O Partido Popular de Galicia volve reclamar ao Goberno central a elaboración do estudo sobre o custo económico que suporían o rescate e a gratuidade da autoestrada AP-9 en cumprimento do mandato trasladado tanto polo Parlamento galego como polo Congreso dos Deputados.
Faino a través dunha pregunta que veñen de rexistrar os deputados galegos Celso Delgado, Tristana Moraleja e Pedro Puy; representantes do Grupo Popular na ponencia encargada de debater a Proposición de Lei Orgánica de transferencia da titularidade e competencias da autoestrada do Atlántico a Galicia na Cámara Baixa
No seu escrito demandan saber se o Ministerio de Transportes elaborou xa dito estudo do mesmo xeito que o ten feito o Goberno galego, o cal en xuño de 2024 encargou a unha empresa experta e independente un estudo pormenorizado do custe económico dos diferentes escenarios en torno ao futuro da autoestrada.
Os populares galegos recordan que o 25 de setembro de 2024 o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade unha Proposición non de lei do Grupo Popular na que se solicitaba ao Goberno de España a elaboración dun estudo serio e minucioso sobre o custo que suporía o rescate e a gratuidade da AP-9.
Anteriormente, no Pleno do Congreso celebrado o 13 de xuño de 2024 e con ocasión do debate dunha moción sobre a autopista do Atlántico, xa fora aprobado un texto transaccionado polo Partido Popular no que, na mesma liña, instaba tamén ao Goberno a encargar un estudo no que se explorasen as vías xurídicas para a anulación da prórroga e a avaliación dos custos económicos que tería para o Estado a asunción da xestión directa da AP-9.
Ante a falta de avances neste sentido, o deputado Celso Delgado afeou ao propio ministro Óscar Puente na súa comparecencia no Congreso o 16 de outubro de 2024 que non cumprise o mandato do Congreso para realizar o citado estudo e contrapuxo a actitude do Goberno central coa do Goberno galego, quen por esas datas xa fixera publicas as conclusións do estudo que encargara.
UN NOVO ESCENARIO ECONÓMICO
Cómpre recordar que as bonificacións aprobadas polo Goberno central para os usuarios desta autoestrada implican un cambio substancial no escenario no que se enmarcaba o debate sobre os custos da súa transferencia e recate, que conlevaría tamén a gratuidade do viario.
Coas novas cifras, o custo da indemnización por rescate aplicando unha taxa de desconto (2.331 M€) e o custo das bonificacións ata final de concesión, aseméllanse de xeito considerable. De aí que desde o PPdeG inviten ao Ministerio a reflexionar acerca da oportunidade de levar a cabo o rescate da concesión.