O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, sen o voto favorable de BNG e PSdeG, a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno central que atenda as necesidades existentes na Comunidade galega, que foron consensuadas na Comisión Mixta de Xustiza, e proceda á creación de novas prazas de xuíces, entre elas de maneira urxente de violencia sobre a muller, á vista do incremento das competencias conforme ao disposto na Lei Orgánica 1/25 neste tipo de xulgados.
A viceportavoz popular, Paula Prado, lamentou que “a poucos días de rematar o primeiro trimestre de 2025 aínda descoñecemos cal é a programación do Ministerio de Xustiza para a posta en marcha de novas unidades xudiciais en Galicia para este ano”. Esta situación deriva en que “Galicia non poderá contar en 2025 con novas unidades xudiciais única e exclusivamente pola neglixencia dun Goberno central que aínda non publicou o decreto cos novos xulgados asignados”.
“Estamos diante dunha nova mostra da inacción por parte do Goberno central, que contrasta co cumprimento do Goberno galego, que cada 31 de decembro cumpriu coa entrada en funcionamento das novas unidades xudiciais, pero que o ano pasado non foi posible facelo debido ao retraso da publicación do Real-Decreto cos tribunais concedidos”, indicou Paula Prado.
DEMANDAS REALIZADAS
Na súa intervención, explicou que a Comisión Mixta de Xustiza, entre a Xunta e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, “volveu insistir ao Goberno central no mes de maio do pasado ano na súa prioridade para a posta en marcha dun xulgado de violencia sobre a muller no partido xudicial de Santiago, que se sume aos operativos en A Coruña e Vigo”. Ademais, entre as demandas realizadas figuraban un xulgado de 1ª instancia para Ourense e sendos xulgados de 1ª instancia e instrución en Viveiro e Vilagarcía, así como maxistrados para a sección 4ª, civil, da Audiencia Provincial de A Coruña; para a sección 2ª, penal, da Audiencia Provincial de A Coruña; e para a sala do social do TSXG.
“E non será por falta de cartos, porque a Xunta acepta e financia todas as unidades xudiciais que outorga o Consello Xeral do Poder Xudicial, ata o punto de que o Goberno galego xa incluíu nos orzamentos deste ano unha partida de 850.000 euros en gastos de persoal da Administración de Xustiza”, apuntou Paula Prado.
A viceportavoz popular concluíu que “estamos a falar simplemente dun problema de falta de vontade por parte do Goberno central, ante o que o PSdeG prefire gardar silencio e consentir estes agravios a Galicia e a complicidade do BNG, que fixo presidente a Pedro Sánchez a cambio destes xulgados e que non se cansa de exercer de tonto útil do sanchismo”.