O PPdeG ponse como reto para as próximas eleccións municipais incorporar a máis mulleres como candidatas para que haxa máis alcaldesas

O Partido Popular de Galicia ponse como reto para as próximas eleccións municipais de 2027 que haxa máis alcaldesas do partido e para iso comprométese a traballar estes dous anos na incorporación de máis mulleres como cabezas de lista nas candidaturas municipais.

Así o manifestou esta mañá a secretaria xeral do partido, Paula Prado, na reunión do Foro de Alcaldesas celebrado en Boimorto para conmemorar o Día Internacional da Muller e celebrar que o PPdeG é “o partido das mulleres que gobernan”. Algo que acredita o feito de ser a formación con máis alcaldesas de Galicia (29), con máis concelleiras (un total de 700), con máis deputadas no Parlamento galego e con máis representantes no Congreso e no Senado.

“Somos o partido das mulleres e, grazas a iso, en Galicia somos o partido máis apoiado polas mulleres eleccións tras eleccións”, asegurou a número dous do PPdeG poñendo en valor a identificación das mulleres galegos co seu partido e coas medidas que pon en marcha alá onde goberna, xa sexa na Xunta ou nos concellos.

Paula Prado destacou que as 29 alcaldesas do seu partido “trazan un feminismo real e un mellor camiño para as súas veciñas e veciñas” e “non son só unha referencia para as mulleres, senón para toda Galicia”. Neste sentido puxo en valor que o 90% das alcaldesas do PPdeG gobernan con maioría absoluto e cunha porcentaxe media de apoio nos seus concellos do 60% e, en varios casos, superior ao 70%.

UNHA ESQUERDA AVERGOÑADA POLO DANO QUE FAI AO FEMINISMO

Manifestou acto seguido que se o PPdeG non ten máis alcaldesas é “polos pactos de perdedores protagonizados principalmente polo PSOE e o BNG”, así como por “unha esquerda que este ano está conmemorando o 8 de marzo moito menos que anos anteriores”.

Algo que na súa opinión se debe a que “senten vergoña do dano que lle están facendo ao feminismo e ás mulleres”. Fixo así referencia a que PSOE, BNG e Sumar “seguen apoiando a Lei do ‘só si é si’ que xa rebaixou as penas a máis de 1.500 agresores sexuais” e a que “estase descubrindo que a esquerda tapou durante anos a depredadores sexuais como Errejón ou Monedero e mesmo a pederastas como Xabier Ron ou o candidato do BNG en Coles”.

Por todo isto, e facendo referencia ao lema elixido polo PSdeG para o seu Congreso, Paula Prado ironizou que máis que “A esquerda que pode” debería ser “A esquerda que poda”, xa que “están podando os dereitos ás mulleres, as condenas dos agresores sexuais, o benestar das galegas e os avances do feminismo”.

“Esa ‘esquerda que poda” mañá estará representada por Pedro Sánchez, un presidente que non debería vir dar leccións, senón que debería vir a pedir perdón, a Galicia e ás mulleres”, concluíu.

FABIOLA GARCÍA: “XUNTAS SOMOS MOITO MÁIS FORTES”

Pola súa banda, a responsable de Igualdade no Goberno galego, Fabiola García, referiuse ás alcaldesas populares como “referentes que deron un paso adiante para poñerse á fronte dos seus concellos” e manifestou o seu orgullo por “contar con tantas mulleres representando aos seus veciños e loitando polos seus dereitos”.

Rememorando o moito que se ten avanzado desde que hai 100 anos Concha Pérez se convertera, en 1925, na primeira muller alcaldesa de Galicia, amosou a esperanza de que as mulleres galegas no seu conxunto “poidamos seguir celebrando o 8 de marzo unidas, traballando da man e conscientes de que xuntas somos moito máis fortes”.

A responsable de Igualdade no Goberno galego destacou tamén a importancia do poder feminino na política local na medida en que os concellos son as administracións máis próximas á xente. Por iso, na súa opinión, o traballo diario das alcaldesas representa un feminismo transformador e inclusivo que contribúe a crear unha sociedade cada vez máis xusta, equitativa e solidaria.

Xunto a Paula Prado e Fabiola García estiveron tamén presentes a responsable do departamento de Promoción da Igualdade do Goberno galego, María Quintiana, e a alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo.

A rexedora coruñesa é, de feito, a alcaldesa do PP máis votada na provincia da Coruña, cun 65% de apoio nas pasadas eleccións municipais. De aí que o seu partido elixira este concello para celebrar esta nova reunión do Foro de Alcaldesas.

“Desde este Centro de Maiores quero reivindicar ás mulleres do rural”, apuntou María Jesús Novo facendo referencia ao lugar elixido para esta reunión e no que día a día as veciñas do concello se reúnen para realizar actividades e desfrutar do seu tempo de lecer.

O Grupo Popular solicita que o Goberno de España flexibilice as condicións da PAC para que o sector agrogandeiro afectado polo temporal Kirk e as intensas choivas se poidan beneficiar das axudas

O Grupo Popular vén de rexistrar no Parlamento de Galicia unha proposición non de lei a través da que se solicita ao Goberno de España que flexibilice a condicionalidade da PAC de xeito que os produtores agrogandeiros afectados polo temporal Kirk do pasado mes de outubro e polas condicións climatolóxicas adversas do último trimestre do pasado ano non sexan penalizados por non cumprir os criterios que marca a normativa e poidan recibir con normalidade estas axudas fundamentais para a continuidade das súas explotacións.

Os deputados populares Nicole Grueira e Enrique Barreiro visitaron esta mañá a explotación gandeira Cabo de Vila en Castro de Rei, acompañados do alcalde deste concello, Francisco Javier Balado, para coñecer a situación na que se atopan as explotacións afectadas polos efectos do temporal Kirk e as persistentes e intensas precipitacións que se recolleron na Comunidade galega nos últimos meses do pasado ano.

IMPOSIBILIDADE DE CUMPRIR COA ROTACIÓN

“Estas adversas condicións climatolóxicas provocaron serios danos nas explotacións gandeiras galegas, especialmente en comarcas como a Terra Cha, onde extensas parcelas quedaron totalmente arrasadas, perdéndose colleitas enteiras que aínda estaban na terra”, manifestaron os deputados populares.

Ademais, as anegacións prolongadas das terras impediron que os produtores puidesen realizar os traballos necesarios para a preparación do solo e a nova sementeira nos prazos establecidos, “provocando non só perdas económicas directas, senón tamén un atraso significativo no ciclo produtivo das explotacións afectadas”, apuntaron.

Aínda que coa última modificación da BCAM 7, os produtores poden optar por diversificar, e non rotar, para salvar este contratempo, cremos que o Goberno central debe permitir a excepcionalidade de cumprimento coa BCAM 7 en casos de forza maior, cando as condicións adversas do clima non permitan o libre desenvolvemento dos traballos de sementeira.

Diante desta situación, os agricultores e gandeiros atopáronse coa imposibilidade de cumprir coa rotación de cultivos establecida na normativa da PAC, un criterio fundamental para a percepción destas axudas.

“Por este motivo, solicitamos que o Goberno central flexibilice as condicións para acceder ás axudas da PAC nestes casos concretos, ofrecendo saídas específicas aos agricultores e gandeiros que lles permitan paliar os efectos desta crise motivada polo temporal Kirk e as intensas choivas de finais do pasado ano, protexendo así o tecido produtivo e garantindo a viabilidade da actividade agrícola e gandeira en Galicia”, manifestaron.