O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, co voto en contra de BNG e PSdeG, a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita Goberno de España que, en diálogo co conxunto das comunidades autónomas, acorde unha repartición de migrantes menores non acompañados dun xeito planificado e acompañado do financiamento preciso. “Calquera menor ten dereito a ser acollido nunhas condicións dignas e coas máximas garantías, polo que estamos en contra de acoller a menores para os que non haxa cabida sen garantir os seus dereitos”, manifestou a portavoz popular de Política Social, Raquel Arias.
Na súa intervención, Raquel Arias asegurou que “Galicia e os galegos somos solidarios e así o vimos demostrando nos últimos anos, en particular coa acollida e integración de inmigrantes”. Neste sentido, apuntou que Galicia ten acollidos neste momento 276 menores non acompañados, o que supón unha sobreocupación da rede galega do 108 por cento.
INTOLERABLE
“É intolerable que a modificación do artigo 35 da lei de estranxeiría sexa froito dunha nova chantaxe e imposición dos independentistas cataláns para que Pedro Sánchez permaneza na Moncloa un tempo máis, como tamén é intolerable que o Goberno de España tome decisións que afectan ás comunidades sen ningún tipo de diálogo coas mesmas e que esta imposición sexa sen planificación e non vaia acompañada do financiamento necesario”, indicou.
Neste sentido, considerou “absolutamente necesario este financiamento, porque estamos falando de menores, de persoas tremendamente vulnerables e aos que temos que darlle a mellor calidade de vida”. Así, lembrou que “cada vez que un menor entra a formar parte do sistema de protección da Xunta recibe atención integral na que se contempla a súa formación, coidados e todos os servizos que un neno ou adolescente pode necesitar as 24 horas do día”.
Respecto dos 326 menores que lle corresponderían a Galicia no reparto acordado polo Goberno de Pedro Sánchez cos independentistas cataláns, a portavoz popular indicou que “suporía para a nosa Comunidade un custo anual de 30 millóns de euros, cando o Estado só contempla destinar 100 millóns de euros para toda España, pagando unicamente o primeiro ano de acollemento”.
“Pero, o máis preocupante é que non temos capacidade suficiente para acoller a 326 menores máis e atendelos axeitadamente”, asegurou Raquel Arias, quen lembrou que “as competencias en política migratoria e de control de fronteiras son exclusivas do Estado”.