O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a nova Lei de estatística de Galicia, un texto normativo que adapta a lexislación vixente desde hai 36 anos tendo en conta a achega de nova regulamentación, o desenvolvemento da tecnoloxía e a multiplicación das fontes de datos.
A viceportavoz do Grupo Popular, Cristina Sanz, sinalou que “os datos estatíticos contrastados e accesibles son unha ferramenta crucial para combater a desinformación e para tomar decisións en base a datos certos e de calidade”. “Necesitamos un sistema estatístico público sólido que ofreza datos oficiais para loitar con veracidade fronte á especulación, decidir a partir do rigor científico e a transparencia, e fomentar o pensamento crítico”, concretou.
“Desde os primeiros tempos, a actividade estatística galega estivo sometida aos principios de interese público, obxectividade, corrección técnica, confidencialidade e publicidade obrigatoria dos resultados”, pero co paso do tempo “a estatística oficial foi crecendo, mellorando e ampliando as informacións demográfica, social, económica, cultural e ambiental de Galicia”, sinalou a viceportavoz popular.
DATOS CONTRASTADOS
Cristina Sanz manifestou que esta nova lei adáptase á normativa actual sobre estatística e ao desenvolvemento da tecnoloxía, reforzando e garantindo o acceso do Instituto Galego de Estatística ás fontes administrativas para explotar e enlazar rexistros, integrando os datos en bases que multipliquen a información, xeren indicadores máis rápidos e permitan superar as delimitacións xeográficas tradicionais.
Así mesmo, a nova lei conecta o sistema estatístico, a planificación económica e a avaliación do impacto de políticas públicas, facilitando a investigación científica e o acceso dos investigadores aos datos protexidos polo segredo estatístico, baixo protocolos que preserven a confidencialidade.
“En definitiva, unha estatística galega que nos ofreza datos contrastados como piar fundamental dunha sociedade máis informada e crítica, unha estatística que protexa e fortaleza a nosa sociedade e a democracia”, rematou a viceportavoz popular.