O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou esta tarde a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable dos deputados do PSdeG, a través da que se demanda ao Goberno de España que repoña de xeito inmediato, e sen máis dilación, todas as frecuencias ferroviarias suprimidas durante a pandemia e que aínda non se teñen recuperado, para favorecer así a mellora dos servizos ferroviarios en Galicia.
Así mesmo, pídese que elabore un plan de continxencia que avalíe as causas e posibles solucións ante as frecuentes incidencias que sofren os usuarios do tren en Galicia, tanto nas conexións interiores como nas liñas de media distancia, e garantir deste xeito o cumprimento dos tempos de viaxe e dos horarios.
A iniciativa aprobada tamén inclúe a solicitude para que o Goberno central adopte cantas medidas sexan necesarias para planificar os investimentos e obras precisas para dotar ás cidades de Lugo e de Ferrol de alta velocidade e, polo tanto, que as súas estacións tamén reciban trens AVE.
INCUMPRIMENTO DE COMPROMISOS
Por último, pide que o Goberno de Pedro Sánchez cese na discriminación que para Galicia supón as diferentes políticas de venda anticipada de Renfe, de tal xeito que tamén os usuarios galegos poidan adquirir billetes en prazo superior aos catro meses de antelación, o que facilita a planificación das viaxes e o acceso a prezos máis competitivos.
O portavoz popular de Mobilidade, Gonzalo Trenor, manifestou que “a precariedade do servizo ferroviario en Galicia é a constatación do agravio continuo do que é obxecto a Comunidade galega por parte do Goberno central”, referíndose en concreto a que “fixeron que sexa a normalidade o incumprimento dos horarios, e por iso ampliaron os tempos de demora para recibir indemnizacións; e quixeron substituír trens do Eixo Atlántico por outros con menor capacidade e menor velocidade”.
En materia de infraestruturas ferroviarias, Gonzalo Trenor indicou que “levamos anos agardando o Plan Director do Corredor Atlántico, pero non podemos perder de vista tampouco as melloras necesarias nas conexións A Coruña-Ferrol, A Coruña-Lugo, Ferrol-Ribadeo ou Vigo-Ourense, sen esquecer obras importantes para optimizar o AVE Galicia-Madrid, como o impulso da variante exterior de Ourense, a dotación de dobre vía nos treitos nos que aínda non a hai e a mellora dos túneles do Padornelo”.
“A este servizo deficiente hai que engadir o incumprimento dos compromisos adquiridos polo Goberno central, tanto en frecuencias como en tempos de percorrido”, lamentou o portavoz popular, quen concretou que “seguimos coas mesmas dez frecuencias que tiñamos cando o AVE chegou a Ourense en 2021”.