Os deputados do Grupo Popular Cristina Sanz e José Manuel Mato salientaron hoxe que as novas axudas da Xunta para rehabilitar, renovar e asegurar inmobles baleiros e que saian ao mercado de aluguer con contratos dunha duración mínima de cinco anos, anunciadas polo Presidente da Xunta no recente Debate de Política Xeral, “serán un novo aliciente para que os propietarios do barrio da Milagrosa en Lugo se decidan a poñer os seus inmobles no mercado, ao tempo que se incentive a rehabilitación de edificios nesta zona”.
Nunha visita ao barrio lucense da Milagrosa en compañía de veciños, Cristina Sanz e José Manuel Mato lembraron que o Presidente Rueda anunciou a posta en marcha dun novo programa de axudas para rehabilitar e renovar inmobles baleiros que precisen dunha reforma para poder saír ao mercado do alugueiro. As achegas irán dirixidas a propietarios que garantan que van alugar a vivenda durante polo menos cinco anos e cada beneficiario recibirá unha media de 12.000 euros para as obras, contía que será superior no caso de que se alugue o inmoble a xente nova ou familias con fillos pequenos.
OUTRAS MEDIDAS DE AXUDA Á VIVENDA
“O apoio da Xunta á rehabilitación da Xunta non é algo novo, xa que cada ano convoca diferentes convocatorias para mellorar a accesibilidade ás vivendas, reformar edificios localizados no trazado do Camiño de Santiago ou mellorar a súa eficiencia enerxética”, explicaron os deputados populares. A estas axudas súmanse outras medidas complementarias, como avais para a adquisición de vivendas ou contar cunha das fiscalidades máis baixas para mercar unha vivenda para os mozos, para as familias numerosas ou para as persoas con discapacidade.
Cristina Sanz e José Manuel Mato lamentaron “o triste abandono histórico que sofre o barrio da Milagrosa por parte do Concello de Lugo, que precisa urxentes actuacións de rehabilitación de inmobles e mellora dos servizos que teñen os veciños”. “A Xunta é a única administración que está a tomar medidas concretas para a mellora desta zona porque, a pesar dos compromisos anunciados polos responsables municipais, o barrio segue á espera das prometidas actuacións de rehabilitación que nunca dan chegado”, lamentaron.