Paula Prado pon de exemplo a xestión dos gobernos municipais do PPdeG fronte as “liortas” de concellos como o de Santiago

A secretaria xeral do Partido Popular de Galicia, Paula Prado, puxo de exemplo hoxe, cando se aproxima o ecuador do mandato municipal, a xestión dos concellos liderados polo PPdeG, fronte as “liortas” que se ven en gobernos como o de Santiago de Compostela.

“En Oroso, da man do alcalde Álex Doval, comprobamos o que supón que o Partido Popular goberne nos municipios: estabilidade e traballar nos problemas reais dos veciños e veciñas, afastados das liortas que vemos noutros concellos onde existe un pacto de perdedores, como en Santiago”, sinalou.

Prado lamentou “o que supón ese pacto” dous anos despois, cun BNG que goberna con 6 concelleiros de 25 e un PSOE “absolutamente destrozado” e “pelexado xa non só cos nacionalistas, senón tamén dentro do propio partido”.

“O do PSOE é un espectáculo esperpéntico cuns claros prexudicados: os veciños e veciñas da capital de Galicia”, criticou, e tamén mencionou a “inestabilidade” dun concello como o da A Coruña: “É unha pena ver a este socialismo ausente que se reproduce a nivel autonómico e que non deixa de ser unha copia do que vemos cada día con Sánchez e o seu goberno: un autócrata que quere gobernar con wasaps pero non con Presupostos Xerais do Estado”, engadiu.

Por este motivo, a pouco máis de dous anos para as eleccións municipais, cre que con alcaldes como o de Oroso séguese demostrando unha cousa: “A gran maioría dos concellos con estabilidade e xestión, sen sobresaltos nin liortas, son os liderados polo PPdeG”. E así, agregou, “Galicia Goberna grazas a que 157 alcaldías, a metade, están tinguidas de azul”.

“Álex é un dos nosos alcaldes máis novos, con ganas de cambiar as cousas no seu concello e con ideas tanto para núcleos como Sigüeiro como para as parroquias. É un gran exemplo do que queremos. Hoxe reivindicamos gobernos coma o seu, que xestionan día si, día tamén, o seu municipio”, concluíu.

“UNHA FESTA DA TROITA MELLORADA”

Por último, Paula Prado asegurou que foi “un pracer” acompañar aos veciños e veciñas un ano máis na Festa da Troita de Oroso: “Unha Festa da Troita mellorada desde que Álex está de alcalde, con moita máis actividade. O alcalde está facendo un magnífico traballo”.

Pola súa banda, Álex Doval subliñou que ata o de agora “foron dous anos de moitísimo traballo”, nos que tanto el como o seu equipo non tiveron “máis vida que o Concello”. “E nestes dous anos que restan de cara a 2027 apertaremos o acelerador para continuar dándoo todo”, adiantou.

“Encontramos un Concello nunha situación económica complicada, sen estar moi ben pensado nin deseñado, e fomos quen de poñerlle coto ao gasto corrente, facendo unhas contas reais e realistas que se poidan cumprir, ao tempo que cumprimos o noso programa electoral”, afondou.

Neste “fin de semana máis importante do ano” para o municipio, co gallo da Festa da Troita, Doval salientou o labor realizado “sobre todo na xestión, que é o que máis caracteriza aos gobernos do PPdeG”.