que tamén apuntou a presidenta do PP de Cambados, Sabel Fole, que reivindicou esta vila como “un referente no turismo grazas aos bos resultados que obtivemos tanto este verán como ao longo do que vai de ano nun sector fundamental como é o turismo”.

Alberto Pazos asegura que a Comisión de Investigación sobre a contratación pública acreditou o bo facer do Goberno galego e destapou unha incipiente trama de “nacionalismo de amiguetes”

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, fixo hoxe un balance do desenvolvemento da Comisión de Investigación sobre a contratación pública da Administración galega e afirmou que “comezou co obxectivo de difamar o bo facer do Goberno galego; pasou por ser un esperpento no que a oposición rozou en moitas ocasións o ridículo ao enfrontarse á realidade e ás verdades que lles manifestaban os comparecentes; e rematou como a Comisión da vergoña allea, ante o bochorno que tiveron que padecer os deputados do BNG que, despois de quedar acreditado o bo facer do Goberno do PP, viron destapada unha incipiente trama que ben poderíamos chamar nacionalismo de amiguetes”.

Alberto Pazos lembrou que “desde o primeiro momento dixemos que o Grupo Popular ía traballar nesta Comisión de Investigación para certificar o bo facer dos gobernos do PPdeG, tanto na construción do Hospital Álvaro Cunqueiro como nas contratacións levadas a cabo”. “E creo que o conseguimos: primeiro, porque a oposición non conseguiu o seu obxectivo de traer a Galicia o barullo provocado polos escándalos de corrupción que arrodean a Pedro Sánchez, ao seu Goberno e ao Partido Socialista; e, segundo, porque se confirmou que Galicia conta cun Goberno exemplar e que pon os intereses e o benestar de todos os galegos por enriba de todo”.

PREGUNTA SEN RESPOSTAR

Así, volveu cuestionar se a “lideresa do BNG está en condicións de asegurar que ninguén do seu entorno máis próximo se viu favorecido por contratacións menores realizados por administracións gobernadas polo BNG?, unha pregunta que, despois da intervención do noso portavoz na Comisión de Investigación podemos estender a outros insignes representantes do BNG, presuntamente beneficiados por contratos menores realizados por gobernos nacionalistas”.

“A verdade é que a Comisión de Investigación quedou finiquitada desde o momento en que tivo lugar, na súa terceira sesión, a comparecencia do conselleiro maior do Consello de Contas, o señor Juan Carlos Aladro e a posterior do ex conselleiro maior, o señor José Antonio Redondo”, sinalou o portavoz popular, quen destacou que “ambos botaron abaixo totalmente os argumentos utilizados polos grupos da oposición para crear esta Comisión de Investigación”.

En primeiro lugar, certificouse que todas as contratacións realizadas pola Xunta de Galicia foron totalmente legais e sometidas ao control dos órganos pertinentes. “É máis, os propios conselleiros maiores aseguraron que, de atopar calquera mínima cuestión que non se axustara á legalidade, teríano trasladado á Fiscalía para que o investigase xudicialmente, cousa que, como é patente, non teñen feito en ningún caso, avalando así todas e cada unha das contratacións realizadas pola Xunta nestes últimos anos”, indicou.

Ademais das comparecencias dos dous conselleiros maiores, Alberto Pazos afirmou que os propios grupos parlamentarios tiveron, e aínda teñen, á súa disposición unha extensa documentación sobre as contratacións realizadas pola Xunta desde o ano 2009 e o proceso seguido para a construción do Hospital Público Álvaro Cunqueiro, “sen que, ao seu pesar e despois de ter revisado minuciosamente toda esta documentación desde o pasado 22 de novembro, atoparan o máis mínimo dato co que poder sustentar as súas falacias sobre as supostas contratacións irregulares da Xunta de Galicia para beneficiar aos seus amigos”.

CONTRATOS MENORES: LEGAIS E ÚTILES

“Porque, como ben insistiron o mércores os ex altos cargos do Goberno bipartito, na parte correspondente ao BNG, que compareceron na Comisión, ‘os contratos menores en si non teñen ningún problema, son unha fórmula xurídica que está recollida na Lei de contratos do sector público. Son totalmente legais e son útiles para unha Administración pública, entre outras cousas, pola súa axilidade para determinadas cousas. Polo tanto, están recollidos na Lei de contratos e son para usar’”, recordou.

Respecto da construción do Hospital Público Álvaro Cunqueiro, o portavoz popular subliñou que “quedaron ben claras dúas cousas”. “Unha primeira, tal e como confirmou o propio conselleiro maior na súa comparecencia, que é totalmente falso que o Consello de Contas fale de sobrecusto nesta obra, xa que no seu informe está a comparar o custo que supuxo o modelo público-privado adoptado polo Goberno galego co investimento que conlevaría unha posible opción de financiamento público”, dixo.

Neste sentido, afirmou que esta posibilidade “quedou demostrado que era totalmente imposible naquel momento pola crise económica que se vivía e a prohibición para que as administracións públicas incrementaran a súa débeda”.

Ademais, tanto o informe realizado pola auditora Pricewaterhousecoopers como a comparecencia do representante da tamén auditora Garrigues “puxeron de manifesto que a opción que xa manexaba o Goberno bipartito de PSOE e BNG naquel momento era recorrer ao financiamento público-privado, non só para a construción dun hospital público en Vigo, senón outros 8 hospitais máis e 6 centros de alta resolución”, dixo.

“Tanto cacarexar e berrar que o Goberno do PPdeG recorrera ao financiamento publico-privado para a construción do Hospital Álvaro Cunqueiro, cando quedou moi claro que o Goberno bipartito tiña enriba da mesa os informes de dúas consultoras para a construción de hospitais públicos e centros de saúde con financiamento público-privado: en concreto, o informe de Garrigues falaba dunha sociedade mixta cun 90 por cento de capital privado e un 10 por cento de capital público; e Pricewaterhousecoopers, poñía de manifesto a falta total de financiamento público para esta obra a partir do ano 2008”, explicou o portavoz popular.

PAOS NAS RODAS

Xa para rematar, Alberto Pazos criticou a ausencia de representantes da oposición na reunión da ponencia da Comisión de Investigación para comezar a redactar as conclusións da mesma. “É lamentable que os grandes promotores desta Comisión de Investigación estean a poñer desde o primeiro momento paos nas rodas ao seu desenvolvemento, e a última falcatruada é a súa decisión de non asistir á convocatoria da reunión da ponencia, o que supón o máis claro exemplo de fuxida de perdedor e dunha perrencha infantil ao comprobar que non lle saen as cousas como queren ou como pretendían”.

“Desde o Grupo Popular imos seguir traballando para pechar como se merece esta Comisión de Investigación e acudiremos a todas as chamadas que se nos fagan desde os servizos xurídicos para levalo adiante”, asegurou.