Rueda destaca que o novo Plan de residencias públicas de Galicia beneficiará a concellos medianos e pequenos da provincia de Pontevedra

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, destacou hoxe que o novo Plan de residencias públicas que porá en marcha o Goberno galego beneficiará á veciñanza de Pontevedra na medida en que inclúe proxectos para concellos medianos e pequenos da provincia.

Fíxoo ante os asistentes á Xunta Directiva Provincial do PP de Pontevedra celebrada esta tarde en Redondela e na que, acompañado polo presidente Luis López, a secretaria xeral Paula Prado, o portavoz parlamentario Alberto Pazos e o líder local do partido, Javier Bas, insistiu en que o partido conta cunha folla de ruta “clara e realista” para esta provincia “clave para Galicia”.

Unha folla de ruta que o propio presidente Rueda definiu hai unhas semanas no Debate sobre o Estado de Autonomía ao avanzar futuras medidas das que se beneficiarán todos os concellos pontevedreses. É o caso, por exemplo, das axudas para a rehabilitación de vivendas no rural ou as novas desgravacións fiscais pola compra de material escolar. Tamén, por suposto, ese novo Plan de residencias públicas de Galicia que será “o máis ambicioso da historia”.

Todo isto constitúe, na súa opinión, o reflexo de que para o PPdeG a política non consiste en buscar titulares nin en alimentar confrontacións estériles, senón que se basea en mellorar a vida da xente a través do traballo diario e desde a moderación, o diálogo, a responsabilidade, o compromiso e a eficacia.

O líder dos populares galegos reivindicou estes valores como elemento diferenciador tamén dun PP de Pontevedra que, tal e como se comprobou hoxe co gran número de asistentes á Xunta Directiva Provincial, está vivo, mobilizado, unido e preparado para seguir gobernando e liderando a provincia.

A ASPIRACIÓN CONSTANTE DUNHA XESTIÓN MELLOR

Pola súa banda, o presidente do PP provincial, Luis López, quixo dar oficialmente a saída ao traballo máis intenso de cara ás eleccións municipais e chamou ás 61 agrupacións locais a “potenciar ata o infinito o traballo que facemos habitualmente para escoitar, entender e atender aos veciños” co obxectivo de chegar nas mellores condicións a uns comicios que “serán decisivos para acadar máis alcaldías e outorgarlle a milleiros de pontevedreses unha xestión mellor da que padecen actualmente pola inestabilidade e a febleza dos bipartitos PSOE-BNG”.

“Fronte aos que falan e pecan dun triunfalismo que non se entende e que está moi afastado da súa propia realidade, no PP preferimos calar e dedicarnos a traballar e atender á xente, que é o que nos demandan os cidadáns tal e que se confirmou nas catro vitorias electorais consecutivas que tivemos na provincia nos últimos dous anos”, aseverou o tamén presidente da Deputación.

López concluíu decretando “o estado supremo de municipalismo, de política de rúa e de cercanía cos cidadáns e as asociacións” para que a provincia “siga funcionando e transformándose como nestes últimos tempos”.

José Manuel Rey Varela e Paula Prado serán os representantes de Galicia na Comisión Organizadora do Congreso Nacional do PP

O senador e alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, serán os representantes de Galicia na Comisión Organizadora do Congreso Nacional do Partido Popular que se celebrará en Madrid no mes de xuño.

Así o anunciou esta mañá o presidente do partido, Alberto Núñez Feijóo, durante a reunión da Xunta Directiva Nacional á que tamén asistiu o líder dos populares galegos, Alfonso Rueda, e na que se aprobou a composición deste órgano.

Galicia convértese así, xunto coa Comunidade de Madrid, na comunidade autónoma con maior presencia nesta Comisión Organizadora na que José Manuel Rey Varela será o secretario  –o terceiro cargo con maior relevancia– e Paula Prado, pola súa banda, exercerá como vogal.

Na súa intervención, o presidente Feijóo quixo agradecer aos actuais membros da Xunta Directiva os logros electorais acadados neste tempo e entre os que destacou a consecución da primeira maioría absoluta de Alfonso Rueda nas eleccións autonómicas do pasado ano.

Sobre a designación do alcalde de Ferrol e senador, o líderes dos populares recoñeceu que coñece ben a traxectoria de Rey Varela e asegurou que “é unha das persoas que máis traballou veciño a veciño cada un dos seus éxitos e así o avalan as súas maiorías absolutas”.

O Grupo Popular solicita a elaboración dun protocolo para o acompañamento das persoas con discapacidade visual nos centros sanitarios

O Grupo Popular vén de solicitar no Parlamento de Galicia que a Xunta estude a elaboración dun protocolo para o acompañamento das persoas con discapacidade visual no centros sanitarios galegos, en consenso e coa participación dos profesionais da saúde e das organizacións que traballan para garantir e ampliar as súas condicións de accesibilidade e inclusión.

Os deputados populares Jesús María Fernández Rosende e Raquel Arias mantiveron un encontro co presidente do Consello Territorial da ONCE en Galicia, Carlos Fernández Lamigueiro, no que se puxo de manifesto que as posibilidades de desorientación dentro do centro sanitario son especialmente elevadas en persoas con discapacidade visual. Por este motivo, é necesario xerar un ambiente que onde se garanta a autonomía da persoa e o apoio necesario para a plena inclusión das persoas con discapacidade visual, favorecendo que se centre en aproveitar a consulta, a proba ou o tratamento para mellorar a súa saúde.

ELEMENTO ESENCIAL

“O obxectivo é potenciar as estratexias de humanización dos centros sanitarios fomentando a accesibilidade de persoas con discapacidade visual mediante o acompañamento por parte de profesionais da sanidade pública”, indicou o deputado popular Jesús María Fernández Rosende.

Neste sentido, os deputados populares incidiron que “a accesibilidade universal é unha condición previa para a participación e inclusión na sociedade das persoas con discapacidade, polo que a obriga de proporcionar accesibilidade é un elemento esencial para facer posible o dereito á igualdade plena e efectiva”.