O Grupo Popular pide á Xunta que axilice a tramitación do polígono empresarial de Bértoa e remate o proxecto da variante de Carballo para proceder á licitación da súa primeira fase

O deputado do Grupo Popular Rubén Lorenzo demandou hoxe no Parlamento de Galicia que a Xunta axilice a tramitación da ampliación do polígono empresarial de Bértoa en Carballo, completando os trámites necesarios á maior brevidade posible. Así mesmo, pediu que se remate o antes posible a redacción do proxecto, trazado e construción da variante de Carballo, para proceder á licitación da execución da primeira fase desta vía.

Rubén Lorenzo lembrou que a Xunta xa anunciou a recente formalización dos contratos dos proxectos de urbanización e parcelamento, así como do proxecto de expropiación da ampliación do polígono empresarial de Bértoa, “actuacións que se comprometeu a definir e executar en colaboración co Concello de Carballo para atopar as solucións máis adecuadas”.

Respecto da variante de Carballo, o deputado popular explicou que “neste momento estase adaptando o proxecto de trazado ao estipulado no informe de impacto ambiental, co obxectivo de proceder posteriormente á aprobación provisional do proxecto de trazado e iniciar o procedemento expropiatorio coa información pública”.

Neste sentido, lembrou que a Xunta xa dispón dunha partida orzamentaria específica neste 2025 para o desenvolvemento desta variante, así como a previsión plurianual necesaria para a súa materialización.

O PPdeG critica a “hipocrisía” e o “cinismo” do BNG sobre os eólicos: “Pasan do apoio máximo ao bloqueo máximo segundo sopre o vento”

O Partido Popular de Galicia critica que o BNG se poña “a un ou outro lado segundo sopre o vento” no que se refire aos eólicos e cataloga de “hipócrita” e “cínico” o seu “falso ecoloxismo” logo de descubrir que “membros do BNG do ‘non’ aos eólicos hai uns anos eran os do ‘si’ aos eólicos”.

A secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, en declaracións aos medios esta mañá en Pol, referiuse ás “preocupantes” informacións publicadas esta semana sobre o “paso de empresarios a activistas” de diversas persoas vinculadas ao BNG e que, na súa opinión, confirman que “o independentismo galego pasa do apoio máximo ao bloqueo máximo segundo crea que lle vai tirar máis rédito electoral e deixando ao lado calquera coherencia ou interese cidadán”.

“Creo que, como mínimo, estas informacións requiren explicacións por parte de Ana Pontón e da dirección do BNG”, concluíu explicando que os dirixentes deste partido “xa estaban naquela época” e apelando ao “dano” que estes “falsos ecoloxismos” fan a Galicia como potencia en enerxías renovables.

O EXEMPLO DO QUE OCORRE ONDE NON GOBERNA O PP

A número dous dos populares galegos fixo estas declaracións durante a visita que realizou a Pol xunto á portavoz local do partido e presidenta de Novas Xeracións de Galicia, Nicole Grueira, para reivindicar que este concello “precisa máis rigor na xestión e moito máis sentidiño no destino de fondos públicos”.

Neste sentido apuntou que Pol é “un grande exemplo do que ocorre onde non goberna o Partido Popular” e que o seu alcalde “está impregnado do peor da marca PSOE”, xa que “deixa de lado os problemas máis urxentes do concello para centrarse só nos seus”.

“Estamos no concello coa débeda per cápita máis alta de toda a provincia de Lugo (en total, máis de 3,5 millóns de euros) e unha das máis altas de Galicia”, denunciou ao tempo que afeaba ao rexedor socialista estar “máis centrado no fútbol que nos récords negativos da súa xestión”.

En contraposición a todo isto, a secretaria xeral do PPdeG apuntou a Nicole Grueira como alternativa e amosouse convencida de que, se a líder local do partido fose alcaldesa, “traballaría para todos os seus veciños e veciñas sen sectarismos e sen deixarse influír pola cor política”.

Nicole Grueira, pola súa banda, quixo agradecer a presenza de Paula Prado no seu concello para coñecer de primeira man os problemas que sofren os veciños ante a “pasividade” dun alcalde “centrado só nos seus problemas”.

“Só se ocupa dos seus caprichos e esquécese do que realmente importa”, afirmou a voceira popular trasladando demandas veciñais como son a necesidade de arranxar as pistas ou dotar duns servizos “en condicións” ao alumnado do centro de educación infantil e primaria da localidade.

O Parlamento de Galicia demanda ao Goberno de España que proceda á devolución sen aprazamentos de todas as contías que os pensionistas tributaron de máis ás mutualidades

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio dos deputados de BNG nin de PSdeG, a través da que se demanda ao Goberno de España que derrogue e deixe sen efecto desde a súa entrada en vigor a modificación introducida pola Disposición final décimo sexta da Lei 7/2024 e practique as devolucións correspondentes aos mutualistas que tributaron máis do debido, segundo o establecido polo Tribunal Supremo e a xurisprudencia coincidente.

En concreto, pídese que proceda á devolución íntegra e sen aprazamentos das contías xa solicitadas en tempo e forma polos contribuíntes, aínda despois do 22 de decembro de 2024, para non xerar diferenzas de trato con aqueles que xa percibiron as devolucións das cantidades ingresadas indebidamente diante da Axencia Estatal da Administración Tributaria.

A deputada popular Felisa Rodríguez lembrou que o Tribunal Supremo ditou unha sentenza en febreiro de 2023 a través da que atendía a reclamación daquelas persoas que tributaron máis do debido en concepto de IRPF tras realizar achegas a diferentes mutualidades profesionais. En concreto, referíase ás cotas abonadas ás mutualidades entre os anos 1967 e 1978 que non puideron ser deducidas en IRPF e que o Tribunal Supremo recoñece o dereito a deducir un 25 por cento da parte da pensión xerada coas aportacións realizadas ás mutualidades.

CAMBIO DE MODELO

“Nun primeiro momento, o Goberno de Pedro Sánchez creou un formulario específico a cumprimentar por cada pensionista para recibir a correspondente devolución, pero a partir de decembro de 2024 variaron este sistema e implementaron un novo excepcional, fragmentado e dilatado no tempo, establecendo un réxime singular de devolución para os mutualistas”, indicou.

Deste xeito, a través da Lei 7/2024 se modificou drasticamente o proceso de devolución de IRPF para os mutualistas, ao tempo que o Ministerio de Facenda anulou as solicitudes de devolución que non se resolveron antes do 22 de decembro de 2024, paralizando incluso as que estaban resoltas pero non pagadas.

Este novo sistema, vixente na actualidade, establece que os mutualistas deberán volver a pedir a devolución en diferentes anualidades cun formulario que se presentará no prazo regulamentario da declaración do IRPF co seguinte calendario: no ano 2025 solicitarase a devolución do exercicio de 2019, en 2026 do exercicio 2020, en 2027 do 2021 e en 2028 do ano 2022.

“Este sorprendente cambio de criterio é arbitrario, excede e retorce o cumprimento do criterio do Tribunal Supremo e vulnera os dereitos dos contribuíntes que non teñen máis culpa que aplicar ben o dereito cando a interpretación da Axencia Tributaria era de todo incorrecta, como se demostrou nos tribunais”, sinalou a deputada popular, quen cualificou de “inxustiza, atropelo e abuso que se pretenda dilatar no tempo ata 2028 o abono dos ingresos indebidos que lle corresponden aos pensionistas mutualistas”.

Felisa Rodríguez incidiu que “nunca se debeu cambiar o sistema de devolución, porque os pensionistas que cotizaron a mutualidade fixeron ingresos indebidos e o Ministerio de Facenda ten que proceder á súa devolución, porque son cartos dos pensionistas”. “Falamos dun cambio da norma en prexuízo do contribuínte, tendo en conta que é un deber das administracións públicas protexer os intereses da cidadanía en xeral e, neste caso, dos nosos pensionistas en particular, evitando o fraccionamento do que lle corresponde por terse pagado en exceso”, manifestou.

O PPdeG pide no Parlamento galego que o Concello de Mondariz-Balneario solicite a incoación do expediente para a declaración da Fonte de Troncoso como ben de interese cultural

O Grupo Popular rexistrou a pasada semana no Parlamento de Galicia unha proposición non de lei a través da que se pide ao Concello de Mondariz-Balneario que solicite formalmente a incoación do expediente para a declaración da Fonte de Troncoso como Ben de Interese Cultural (BIC). “O Concello contará coa total colaboración da Xunta no proceso de tramitación desta solicitude e na elaboración da
documentación necesaria para a incoación do expediente, así como posteriormente para solicitar fondos ao Ministerio de Vivenda, con cargo ao programa do 2% cultural co obxectivo de proceder á recuperación deste ben patrimonial”, asegurou o deputado popular Julio García Comesaña.

A Fonte de Troncoso de Mondariz-Balneario é unha obra singular do arquitecto Antonio Palacios, unha das figuras más recoñecidas da arquitectura galega e autor dalgúns dos edificios máis emblemáticos da Comunidade galega. “Porén, a pesar do seu notable valor histórico, artístico e simbólico, atópase nun preocupante estado de conservación a consecuencia do abandono á que a ten sometida o Concello”, lamentou o deputado popular, quen lembrou que a última intervención de consolidación foi promovida pola Xunta hai dous anos.

García Comesaña avogou por “deixar á marxe as liortas partidistas e poñerse a traballar para a conservación da Fonte de Troncoso, para o que o primeiro paso debe de ser a solicitude desde o Concello de Mondariz-Balneario da súa declaración como ben de interese cultural, o que garantiría a súa protección e posta en valor e facilidades para acceder a axudas para a súa conservación”.