Alberto Pazos afirma que a celebración do Debate de Política Xeral é mostra da normalidade política e a transparencia do Goberno galego, fronte a un Pedro Sánchez que só realizou un en sete anos

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, afirmou hoxe que a próxima celebración do Debate sobre o Estado da Autonomía “é unha mostra máis da importancia de contar en Galicia cun Goberno que da estabilidade política, respecta a normalidade democrática e defende a transparencia nas súas accións, todo o contrario do Goberno de Pedro Sánchez, que só celebrou un Debate de Política Xeral nos sete anos que leva de presidente”.

Así mesmo, avanzou que, despois de asinar a transferencia das competencias sobre o litoral galego, “seguiremos traballando para ampliar o autogoberno de Galicia, coa cesión de novos traspasos como a AP-9, os servizos de meteoroloxía, a homologación de títulos e a axilización dos permisos de residencia, ou a xestión do ingreso mínimo vital”.

Alberto Pazos comezou a súa comparecencia ante os medios amosando a súa satisfacción pola resolución do problema laboral que viviu a factoría de Sargadelos en Cervo, “unha solución na que tivo unha importancia vital a implicación da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, que conseguiu convencer ao propietario da empresa para que a actividade na fábrica volverá á normalidade”. “O Goberno galego seguirá mantendo contacto directo cos responsables de Sargadelos para implantar nas instalacións todas as melloras que sexan necesarias para a protección da saúde dos traballadores, ao mesmo tempo que solicitará á Inspección de Traballo a máxima flexibilidade, dentro da legalidade, para que este emblema histórico, cultural e económico de Galicia poida continuar coa súa produción”, indicou.

Respecto da solicitude feita polo propio Presidente Alfonso Rueda para a celebración o máis pronto posible despois da Semana Santa do Debate sobre o Estado da Autonomía, o portavoz popular afirmou que esta sesión “servirá para contrastar o moito que o Goberno galego ten feito xa neste primeiro ano de lexislatura e os novos proxectos que afrontará a curto e medio prazo para dar cumprimento ao recollido no seu programa electoral co que se presentou ás eleccións autonómicas do pasado ano, fronte á demagoxia e ás falsidades que adoitan utilizar tanto o BNG como o PSdeG para esconder a súa falta de proxecto político, que se reduce á celebración de algaradas continuas para tensionar a rúa e dar a sensación dunha intensa conflitividade social que, en realidade, non existe entre a inmensa maioría dos galegos”.

O portavoz popular salientou “a normalidade democrática” que se vive en Galicia coa celebración cada ano do Debate de Política Xeral, unha situación que comparou coa situación que se vive a nivel estatal, onde o Goberno de Pedro Sánchez só celebrou un Debate sobre o Estado da Nación nos sete anos que leva de presidente. “Esta situación motivou que o Grupo Popular no Congreso presentara unha proposición de lei no Congreso para obrigar á celebración cada ano dun Debate sobre o Estado da Nación, do mesmo xeito que implantou Alberto Núñez Feijóo en Galicia hai 10 anos”, explicou.

COMPETENCIA DESDE A ADMINISTRACIÓN MÁIS PRÓXIMA

Alberto Pazos tamén se referiu á sinatura o pasado mércores do traspaso a Galicia das competencias sobre o litoral, “que levamos varios anos esperando e que, desde o vindeiro 1 de xullo, exerceremos con total responsabilidade, respectando a legalidade e,mellorando a xestión do noso litoral, ao adoptar as decisións desde unha administración máis próxima e que mellor coñece a súa riqueza económica, social e cultural, e a conservación do noso medio ambiente”.

Neste sentido, criticou “o desprezo” co que acolleron BNG e PSdeG este traspaso, que se traduciu na “ausencia inxustificable dos seus líderes no acto de sinatura celebrado no Pazo de Raxoi, despois de que puxeran todos os atrancos posibles para atrasar ou impedir a transferencia, chegando ao punto de que o propio Goberno de Pedro Sánchez considerou esta demanda ‘case como unha declaración de independencia’”.

“Pero tamén hai que lembrar que o BNG cansouse de pedir no Parlamento galego que esta transferencia se fixera a través dunha reforma no Congreso do Estatuto de Autonomía, unha proposta que tamén apoiaron os socialistas galegos e que puxo de manifesto a súa propia división interna entre os que apoiaban a Lei impulsada polo Goberno galego, como era o caso do entón secretario xeral, Valentín González Formoso, e os que, dirixidos polo daquela delegado do Goberno e agora secretario xeral e portavoz neste Parlamento, defendían que era necesario reformar o Estatuto”, lembrou.

Pazos sinalou que a cesión a Galicia das competencias sobre o litoral “non vai facer que nos esquezamos doutros traspasos sobre as que o Goberno galego e o Partido Popular de Galicia temos posto o noso obxectivo”. En concreto, referiuse á transferencia da AP-9, que lamentablemente xa leva 42 aprazamentos, por decisión da Presidenta socialista da Mesa do Congreso, ao prazo de presentación de emendas á proposición de lei aprobada por unanimidade neste Parlamento galego; as competencias en materia de meteoroloxía, co obxectivo de que este servizo se preste dun xeito máis racional e desde unha rede de estacións moito máis ampla que a que ten en Galicia a Axencia Estatal de Meteoroloxía; a transferencia na homologación de títulos e a axilización dos permisos de residencia e traballo, para facilitar a incorporación de estranxeiros ao mercado laboral galego, sobre todo naqueles sectores que están demandando urxentemente man de obra e profesionais; e a xestión do ingreso mínimo vital, unha cuestión que seguimos esperando desde hai tres anos para compatibilizar esta prestación coa nosa Risga.

RECTIFICAR O MAPA DE TRANSPORTE PÚBLICO POR ESTRADA

Por último, Alberto Pazos salientou a aprobación onte no Congreso da proposta do Grupo Popular, sen votos en contra, para que o Goberno de Pedro Sánchez reconsidere e rectifique a súa proposta do novo mapa concesional de transporte por estrada, que ten uns evidentes prexuízos de importancia para os galegos porque deixa illados a máis dunha vintena de concellos, con máis de 130.000 habitantes; elimina 87 paradas nas catro provincias; reduce un cento de conexións entre os concellos galegos e máis de 70 con outras comunidades autónomas; e deixa localidades galegas sen paradas nas rutas estatais, obrigando aos viaxeiros a facer transbordos francamente innecesarios.

“Pedimos ao Goberno de Pedro Sánchez que recoñeza o seu erro e retire o plan previsto, convocando urxentemente a Conferencia Sectorial de Transportes, que leva desde o ano 2022 sen reunirse, para, en coordinación coas comunidades autónomas, elaborar un novo plan que realmente mellore a prestación dos servizos de transporte público aos cidadáns”, demandou.

O Partido Popular sitúase como garante de que a mocidade galega poida elixir o seu futuro libremente, sen renunciar a nada e sen imposicións

O PP subliña o compromiso do partido e do Goberno do presidente Alfonso Rueda á hora de garantir que os mozos e mozas galegas poidan ter o futuro que elixan libremente, sen renunciar a nada e sen imposicións.

Así o manifestou esta tarde a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, na clausura do coloquio ‘Democracia e liberdade: retos futuros para a mocidade’ organizado por Novas Xeracións en Pontevedra e no que tamén participaron as senadoras Marimar Blanco e Pepa Pardo, o eurodeputado Adrián Vázquez, as presidentas autonómica e provincial de Novas Xeracións, Nicole Grueira e Ana Cristina Pérez, a secretaria xeral do PP provincial, Luisa Piñeiro, o presidente local do partido, Rafa Domínguez, e o presidente local de Novas Xeracións e concelleiro, Guille Juncal.

“En Galicia non dicimos ‘non’ a todo, como fan outros, senón que dicimos e sempre diremos ‘si’ ao futuro, á democracia, á liberdade e á mocidade”, asegurou a número dous dos populares galegos criticando a aqueles partidos de esquerdas que pretenden “impoñer a que universidade ir, onde vivir, en que idioma falar ou en que empresas se pode traballar ou non”.

Fronte a isto, contrapuxo, o PPdeG traballa para ofrecer as máximas posibilidades á xuventude á hora de facer unha carreira universitaria aforrándose o custo da matrícula e cunhas taxas que se sitúan entre as máis baixas de España, elixir entre vivenda pública ou contar con numerosas axudas para a adquisición dunha vivenda privada e, así mesmo, expresarse no maior número de idiomas posible.

Este compromiso é o que, na súa opinión, fai que o partido sexa a primeira opción para o electorado menor de 30 anos en Galicia. Non en balde, recordou, nas pasadas eleccións autonómicas 4 de cada 10 mozos e mozas galegas votaron ao PPdeG. O que supón que “máis dun 40% da mocidade galega depositou a súa confianza en Alfonso Rueda”.

Paula Prado referiuse ademais a Pontevedra como unha cidade na que se constata “como o independentismo máis radical fai e desfai ao seu antollo grazas á complicidade do PSOE”. Unha cidade na que, ademais, “mentres uns defendemos a democracia e reivindicamos a liberdade, outros practican o autoritarismo e promulgan a imposición”.

A MOCIDADE COMPROMETIDA DE PONTEVEDRA

Pola súa banda, o presidente local do PP de Pontevedra, Rafa Domínguez, expresou o seu orgullo pola visita da senadora Marimar Blanco á cidade. Ao mesmo tempo que subliñou que “Pontevedra conta cunha mocidade comprometida coa memoria democrática, a loita contra a violencia e a defensa da liberdade de pensamento”.

Domínguez destacou a importancia de manter viva a lembranza das vítimas de ETA, especialmente entre a mocidade: “É unha obriga moral recordar a Miguel Ángel Blanco e a todas as vítimas do terrorismo. Só así lograremos que as novas xeracións valoren e defendan a España libre, plural e democrática que non debemos perder”.

MARIMAR BLANCO APELA AO ESPÍRITO DE ERMUA

A senadora Marimar Blanco quixo facer conscientes aos presentes de que a calidade democrática e as liberdades das que gozamos hoxe en España costaron “mucha sangre, dolor, sufrimiento y horror”. E de aí a importancia de que a mocidade saiba que “fueron muchos los jóvenes a los que les arrebataron la vida por aspirar a vivir en un país basado en la libertad, la convivencia y la calidad democrática”.

Lamentou que o Goberno de Sánchez “se ha encargado de romper por completo la unidad política y social que fue el espíritu de Ermua” y de “dar la espalda a las víctimas del terrorismo anteponiendo el poder a los principios”. Referíndose así que “Pedro Sánchez es capaz de todo por seguir en La Moncloa, aunque para ello tenga que aceptar votos manchados de sangre”.

A irmá de Miguel Ángel Blanco reivindicou que, en contraposición, o Partido Popular sempre antepuxo os principios ao poder elixindo “salvaguardar la memoria, la dignidad y la justicia de todas y cada una de las víctimas del terrorismo”.