Alberto Pazos: “A sanidade pública galega nunca contou con tantos recursos, nin con tanto persoal como agora”

O voceiro do Grupo Popular no Parlamento de Galicia, Alberto Pazos, sinalou que a sanidade pública galega goza dunha saúde excelente, e destacou que nunca contou con tantos recursos, nin con tanto persoal, como baixo os gobernos do Partido Popular na Xunta.
“Hoxe hai máis de 7.000 profesionais sanitarios que cando chegamos ao Goberno galego. A realidade é que estamos ante o momento de maior investimento na sanidade pública en Galicia”, engadiu.

Tamén lembrou que os actuais niveis de concertación con servizos privados están moi por debaixo dos que existían baixo gobernos anteriores, incluídos aqueles que hoxe promoven mobilizacións.“É curioso que quen máis privatizou sexa agora quen máis berra. Pero os berros non curan, nin melloran a sanidade. Para iso, traballamos nós cada día”, sentenciou.

Pazos fixo memoria sobre a folla de ruta iniciada hai sete anos, durante o Goberno de Mariano Rajoy, para abordar os retos comúns das comunidades autónomas no ámbito sanitario.“Aquel acordo foi paralizado semanas despois coa chegada do Goberno de Pedro Sánchez, e ningún dos seus seis ministros de Sanidade foi quen de darlle continuidade. Mentres uns esquecen os acordos, nós seguimos traballando”, declarou.

Finalmente, o voceiro popular reiterou o compromiso do Partido Popular coa sanidade pública:“A nosa prioridade segue sendo garantir que os galegos conten cun dos mellores sistemas sanitarios de Europa. Non negamos que existan problemas, pero asumímolos con responsabilidade, e non con consignas. Mentres outros se dedican á pancarta, nós traballamos”.

Os deputados Julio García Comesaña e Manuel Costa reúnense con responsables do sector vitivinícola galego e salientan a preocupación do sector ante os aranceis impostos por EE.UU.

Os deputados do Grupo Popular Julio García Comesaña e Manuel Santos Costa visitaron esta mañá as Bodegas Terras Gauda para coñecer de primeira man as preocupacións e incertezas no sector vitivinícola galego ante a proposta do presidente de Estados Unidos, Donald Trump, de impoñer novos aranceis.

No encontro celebrado co presidente, director xeral e CEO de Terras Gauda, José María Fonseca, Iago Becerra e Antón Fonseca, respectivamente, os deputados populares constataron que a imposición de aranceis por parte dos EEUU suporía a posibilidade de perder un dos mercados mais importantes das exportacións da denominación de orixe Rías Baixas. En concreto, no ano 2024, un total de 85 bodegas desta denominación exportaron cerca de tres millóns de litros a este país, xerando uns ingresos de 23,4 millóns de euros, polo que as políticas arancelarias poderían ter graves consecuencias.

NEGOCIACIÓN FUNDAMENTAL

“O mercado de EE.UU. é fundamental para a sostenibilidade económica do sector vitivinícola da Unión Europea e non existe agora mesmo un mercado vitivinícola alternativo que poida compensar esta perdida”, manifestaron os deputados populares, quen incidiron especialmente que a imposición dos aranceis “prexudica especialmente ás pequenas e medianas empresas, que son a gran maioría das bodegas, xa que teñen menor capacidade para diversificar as súas exportacións e dependen máis dos principais mercados de exportación, ademais de que teñen menor capacidade económica para afrontar situacións complicadas como esta”.

Julio García Comesaña e Manuel Santos consideraron “fundamental que as autoridades europeas e estadounidenses negocien para evitar que o viño se converta en moeda de cambio en disputas comerciais entre a Unión Europea e os Estados Unidos”.

Nesta situación, salientaron que a Xunta de Galicia seguirá apostando por potenciar a calidade diferenciada das nosas producións agroalimentarias, como fórmula para manter a competitividade do sector nos diferentes mercados. En concreto, destacaron a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas e o apoio aos consellos reguladores, para sufragar os seus gastos de funcionamento e para apoiar os seus programas de control da calidade e da orixe de produtos agroalimentarios con distintivo de calidade.

Por último, os deputados populares reclamaron ao Goberno de España “unha resposta de país, coordinada e consensuada coas comunidades autónomas, que nos permita asegurar que o apoio chega aos afectados, ao tempo que se busquen novos mercados e se potencien os mercados internos español e europeo, en lugar de decisións unilaterais cuxos intereses descoñecemos”.

As deputadas Cristina Sanz e Nicole Grueira visita MOEXMU e destacan que o programa de titorización da Xunta xa axudou a máis de 450 persoas en 2024

As deputadas do Grupo Popular Cristina Sanz e Nicole Grueira visitaron a XLI edición da Mostra Exposición de Muimenta (MOEXMU) en Cospeito onde salientaron a importancia do Programa de titorización para a incorporación da actividade agraria posto en marcha pola Xunta, a través do que pasado ano xa recibiron axuda máis de 450 persoas.

Nicole Grueira lembrou que “o relevo é fundamental para garantir a continuidade das actividades agrícolas, gandeiras e forestais, esenciais tanto para a economía como para a sustentabilidade do territorio”. Deste xeito, apuntou que a Xunta “considera unha prioridade estratéxica fomentar a incorporación de persoas mozas e novos agricultores ao sector primario”.

Para iso, explicou que o Goberno galego puxo en marcha en 2024 o Programa de Titorización para a incorporación á actividade agraria, a través do que os beneficiarios dispoñen dun acompañamento real e efectivo a través dunha rede de técnicos das oficinas rurais, que exercen como titores e guían aos novos agricultores durante os seus primeiros anos de actividade.

CONTINUIDADE NO CAMPO GALEGO

“Este programa xa está a ter os seus efectos positivos ao facilitar o relevo xeracional e asegurando que o campo galego teña continuidade, ao tempo que se frea a desaparición de explotacións familiares e se impulsa a formación e capacitación, asegurando que as novas explotacións teñan viabilidade e competitividade”, apuntou a deputada popular.

En definitiva, esta iniciativa da Xunta converteuse nun instrumento clave para o futuro do rural, contribuíndo ao relevo xeracional e fomentando a recuperación de terras en desuso, ao tempo que favorece o asentamento de novos produtores para garantir a sustentabilidade do rural galego.

Incautos, intelixentes, malvados e estúpidos

Pedro Puy.

Reputado historiador económico, Carlo Cipolla (1922-2000) merece ser recordado por esa pequena xoia que nos legou, o Allegro ma non troppo coas súas coñecidas leis da estupidez humana. Cipolla clasifica aos humanos, o zoon politikon aristotélico, en función do resultado que cada persoa ten cando se relaciona con outra. Dado que unha persoa calquera, poñamos Usa, ao interactuar con calquera outra, digamos Ue, pode obter un beneficio o unha perda, son posibles catro resultados alternativos. Se Usa obtén unha perda e Ue unha ganancia, Usa foi incauto. Usa é intelixente se tras interactuar con Ue ambos sacan proveito. Se é Usa o que perde e Ue o que gaña, Ue foi malvado. E se ambos os dous perden… entón movémonos no ámbito da estupidez: o estúpido, define Cipolla, é o que causa dano a outra ou a outras persoas sen obter proveito para si mesmo, e incluso prexudicándose.

 A ciencia económica ten ben estudiados os efectos do proteccionismo comercial, que ten como expresión máis evidente, aínda que non única, o establecemento de aranceis. Estes impostos que gravan ás importacións desde outros países provocan, entre outros, dous efectos salientables. Na orde interna unha transferencia de renda, habitualmente desde o consumidor local do produto gravado ao produtor nacional dese mesmo produto (máis caro e peor). Esta lóxica é a que explica a decisión de Trump: protexer eses perdedores da globalización que lle votan masivamente, pero a costa de maiores prezos dos produtos que consumen todos os norteamericanos, provocando unha importante perda de benestar agregada ao conxunto. Pero hai outro efecto, este na orde exterior. As represalias arancelarias dos demais países e o feito de que os produtores dos bens gravados busquen mercados alternativos, provoca un efecto desviación do comercio. Ábrense novas canles comerciais, polo que o país que impón aranceis non só queda illado a curto prazo, tamén no futuro porque mesmo levantando os aranceis pode tardar en recuperar as liñas de subministro que os aranceis pecharon.

Trump acaba de dinamitar a orde comercial internacional coa imposición xenérica de aranceis fronte ao resto do mundo. Entre o ano 2000 e o 2023 o Producto Interior Bruto per capita dos Estados Unidos multiplicouse por 2,3 (pasou de 36.000 dólares a case 83.000, dados do Banco Mundial). O da Unión Europea multiplicouse menos, por 2 (de 23.000 dólares a 48.000 dólares). Semella que era unha situación intelixente, da que ambas partes sacaban proveito, e os Estados Unidos en particular xa que o diferencial débese ao incremento da produtividade.

Ao presentar os novos aranceis, Trump describiu á Unión Europea como malvada, e aos Estados Unidos como incautos. Moitos europeos pensan xustamente o contrario: que o malvado é Trump, e nós os incautos. O que estamos é diante dunha enorme estupidez. E como argumentaba Cipolla, o malo de quen fai unha estupidez é que non sabe que o é, polo que os seus resultados son devastadores. Á espera de que a intelixencia retorne á Casa Branca, a Unión Europea debería buscar interaccións intelixentes…. Mercosur ou a India non soan mal. Aínda que as estupideces poden xurdir en calquera parte.