O PPdeG denuncia que Galicia será a cuarta Comunidade máis afectada polo “colapso” que suporá a entrada en vigor da nova Lei de eficiencia da Xustiza aprobada polo Goberno central co apoio do BNG e que incrementará en máis dun 18% a carga de traballo nos xulgados de Violencia sobre a Muller.
Os populares galegos fanse eco así dos datos feitos públicos polo propio Consello Xeral do Poder Xudicial e que apuntan a que esta sobrecarga de traballo en Galicia será incluso superior á da media nacional. É máis, no caso concreto dos xulgados de Vigo e A Coruña, a aplicación da nova lei implicará a asunción dun cento de casos máis ao ano en cada un deles.
Unha sobrecarga de traballo que, en opinión dos propios xuíces especializados, repercutirá negativamente na loita contra a violencia de xénero. Algo que para o PPdeG é inadmisible e do cal acusan directamente tanto ao PSOE como ao BNG por votar a favor desta lei a pesar das súas consecuencias: “Primeiro sacaron á rúa aos agresores sexuais e agora pretenden desprotexer aínda máis ás vítimas privándoas dun sistema xudicial eficaz para atopar saída á tiranía da violencia”.
A senadora por Pontevedra e portavoz de Xustiza do Grupo Popular na Cámara Alta, Pepa Pardo, afea a socialistas e nacionalistas que ademais votaran en contra da toma en consideración dunha proposición de lei presentada polo PP no Congreso dos Deputados precisamente para reverter esta situación.
“Non imos admitir ningunha rebaixa na protección coa que deben contar as mulleres vítimas de violencia de xénero e os seus fillos e fillas”, sostén afeándolles que “dicindo ‘non’ a esta proposta o que fan e dicir ‘si’ ao colapso dos xulgados galegos” e anunciando que levarán esta mesma iniciativa ao Senado.
A senadora galega, en referencia a esta iniciativa que xa está rexistrada e pendente do seu debate, invita tanto aos socialistas como aos independentistas a “estar á altura das circunstancias” e rectificar a súa postura “polo ben das vítimas”.
MÁIS XULGADOS DE VIOLENCIA DE XÉNERO
Unha situación que se produce ademais logo de coñecerse que o número de denuncias por violencia de xénero rexistradas o pasado ano foi superior á de 2023. Algo que, en opinión dos populares, “obriga a todas as Administracións a actuar redobrando esforzos e en ningún caso remando en sentido contrario”.
De aí que insistan na demanda que a Xunta de Galicia leva anos trasladando ao Goberno central para que se habiliten xulgados específicos de violencia de xénero en todas as cidades galegas. “Eses xulgados que segundo prometeu o señor Besteiro en campaña e tal e como asinou Ana Pontón no seu pacto de investidura con Pedro Sánchez estarían en funcionamento en 2024”.