Os deputados do Grupo Popular José Luís Ferro e Juan Casares visitaron a Fundación Curros Enríquez en Celanova para poñer en valor o gran traballo destas entidades culturais galegas na conservación do patrimonio material e inmaterial do galeguismo. Neste sentido, salientaron que a Xunta, consciente da importancia das fundacións de escritores galegos, está a facer unha aposta importante para o seu mantemento e para que poidan continuar a desenvolver proxectos, campañas e actividades a prol da cultura e a lingua galegas.
Aproveitando a celebración do Día das Letras Galegas, José Luís Ferro e Juan Casares visitaron a Fundación Curros Enríquez, onde puideron comprobar o importante traballo que desenvolve esta entidade a través de actividades culturais, congresos, seminarios, recitais poéticos, concertos, conferencias, obradoiros literarios, publicacións e atención a escolares, así como a entrega dun premio anual para recoñecer a personalidades e entidades que ao longo da súa vida se teñen significado especialmente polo seu labor a prol da cultura galega en todas as súas facetas.
FARO DE CONSERVACIÓN
“Con máis de 20 anos ás súas costas, a Fundación Curros Enríquez e todas as de semellante condición que están espalladas pola xeografía galega son un faro da conservación do patrimonio material e inmaterial do galeguismo”, sinalou José Luís Ferro, ao tempo que Juan Casares afirmou que «sabermos de onde vimos é fundamental para entender onde estamos e, sobre todo, para proxectar cara onde imos».
A Fundación Curros Enríquez foi a primeira casa dun poeta recuperada para un proxecto cultural, feito ao que se engade, como indicou José Luís Ferro, que “é filla da emigración, ao ser comprada en 1927 pola Unión Ourensana da Habana e herdeira do Padroado pro Casa de Curros Enríquez do ano 1952”.
A Xunta forma parte da maioría dos padroados máis fundacións culturais máis importantes de Galicia e participa no seu funcionamento, no só dun xeito activo, senón tamén coa achega anual de contías económicas que garanten dalgún xeito o seu funcionamento cotiá.