O PPdeG traslada ao Congreso dos Deputados a solicitude de transferencia das competencias en materia de meteoroloxía concretas para unha máis precisa xestión das alertas derivadas dos avisos meteorolóxicos en Galicia co fin de contar cun sistema meteorolóxico “con capacidades de alta precisión e adaptado ás características particulares da Comunidade”.
Logo de que o pasado mes de decembro o Parlamento de Galicia aprobase esta demanda e á espera de que o Goberno central faga efectivo o traspaso desta competencia, os deputados galegos na Cámara Baixa veñen de rexistrar unha proposición non de lei coa que afondan na importancia desta demanda “para garantir a seguridade e a resiliencia da poboación galega e os seus sectores produtivos”.
No texto da iniciativa explican que, aparte de existir precedentes de comunidades autónomas que xa teñen avanzado no seu autogoberno no relativo ás competencias sobre meteoroloxía e emerxencias, como é o caso do País Vasco e Cataluña, Galicia conta ademais con “rasgos xeográficos e climáticos particulares” polo que é preciso contar cunha rede de medición de parámetros meteorolóxicos máis completa e precisa no territorio.
Fan referencia así á súa extensión costeira, ao seu clima proclive a precipitacións intensas e ventos de alta velocidade, á influencia das mareas en núcleos poboacionais e industriais, e a como a combinación de todos estes factores afecta de xeito particular ás numerosas áreas rurais espalladas por todo o territorio.
“A especificidade climática de Galicia demanda un sistema meteorolóxico con capacidades de alta precisión e adaptado ás súas características particulares”, argumentan sinalando que a creación do organismo autonómico Meteogalicia derivou precisamente da “insuficiencia” da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) para responder a estas necesidades específicas.
Desde a súa posta en funcionamento, destacan, MeteoGalicia consolidouse como “un referente na observación e predición climática” que conta cunha rede de radares avanzados e precisos cubrindo todo o territorio –en total, 160 estacións meteorolóxicas fronte ás 52 da Aemet– e que, grazas á súa proximidade e ao seu coñecemento do terreo, proporciona avisos máis axustados ás realidades locais e que melloran así as alertas temperás para a prevención dos riscos.
“A pesar da súa demostrada eficacia, Meteogalicia desprega de maneira limitada a súa capacidade por unha supeditación ao sistema estatal. Algo que restrinxe a súa capacidade para desenvolver todo o seu potencial”, conclúe a iniciativa dos populares e polo cal instan ao Goberno central a adoptar as seguintes medidas:
- Reforzar e mellorar a colaboración xa existente coa Xunta de Galicia para que MeteoGalicia ostente competencias suficientes que permitan equiparar os efectos xurídicos dos avisos meteorolóxicos propios cos da Aemet, respectando e compartindo as competencias do Goberno central nesta materia en todo o territorio do Estado.
- Garantir un incremento do investimento na rede de observación e predición meteorolóxica autonómica, con especial énfase na mellora de infraestruturas como radares, estacións meteorolóxicas e sistemas de modelización climática.
- Transferir á Comunidade Autónoma de Galicia os recursos persoais e materiais precisos, en virtude da delimitación das competencias estatais e autonómicas, no marco dunha política de xestión de riscos climáticos adaptada á realidade territorial e climatolóxica galega.