O PPdeG reivindícase como o partido con máis alcaldesas de Galicia enxalzando a Nava Castro como unha das protagonista dos seus éxitos

O PPdeG reivindicouse hoxe como o partido con máis alcaldesas de Galicia (28 en total) asegurando que, grazas a rexedoras como Nava Castro, a muller é protagonista das políticas do Partido Popular e seguirá séndoo ao longo do próximo ano 2025.

 

Enxalzando tamén a outras alcaldesas do sur da provincia de Pontevedra como a de Mos, a de Oia ou a de Salvaterra do Miño, a secretaria xeral do partido, Paula Prado, tivo palabras ademais para grandes figuras masculinas como o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, que foi quen de transformar a Deputación nun lugar onde xa non hai sectarismos; e o presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, que coñece e coida cada recuncho da provincia.

 

A número dous dos populares galegos, rememorando as palabras de Nava Castro durante a campaña das eleccións municipais, cando dixo que quería “resetear” Ponteareas, felicitouna por logralo en tan só ano e medio como alcaldesa e por ter ademais contribuído aos grandes éxitos electorais deste ano.

 

En febreiro, os veciños de Ponteareas apoiaron ao presidente Rueda con máis dun 41% de voto e, en xuño, este concello deulle ao PP máis de 3.000 votos nas eleccións europeas. Uns resultados cos que, subliñou Paula Prado, o concello pode estar tranquilo de seguir contando nos Orzamentos da Xunta.

 

NAVA CASTRO: “CELEBREMOS O ESFORZO E OS LOGROS ACADADOS”

 

Pola súa banda, a alcaldesa Nava Castro quixo agradecer aos presentes a súa asistencia a un acto co que “non só celebramos estas datas tan entrañables, senón tamén o esforzo e os logros que acadamos grazas á vosa dedicación e apoio”.

 

“Estes encontros lémbrannos a importancia de compartir momentos máis alá do día a día político. O Nadal é un tempo de unidade, de reforzar lazos e de renovar as enerxías para seguir traballando con ilusión e compromiso polo noso concello”, asegurou animando aos asistentes a “seguir fortalecendo este proxecto común que nos motiva e nos une”.

O PPdeG pon en valor o compromiso, o traballo e o esforzo que fixeron de Enrique Sotelo o mellor alcalde da historia de Cangas

O PPdeG quixo hoxe recoñecer a Enrique Sotelo como o mellor alcalde da historia de Cangas e poñer en valor o seu traballo e esforzo, así como o seu exemplo de compromiso político durante os 3 mandatos que liderou.

 

Na comida de Nadal organizada hoxe polo partido en Cangas, a secretaria xeral do partido, Paula Prado amosouse convencida de que ao partido local tamén lle irá moi ben nesta nova fase. Non en balde, engadiu, o Partido Popular conta sempre con equipos fortes, unidos e compostos polos mellores.

 

A número dous dos populares galgos lamentou que, a pesar de que os cangueses saiban ben o que é ter un bo alcalde como foi Enrique Sotelo, hoxe teñan que padecer o que xa é unha tónica habitual dos gobernos conformados por pactos de perdedores: ser máis coñecidos polos seus escándalos que pola súa acción de goberno.

 

Unha situación protagonizada por quen se dedica a discutir en vez de a gobernar e que bloquean en vez de actuar. Tal e como acontece, engadiu, nun Goberno central cuxo día a día está marcado polos escándalos, a degradación institucional, as negociacións entre bambalinas e a imposibilidade de aprobar uns orzamentos.

 

Prado mostrouse moi critica con que o socialismo galego e o nacionalismo calen ante isto e ante os agravios de Pedro Sánchez a Galicia. Por sorte, engadiu, os galegos e galegas xa dixeron en febreiro que non compartían todo isto e volveron confiar no único partido centrado en defender os intereses de Galicia por riba de todo: o PPdeG, liderado por Alfonso Rueda.

 

Así mesmo, dixo estar segura de que o presidente nacional do PP, Alberto Núñez Feijóo, visitará pronto este concello como presidente do Goberno de España: “Os que estamos hoxe aquí sabémolo, tamén o di unha enquisa publicada hoxe, e para el tamén van moitos ánimos”.

 

Concluíu lamentando que, mentres o PP celebra estes días avance de Galicia, exemplificado en concellos coma Cangas, haxa algúns, liderados polo BNG, que queren volver ao pasado: “Quero reivindicar que sen industria e sen emprego, sempre respectando o noso medio ambiente, o futuro de Galicia non será próspero”.