O Parlamento de Galicia pide por unanimidade á Mesa do Congreso que desbloquee a tramitación da proposición de lei de transferencia da AP-9

O Pleno do Parlamento de Galicia acordou hoxe, a través dunha proposición non de lei do Grupo Popular, dirixirse ao Congreso dos Deputados, en particular á Mesa e a súa Presidenta, co fin de que desbloquee a tramitación da proposición de lei orgánica de transferencia da titularidade e competencias da AP-9 á Comunidade galega, en concreto, acordando, de xeito inmediato, a finalización do prazo para a presentación de emendas para permitir que este texto lexislativo avance cara ao debate de aprobación definitiva. Así mesmo, demándase ao Ministerio de Transportes que avalíe a oportunidade do rescate da autoestrada AP-9, xa que sería máis económico que o mantemento das bonificacións das peaxes ata o fin da concesión.

O portavoz popular de Infraestruturas, Roberto Rodríguez, lembrou que o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade en decembro de 2023 por cuarta vez unha proposición de lei solicitando a transferencia a Galicia da competencia sobre a xestión da AP-9. “A partir dese momento foi medrando a desconfianza sobre a posibilidade de que esta lexítima demanda fora unha realidade a curto prazo, desconfianza que cesou cando no pasado mes de outubro Pedro Sánchez dixo non a transferencia, non á gratuidade e non ao rescate da AP-9, en definitiva, unha vez máis non a Galicia”, indicou.

AS PEAXES MÁIS ALTAS E AS QUE MÁIS SUBEN

“Desde onte van xa 21 prórrogas aprobadas pola Mesa do Congreso ao trámite de emendas á proposición de lei orgánica de transferencia da AP-9, que xunto aos 15 aprazamentos da lexislatura pasada suman 36 labazadas ao acordo unánime aprobado neste Parlamento galego”, explicou o portavoz popular, quen lamentou que “non é que a Galicia se lle estea a negar a transferencia, e que se lle está a negar mesmo o debate”.

Roberto Rodríguez afirmou que a AP-9 ten as peaxes máis altas da súa historia e subliñou que “desde que goberna Pedro Sánchez esta autoestrada é na que máis subiron as peaxes de España, cun incremento acumulado que supera o 28 por cento”.

Ademais, apuntou que o Goberno de Pedro Sánchez ten feitos gratuítos 4 de cada 10 quilómetros de peaxe, o que supón 1.000 quilómetros menos de pago en toda España, “pero ningún na Comunidade galega”.

Respecto do rescate da AP-9, o portavoz popular dixo que “a nova contía anual das bonificacións aprobadas polo Goberno central abre un novo escenario que invita a considerar seriamente o seu rescate”, xa que, “co incremento a 81 millóns de euros anuais das bonificacións das peaxes, o custo da indemnización por rescate, aplicando unha taxa de desconto, e o custo das bonificacións ata o final da concesión aseméllanse de maneira considerable”.

SEN RESPOSTAS AO GOBERNO GALEGO

Roberto Rodríguez asegurou que “ao Goberno galego gustaríalle ter a oportunidade de trasladarlle persoalmente ao Goberno de España a petición de que avalíe a oportunidade deste rescate da autoestrada AP-9, pero despois de oito solicitudes da conselleira de Infraestruturas para ser recibida polo ministro de Transportes o resultado foi cero respostas”.

“Esiximos un trato xusto e equitativo que o Goberno de Pedro Sánchez nos nega, así como rigor e transparencia porque descoñecemos tanto a información que lle foi remitida á Comisión Europea trala apertura dun expediente para analizar a situación da moratoria da concesión, como os termos do estudo realizado polo Goberno de España sobre o custo económico do rescate da concesión da AP-9”, manifestou o portavoz popular, quen apuntou que “o que si coñecemos son os pronunciamentos do Consello Consultivo de Galicia e da Comisión Galega de Competencia que alertan do carácter abusivo dos acordos entre o Estado e a concesionaria”.

O Grupo Popular considera imprescindible mobilizar as vivendas baleiras para dar solución á oferta de alugueiro

A deputada do Grupo Popular María Deza considerou hoxe no Pleno “imprescindible mobilizar as vivendas baleiras para dar solución á oferta de vivendas en alugueiro”, polo que demandou que “todas as administracións remen, na esfera das súas competencias, a prol da mellora das condicións de desenvolvemento do solo, do aumento da oferta e da mobilización do parque existente”.

María Deza explicou que o Goberno galego “procura incrementar a oferta de vivenda existente non só coa creación de vivenda nova, con medidas que incentiven a xeración de solo finalista ou con incentivos que melloran as condicións de acceso á vivenda, senón tamén coa aposta pola rehabilitación do parque existente a través de programas como o Rexurbe”.

Na súa intervención, a deputada popular afirmou que os pequenos propietarios “non poñen as súas vivendas no mercado do alugueiro porque, en primeiro lugar, moitas requiren un importante investimento para acondicionalas e, tamén, porque teñen medo a non cobrar, ás okupacións, a que lles esnaquicen as súas propiedades ou a que os cambios continuos de prezos e duración de contratos os deixen en situación de indefensión”.

POLÍTICA ERRÁTICA DO GOBERNO CENTRAL

“Medos todos eles derivados da política errática levada a cabo polo Goberno de España nos últimos anos e que causa unha grande inseguridade xurídica a moitos propietarios de vivendas, que prefiren mantelas baleiras”, sinalou.

Neste sentido, María Deza destacou as actuacións postas en marcha pola Xunta para impulsar o incremento de vivendas baleiras en alugueiro, como o programa de vivendas vivas ou o programa de mobilización de vivendas para alugamento, así como medidas fiscais orientadas a estimular a posta de ben inmobles no mercado do alugueiro.

O Grupo Popular amosa a disposición a aumentar o persoal de saúde mental e acadar a media estatal sempre que existan profesionais dispoñibles

A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, amosou hoxe no Pleno a disposición da Xunta a aumentar os recursos humanos na área de saúde mental no sistema público de Galicia, ata acadar a finais de 2026 a media de profesionais de España, “sempre que existan profesionais dispoñibles para súa contratación”.

Encarna Amigo salientou que “Galicia está facendo un esforzo sostido por reforzar a atención á saúde mental, tanto no eido administrativo, coa creación dunha subdirección específica de Atención á Saúde Mental na Consellería de Sanidade, como no incremento de recursos e profesionais para a atención aos pacientes”.

En concreto, referiuse á creación de 244 novas prazas, das que xa están cubertas máis do 90 por cento, o que permite que a media diaria de profesionais da saúde mental en Galicia sexa hoxe de 557, case o dobre das que había en 2009. “Ademais, pasamos dos 7,4 psiquiatras por cada 100.000 habitantes no 2019 a 8,6 na actualidade”, apuntou.

Dentro do ámbito da formación, incrementáronse un 38,46 por cento as prazas para profesionais de psiquiatría, dobráronse as prazas para psicoloxía clínica e multiplicouse por 10 a oferta de prazas formativas para enfermería especialista en saúde mental.

“Fomos pioneiros co desenvolvemento dun Plan de Saúde Mental 2020-2024, que supuxo a creación de novas unidades de saúde mental, a unidade de hospitalización psiquiátrica infanto-xuvenil do Álvaro Cunqueiro, os hospitais de día infanto-xuvenís en todas as áreas sanitarias ou as novas unidades de psicoxeriatría e primeiros episodios psicóticos de A Coruña”, subliñou.

O Grupo Popular asegura que “o noso modelo lingüístico non é a imposición, senón que os que xa coñecen o galego o utilicen con máis frecuencia e se sintan orgullosos da nosa lingua”

O portavoz de Lingua do Grupo Popular, José Luís Ferro, asegurou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “o noso modelo lingüístico non é a imposición senón conseguir que a maioría dos galegos que xa coñecen a nosa lingua un paso máis e comecen a utilizala con máis frecuencia e a sentirse orgullosos dela”. “Neste proxecto cabemos e caben todos, chámense como se chamen, naceran onde naceran e falen a lingua que falen, porque temos as portas abertas coa única condición de que respecten aos que se chamen de forma distinta, pensen distinto ou se sintan distintos, pero que estean dispostos a colaborar neste proxecto de igualdade e liberdade”, apuntou.

José Luís Ferro manifestou que “a nosa lingua non é, nin debe ser, algo que entre no debate partidista, senón un ben común que nos une e singulariza que todos debemos defender usando con absoluto coñecemento e normalidade, sen excluír para nada o manexo conveniente doutras linguas”.

TEMPOS PASADOS

Na súa intervención, lembrou que “durante séculos o galego foi violentado no máis íntimo do pobo, transmitindo o sentimento absurdo de que a nosa fala era cousa de xentes de segunda”, pero subliñou que “eses tempos xa pasaron e déronse nun contexto histórico que non se pode xulgar cos ollos da actualidade, porque se así se fixera sería cometer un erro tan grande como querer circunscribir a grandes figuras de Galicia, como Castelao, Curros ou Rosalía, nunha determinada ideoloxía actual”.

O portavoz popular recordou que a Xunta “impulsou un escenario de diálogo constituíndo grupos sectoriais para renovar o Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004, composto por máis de 100 profesionais comprometidos coa nosa fala e poñendo un prazo de 15 meses para rematar os traballos, ao tempo que xa se anunciou unha senda de crecemento orzamentario para seguir impulsando políticas en beneficio da nosa lingua”.

“Mentres vostedes viven nun nacionalismo desintegrador e excluínte, nós estamos nun galeguismo dual, ou de dobre nacionalidade, integrador e incluínte”, manifestou Ferro dirixíndose aos deputados do BNG, para continuar asegurando que “a nosa bancada é galeguista porque nos identificamos coa comunidade na que nacemos, identificámonos coas nosas tradicións, patrimonio cultural e, sobre todo, coa nosa lingua, orgullosos de ser galegos pero sen excluír a ninguén”.

O PPdeG salienta que o modelo de coxestión do marisqueo entre Xunta e o sector é avalado e posto como modelo pola Comisión Europea

O portavoz do Mar do Grupo Popular, Miguel Figaldo, salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que o modelo de coxestión do marisqueo entre Xunta e o sector “está sendo avalado e posto como modelo pola propia Comisión Europea”. Neste sentido, lembrou que “o mariscador quere vivir do seu traballo e non das axudas, polo que a prioridade é recuperar a produtividade dos bancos marisqueiros, que é o que está a facer o Goberno galego”.

Miguel Fidalgo afirmou que o marisqueo “é un sector estratéxico pola súa relevancia socioeconómica e medioambiental, ao contar con máis de 3.600 permisos de explotación, case 2.500 embarcacións na modalidade de marisqueo a flote e 700 permisos con algunha modalidade de recursos específicos”. Ademais, destacou que “é unha actividade na que participan máis de 70 entidades asociativas que, no último exercicio, alcanzou unha produción superior ás 5.100 toneladas, cun valor de 62,6 millóns de euros”.

SITUACIÓN COMPLEXA

Na súa intervención, o portavoz popular recoñeceu que o sector marisqueiro galego “está a vivir unha situación complexa”, pero avogou por “fuxir da demagoxia á que acostuman os grupos da oposición, porque a Xunta está a afrontar as dificultades conxuntamente co sector”.

“Somos a única rexión que ten un sistema real de cogobernanza a través dos 92 plans de xestión elaborados polo propio sector, que se aproban cada tres anos e se ocupan tanto da explotación dos recursos como da organización dos traballos non extractivos, como son as labores de conservación das condicións das poboacións explotadas”, indicou.

Ademais, Miguel Fidalgo lembrou que a Xunta xa publicou, desde outubro de 2023 ata a actualidade, 13 ordes de axudas relacionadas directamente co marisqueo no marco do Plan de Competitividade e Sostibilidade, que superan os 50 millóns de euros, ás que hai que engadir outras actuacións destinadas á mellora do marisqueo e dirixidas a axudas tanto a confrarías como á xestión da biodiversidade ou actividades marisqueiras.

O PPdeG denuncia o “agravio comparativo” que supón que o Congreso debata todas as solicitudes dos socios de Sánchez mentres a transferencia da AP-9 a Galicia acumula xa 36 adiamentos

Os deputados do PPdeG no Congreso denuncian o “agravio comparativo” que supón o feito de que a Cámara Baixa admita a trámite todas as iniciativas que rexistran os socios de Pedro Sánchez mentres, ao mesmo tempo, siga bloqueando o debate sobre a transferencia da AP-9 a Galicia.

Fano logo de que hoxe mesmo a Mesa do Congreso dos Deputados, dominada polo PSOE e Sumar, acordase a 36ª prórroga no prazo de presentación de emendas á proposición de lei orgánica relativa a esta cuestión desde que Pedro Sánchez asumise a Presidencia do Goberno de España.

“É absolutamente inexplicable e inxustificable que non se faga caso a esta demanda aprobada pola unanimidade do Parlamento de Galicia e siga bloqueándose a súa tramitación parlamentaria”, denuncia o deputado galego e vicepresidente segundo da Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible do Congreso, Celso Delgado.

O parlamentario popular pon o foco en que, mentres o Goberno de Sánchez segue afondando na súa aldraxe a Galicia, o Congreso si debate iniciativas a petición do resto de grupos e especialmente aquelas relativas derivadas dos partidos separatistas e do resto de socios de Pedro Sánchez.

“Non nos explicamos como o BNG pode seguir apoiando ao Goberno de Sánchez e subscribindo moitas destas iniciativas cando é a costa de seguir maltratando a Galicia”, lamentan desde o PPdeG.

O Grupo Popular reitera a súa aposta polo modelo da Unidade de Policía Adscrita a Galicia e agarda que frutifiquen as conversas para cubrir as vacantes

A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, reiterou hoxe no Pleno do Parlamento galego que no PPdeG “apostamos polo modelo da unidade de Policía Adscrita” e agardou que “as conversas que se están mantendo ao máis alto nivel frutifiquen nun acordo favorable para Galicia e se cubran as vacantes existentes na actualidade”. “Para nós, o autogoberno non é botar ás forzas e corpos de seguridade do Estado”, manifestou a viceportavoz popular, quen anotou que “se asumir as competencias de tráfico e seguridade viaria supón renunciar á presenza da Policía Nacional e da Garda Civil en Galicia preferimos non ter esas competencias”.

Paula Prado subliñou que o PPdeG “sempre amosou unha actitude sensata pero comprometida no que se refire a reforzar o noso autogoberno, pero sempre desde a lealdade e o respecto ás forzas e corpos de seguridade do Estado”.

“Nós sempre estivemos de acordo con que Galicia asumira o desempeño das competencias de tráfico e, máis concretamente, as actuacións referidas á planificación, ordenación, xestión e vixilancia do tráfico, así como as denuncias sobre infraccións nesta materia”, lembrou a viceportavoz popular, pero amosou o seu rexeitamento á proposición de Lei do BNG debatida hoxe no Pleno porque “non quere as competencias para mellorar a seguridade dos galegos e galegas, senón avanzar cara o obxectivo que sempre tiveron: botar á Policía Nacional e á Garda Civil fóra de Galicia”.

NUNCA CEDEREMOS A CHANTAXES

Neste sentido, asegurou que, “mentres goberne o Partido Popular, a Policía Nacional e a Garda Civil seguirán en Galicia prestando os seus servizos, e nunca cederemos ás chantaxes do independentismo nin nunca empregaremos ás forzas e corpos de seguridade do Estado como moeda de cambio para obter beneficios políticos ou simplemente para seguir no poder”.

A viceportavoz popular explicou que o BNG “xa puxo sobre a mesa hai unhas semanas a través dun documento da UPG cales son as súas verdadeiras intencións: lanzar iniciativas encamiñadas á independencia de Galicia, entre elas a creación dunha Policía galega”. “Esta proposta leva anos no ADN dos nacionalistas galegos e nas pasadas eleccións autonómicas a plasmaron no seu programa electoral, que tentaron afastar o máximo posible da vista dos galegos: aparte de propoñer a expulsión do castelán das aulas, detallaban paso a paso o seu plan para expulsar tamén á Policía Nacional e á Garda Civil de Galicia, como fixeron os seus camaradas de Bildu en Navarra”, concretou.

Para rematar, Paula Prado afirmou que o BNG “son irrelevantes, porque o seu apoio incondicional a Pedro Sánchez é a cambio de nada” e cuestionou “onde quedou aquelo de asegurar a Galicia o mesmo estatus que a Cataluña ou o País Vasco”, citando en contrato os 156 axentes que se necesitan para completar a Unidade de Policía Adscrita a Galicia ou os cinco xulgados de violencia de xénero comprometidos.

El PP saca adelante en el Senado tres mociones sobre el atún, la importancia de fomentar el consumo de pescado y el registro de la flota

La Comisión de Pesca del Senado da luz verde a las tres mociones del Grupo Parlamentario Popular, defendidas por el portavoz en dicha Comisión y senador gallego, Manolo Ruiz.

La primera moción, aprobada a pesar del voto en contra del PSOE, insta al Gobierno a que defienda ante la Comisión Europea la exclusión total del atún del Acuerdo de Libre Comercio con Tailandia y, por tanto, del proceso de liberalización arancelaria. Adquiriendo el Gobierno de España un compromiso firme y activo con esta posición, liderando la misma en Europa como una línea roja que no se puede traspasar.

También pide el establecimiento de normas sólidas y equitativas que garanticen la igualdad de condiciones entre Tailandia y la Unión Europea que evite la competencia desleal en todos los productos pesqueros.

La segunda iniciativa, aprobada por unanimidad, pide implementar medidas para que en los comedores de los colegios no se aparten de las recomendaciones de la Agencia Española de la Seguridad Alimentaria y Nutrición y se implique, activamente, en las campañas que incentiven el consumo de pescado con especial incidencia en la población juvenil e infantil.

La tercera propuesta del PP, aprobada por amplia mayoría, a pesar de la abstención del PSOE, exige al Gobierno las medidas necesarias para que se pueda activar un mecanismo de segundo Registro para la flota pesquera de bandera española que opera fuera de las aguas del caladero nacional, para frenar la pérdida de unidades, retener tripulantes y mejorar su competitividad afianzando las expectativas de futuro del sector pesquero español y la soberanía alimentaria que representa.

Os eurodeputados do PPdeG salientan a relevancia que tiveron o desenvolvemento industrial e a pesca na visita de Rueda a Bruxelas

Os eurodeputados do Partido Popular de Galicia, Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez, valoran moi positivamente a visita que fixo esta semana a Bruxelas o presidente galego, Alfonso Rueda, e salientan a relevancia que tiveron o desenvolvemento industrial e a pesca na súa axenda.

“Celebro moito que o desenvolvemento industrial e a pesca, tan importantes para a economía galega, ocupasen un lugar central na visita do presidente”, subliña Millán Mon, en referencia ás reunións coa vicepresidenta da Comisión Europea Teresa Ribera e co comisario de Pesca, Costas Kadis, tendo en conta que a industria “é importantísima” para Galicia e, doutra banda, a Comunidade “ostenta con orgullo o título de ser a primeira rexión pesqueira de Europa”.

Nunha valoración remitida aos medios sobre a viaxe de Alfonso Rueda, os eurodeputados galegos felicítano, en primeiro lugar, polo seu nomeamento como vicepresidente do Comité Europeo das Rexións e como coordinador da delegación española nese Comité. “Foi moi relevante a súa intervención no Comité das Rexións defendendo o papel das Comunidades Autónomas no deseño e a xestión dos fondos europeos”, di Millán Mon.

Na mesma liña, Adrián Vázquez destaca que “Rueda e a Xunta desembarcaron con moitísima forza en Bruxelas”, xa non só polos devanditos nomeamentos, senón porque, xunto aos conselleiros, “puido sacar peito do bo traballo que se fai en Galicia”.

“A min paréceme que non favorece aos intereses galegos un modelo de centralización similar ao dos Fondos Next Generation, que está a ter tantos problemas de eficiencia, de absorción e mesmo diría de distribución”, explica Francisco Millán Mon sobre as cuestións que tratou o presidente.

Nese sentido, o eurodeputado pontevedrés sinala que o futuro dos fondos europeos, como dixo o presidente galego, “pasa por incrementar a participación das comunidades autónomas e as entidades locais”.

“Fixo moi ben en pedir que eses fondos de cohesión e esa descentralización que é tan importante para países como España non só se manteña, senón que se incremente nos próximos anos”, apunta Vázquez.

En canto ás enerxías renovables, o eurodeputado lalinense insta a “seguir buscando esa sustentabilidade que tanto pediu a Unión Europea nos últimos anos e a deixar que o traballo técnico fundamente futuros proxectos industriais”.

O TRABALLO DE “DESMENTIR BULOS”

Por último, Adrián Vázquez lamenta que o PPdeG teña que “desmentir, constantemente, bulos que sobre todo infunde o BNG co único afán de danar os intereses de Galicia en Europa”. “É unha pena que teñamos que facer ese traballo en Bruxelas de desmentir as mentiras constantes que o único que fan é danar os nosos intereses como comunidade punteira”, agrega.

Sobre o PSdeG, para rematar, Vázquez advirte que “nin está nin se lle espera” e “a verdade, nin sequera se sabe o que fixeron estes días ademais de criticar”.

Rueda traslada a Luisa Sánchez o seu apoio para esta “enorme responsabilidade” nun Vigo no que “quedan moitísimas cousas por facer”

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, trasladou a Luisa Sánchez o seu apoio e o do Partido Popular de Galicia para a “enorme responsabilidade” que asume desde hoxe nunha cidade, Vigo, na que “quedan moitísimas cousas por facer”.
“Grazas, Luisa, por ser valente e ser quen de aglutinar a tanta xente. Hoxe empeza unha nova etapa e estaremos todos contigo para que asumas con éxito esta enorme responsabilidade”, remarcou ante os asistentes ao XIV Congreso Local do PP de Vigo no que Luisa Sánchez foi proclamada nova presidenta cun apoio do 96,8 %.
Rueda salientou o “paso á fronte” da nova líder, que ten claro que “aquí non hai nada imposible”, e recomendoulle “ter sentidiño, realismo e ir paso a paso”, marcándose “metas alcanzables”, “avanzando e nunca retrocedendo, sen deixarse distraer”. Ademais, instou ao novo equipo a “non desperdiciar” esta principio do que “ten que saír moitísima ilusión”.
Así mesmo, animou a Luisa a “aproveitar” a toda a xente que forma parte do PP de Vigo, a tantos militantes “de sempre” que estiveron “ás duras e ás maduras”, sempre pensando na “unión para conseguir cousas”. “Anímote a escoitar a cada persoa, cada unha coas súas lexítimas opinións e o seu xeito de entender esta cidade, pero todas co mesmo obxectivo e convencemento de mellorala”, engadiu.
Nese sentido, o líder dos populares galegos salientou a Historia do PP na primeira cidade de Galicia e agradeceu o traballo de todos os presidentes e presidentas locais que tivo ata agora o partido na cidade.
“AQUÍ NON SE PODEN PERDER MÁIS OPORTUNIDADES”
Por outra banda, Rueda alertou de que “o mundo vai moi rápido e en Vigo non se poden perder máis oportunidades”, polo que “quen non estea —dixo— por tender pontes e non illarse vai pagar as consecuencias”. “Vigo ten que ser unha cidade puxante e o ruído non vale de nada”, apuntou.
Neste sentido, apelou ao “espírito de cooperación” e a “seguir facendo moitas cousas” pola urbe olívica, pero sempre “con administracións que sexan responsables”, porque “a confrontación por sistema non é boa para conseguir as cousas, ao contrario”. “Non creo que haxa que buscar sempre inimigos exteriores que sempre teñen a culpa de todo. Aquí non hai ninguén dedicado a amolar, todos queremos que na primeira cidade de Galicia todo sexa posible”, agregou.
O presidente do PPdeG lembrou que en Vigo tamén hai moito dese “Estilo Galicia” e “Galicia Calidade” que o Goberno galego quere implantar nas catro provincias, con proxectos que a xente “entenda, aprecie e considere como seus, como avances conseguidos entre todos en boa harmonía”.
Entre os moitos compromisos xa cumpridos ou en marcha nesta urbe, puxo como exemplo a Cidade da Xustiza, un “orgullo” e un “emblema”; o polígono de Navia, onde se van concentrar a maior parte das vivendas públicas que se van construír esta lexislatura en Galicia; o IES de Navia, que “por fin podemos facer”; o Centro de Asociacionismo, que “ten que existir igual que noutros sitios”; e o Complexo Hospitalario Álvaro Cunqueiro, que é “un orgullo que provoca o orgullo de todos, empezando polos que traballan aí”.
LUIS LÓPEZ: “A PROVINCIA NECESITA UN PP DE VIGO FORTE E EXEMPLAR”
Pola súa banda, o presidente do PP de Pontevedra, Luis López, destacou a capacidade de traballo da nova presidenta do PP de Vigo, así como o talento e a proximidade que amosa día tras día. “Luisa sabía que dar o paso era arriscado, e aceptou; que era mellor quedar como estaba, e comprometeuse; que esta tarefa era difícil, e respondeu; como demostra tamén que é a mellor aliada de Vigo na Deputación”, destacou o presidente provincial.
Luis López amosou o seu apoio incondicional á nova presidenta local e indicou que todo o PP provincial se poñerá á súa disposición porque Vigo é fundamental para a provincia e para Galicia.  “A provincia necesita un Vigo líder. A provincia necesita un PP de Vigo forte, sólido e exemplar. Hoxe marcho de aquí tranquilo e esperanzado porque sei que con Luisa mañá mesmo empeza unha ‘Reconquista’”, indicou o dirixente popular.
O presidente provincial destacou que hoxe é un gran día de celebración para todos os populares. “Hoxe sae de aquí un partido máis unido, máis cohesionado e máis estruturado do que entrou, sae un proxecto definido, un proxecto 100% vigués e cun liderado que vén para quedarse, porque aquí se abre un novo ciclo que non se pon teito nin político nin electoral”, precisou Luis López.
Finalmente, o presidente provincial agradeceu o enorme labor levado a cabo pola presidenta da xestora, Ana Ortiz, e polo seu equipo, que hai un ano decidiron dar un paso á fronte e poñerse nesta etapa de transición ao fronte do partido, que chegou a este Congreso con ganas, fresco e renovado.
No Congreso, entre outros moitos representantes do Partido Popular, estiveron a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado; o presidente do Parlamento, Miguel Santalices; o voceiro do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Pazos; o eurodeputado Adrián Vázquez; deputados autonómicos e nacionais e senadoras; a secretaria xeral provincial Luisa Piñeiro; ou os presidentes do PP na Coruña, Miguel Lorenzo, e en Pontevedra, Rafa Domínguez.
Así mesmo, os membros do Goberno galego Román Rodríguez, María Jesús Lorenzana, María Martínez Allegue, Antonio Gómez Caamaño e José López Campos; ou o responsable do Porto de Vigo, Carlos Botana.