O PPdeG denuncia a “contaminación” dun PSOE e dun BNG situados ao carón dos enganos de Sánchez en vez de na defensa dos intereses de Galicia

O Partido Popular de Galicia denuncia que o PSOE galego e o BNG están situados ao carón de Pedro Sánchez na súa pretensión de enganar a todos os galegos e galegas e acúsaos de primar os intereses do independentismo catalán fronte aos intereses de Galicia.

En declaracións aos medios sobre asuntos de actualidade esta mañá nunha visita a Vilagarcía de Arousa, a secretaria xeral do partido, Paula Prado, asegurou que “unha vez máis o Goberno central rectificou obrigado polo independentismo catalán e só para que Sánchez siga no poder, non para servir aos españois”.

Nesta liña defendeu que o Partido Popular “segue estando onde sempre estivo”, que é “a favor da subida das pensións, dos descontos no transporte público, das axudas a Valencia e da propiedade privada e en contra das subidas de impostos, da protección aos okupas e da manipulación e a chantaxe constante de Sánchez”.

A número dous dos populares galegos acusou ao alcalde de Vilagarcía, o socialista Alberto Varela, de ser “un dos soldados máis fieis de Pedro Sánchez con todo o que iso supón” e de pertencer a un PSOE “contaminado de sanchismo”.

Unha “contaminación” que, tal e como explicou, se manifesta en que o socialismo “xa non quere saber nada dos concellos porque só pensa en dar privilexios aos seus” e, do mesmo xeito, “xa non quere saber nada de institucións independentes porque só pensa en asaltalas”.

“Só así se entende que o PSOE estea perdendo fondos en todos os concellos que goberna e que tamén, con Alberto Varela á fronte, a Fegamp se convertera nunha plataforma de ataque político en vez de ser unha ferramenta de consenso para levar as revindicacións de todos os concellos galegos a bo porto”, afirmou.

Paula Prado invitou así ao presidente do organismo que representa aos concellos galegos a defender o financiamento municipal solicitando ao Goberno central que permita ás entidades locais o uso dos seus remanentes orzamentarios “naquilo que precisan e non no que Pedro Sánchez decida de xeito unilateral”.

ANA GRANJA: “O PSOE ESTÁ CANSADO DE GOBERNAR VILAGARCÍA”

Ao fío das declaracións da secretaria xeral do PPdeG denunciando que Vilagarcía é “o único dos dez principais concellos de Galicia que perde poboación” e que ademais “deixou escapar 2 millóns de euros de fondos europeos Edusi”, a líder local do partido quixo poñer en evidencia “o declive” ao que o PSOE levou á vila.

“É terrible que Vilagarcía estea perdendo poboación pola actitude dun Goberno local que dificulta e non apoia aquelas iniciativas que potenciarían o noso concello e que ofrece a mentira como única solución”, indicou Ana Granja acusando ao equipo de Alberto Varela de estar “desmotivado, aburrido e cansado de gobernar” e reivindicando a oposición “crítica pero propositiva” do Partido Popular.

BAYÓN: “ESTA LEXISLATURA É DE TODO MENOS PRÓSPERA”

Pola súa banda, o deputado no Congreso Juan Andrés Bayón tamén quixo referirse á situación nacional e denunciou as manipulacións de Pedro Sánchez ao “separar agora un decreto que era inseparable e que se reduciu de 80 medidas a 29”.

“O PSOE terá que explicar aos vilagarciáns por que intentaron manipulalos e enganalos e por que agora teñen que dar marcha atrás para poder seguir adiante nunha lexislatura que é de todo menos próspera para a cidadanía”, afirmou.

O debate político e a falta de argumentos

Carlos Moledo.

Nos últimos días, un episodio no Parlamento galego puxo de manifesto unha das eivas do debate político en Galicia. Sempre se dixo que dous non berran se un non quere, e hoxe temos que engadir que dous non razoan se un non pode.

Neste pleno en cuestión, primou a falta de argumentación sólida e o recurso a estratexias que, lonxe de enriquecer o diálogo, buscan desviar a atención. A deputada do PP de Galicia e presidenta de NNXX, Nicole Grueira, defendeu con convicción as medidas da Xunta relativas ao medio rural. A vontade da intervención, máis alá das cores políticas, foi a de mellorar a calidade de vida das xentes do rural, un dos grandes retos do noso tempo.

Así e todo, a réplica a esta intervención por parte do deputado nacionalista Iago Suárez, foi un exercicio de escapismo político. En vez de formular unha crítica construtiva ou propoñer alternativas útiles, optou pola fórmula máis doada: desviar a atención cara á autora do discurso. Preguntouse se Grueira elaborara o seu propio argumento ou se precisara axuda. A insinuación non só era infundada e malvada, senón que revelaba unha actitude paternalista, machista e inmadura, impropia de quen ostenta unha representación de tal tipo. Tampouco esquezamos que estamos a falar do Secretario Xeral da Unión da Mocidade Galega,  que quizais inspirado por algún dos pais do seu pensamento político -grandes defensores dos dereitos das mulleres-  decidiu iniciar deste xeito tan pouco benevolente a súa intervención e réplica. E todo isto sen plantexar o que pasaría se os papeis fosen os opostos. Menos mal que a oposición en Galicia non son destes que están todo o día gabándose como máximos e mellores defensores dos dereitos mulleres. En fin.

O ton da intervención do deputado nacionalista non fixo máis que agravar a situación. A seguridade coa que expresou o seu comentario, sumada á actitude de complacencia cara a Ana Pontón, evidencia un patrón preocupante: a utilización da súa suposta superioridade moral como ferramenta política. Esa actitude, tan propia do Bloque e do resto da esquerda (véxase a valentía das Xuventudes Socialistas de Galicia, cos seus grandes éxitos de “Rueda e Feijóo. Eles deixáronme morrer”), amosa que, máis alá das formas, segue a prevalecer un fondo que busca deslexitimar aos adversarios políticos en vez de rebatelos con argumentos.

Realmente o que resulta máis rechamante non é só a ausencia dun discurso razoado, senón a naturalidade coa que se lanzan este tipo de comentarios. Facer unha crítica construtiva require traballo, propostas e un esforzo por mellorar as iniciativas existentes. E neste caso, o deputado nacionalista optou polo camiño máis curto, facendo uso dun comentario que pouco ou nada engade ao debate real, do quen tan preocupados din estar.

Galicia merece moito máis. Para pensar.