O PPdeG demanda ao Goberno central que negocie cos afectados e as comunidades autónomas un novo mapa de transporte público por estrada

As deputadas do Grupo Popular Nicole Grueira e Katy Varela salientaron hoxe o “paso adiante” para a reforma do mapa de transporte público por estrada que supuxo a aprobación no Congreso o pasado xoves da iniciativa impulsada polo Partido Popular, coas únicas abstencións dos socios do Goberno central PSOE e de Sumar, polo que solicitaron ao Goberno central que “convoque a Conferencia Sectorial de Transporte e abra unha negociación cos afectados e as comunidades autónomas para configurar un novo mapa que atenda realmente as necesidades dos cidadáns e non suprima os servizos existentes”.

Acompañadas do alcalde do Corgo, Felipe Labrada, Nicole Grueira e Katy Varela lembraron que 11 concellos lucenses (Pontenova, Meira, Guitiriz, Palas de Rei, O Corgo, Baralla, Monterroso, As Nogais, Pedrafita, Chantada e Quiroga) verían como o mapa aprobado polo Goberno de Pedro Sánchez no ano 2022 suprimía paradas do servizo de transporte estatal en autobús. “A medida afectaba especialmente á provincia de Lugo, o que supón un castigo máis para todos os lucenses por parte do Goberno de Pedro Sánchez”, engadiron.

HALO DE ESPERANZA

“Agora, logo da iniciativa do Grupo Popular aprobada polo Congreso esta semana, ábrese un halo de esperanza para que estes concellos manteñan un servizo imprescindible para a mobilidade dos seus veciños, especialmente nestas zonas do rural e con menor densidade de poboación”, sinalaron as deputadas populares, quen anotaron que “estas liñas regulares de autobús non comunican so con outras comunidades autónomas, senón que favorecen a mobilidade entre localidades da nosa provincia”.

Deste xeito, consideraron “urxente” que o Goberno de Pedro Sánchez abra un proceso de diálogo coas comunidades autónomas para a elaboración do novo mapa de transporte público por estrada, “que debería pasar pola convocatoria dunha Conferencia Sectorial de Transportes, un órgano que leva tres anos sen reunirse a pesar de que debería facelo cada seis meses”.

Nicole Grueira e Katy Varela avanzaron que tamén pediran desde o Parlamento de Galicia que calquera proposta sobre o transporte público por estrada incorpore as demandas trasladadas desde Galicia en relación con este servizo, en particular que se teñan en conta as peculiaridades xeográficas e de poboación da Comunidade galega, prestando especial atención as conexión do rural.

O Grupo Popular reclama unha regulación europea no sector da pesca máis xusta e que escoite aos profesionais do mar e ás comunidades autónomas

Os deputados do Grupo Popular Miguel Fidalgo e Raúl Santamaría demandaron hoxe demandaron hoxe unha regulación europea no sector da pesca “máis xusta e que escoite tanto aos profesionais do mar como ás comunidades autónomas”. Así mesmo, amosaron a aposta firme da Xunta pola modernización e a adaptación do sector pesqueiro galego ás novas tendencias e necesidades deste sector como camiño seguro para acadar unha pesca galega innovadora, sostible e respectada en todo mundo.

Nunha visita ás instalacións do Grupo Eurored en Redondela, Miguel Fidalgo e Raúl Santamaría coñeceron o traballo que desenvolve esta compañía con máis de 45 anos de experiencia dedicados ao deseño e elaboración de artes de pesca, acuicultura e subministros de ferretería naval. “Unha empresa que leva a industria pesqueira no seu ADN e que defende un sector estratéxico que da emprego, vida e progreso para Galicia”, manifestaron.

FLOTA MODERNA

“Investir en pesca é investir en innovación, tecnoloxía e futuro, porque unha flota moderna é unha flota máis eficiente, segura a sostible”, afirmaron os deputados populares ao coñecer as solucións aportadas polo Grupo Eurored para acadar un sector pesqueiro moderno e competitivo.

Así mesmo, Fidalgo e Santamaría recolleron a queixa pola sobrecarga normativa que existe no ámbito pesqueiro, ante o que reclamaron unha regulación europea máis xusta e que escoite aos profesionais do mar. “Quedounos claro que o sector pesqueiro é o primeiro interesado en conservar o mar e os seus recursos, ante o que defenden unha pesca sostible que protexa os nosos ecosistemas e a nosa identidade”, indicaron.