O PPdeG ironiza sobre a 50ª prórroga do debate sobre a transferencia da AP-9: “Chegados ás vodas de ouro, toca pedir o divorcio de Pedro Sánchez e quedar coa custodia da autopista”

O PPdeG recorre á ironía para denunciar a aprobación da 50ª prórroga do debate sobre a transferencia da AP-9 no Congreso e asegura que “chegou o momento de conmemorar as vodas de ouro de Pedro Sánchez co bloqueo a Galicia pedindo o divorcio e quedando coa custodia da autopista”.

Faino logo de que a Mesa do Congreso dos Deputados, dominada polo PSOE e os seus socios, aprobase onte a prórroga número 35 á tramitación parlamentaria da proposición de lei sobre a transferencia da AP-9 no que vai de lexislatura, sumando 50 desde que Pedro Sánchez chegou á Moncloa.

“50 anos de relación normalmente marcan unha vida de compromiso e constancia, só que neste caso o compromiso é co bloqueo, e a constancia, coa falta de respecto a Galicia”, defendeu a secretaria xeral Paula Prado nun encontro que mantivo en Oroso cos presidentes provinciais do partido na Coruña e Pontevedra, Diego Calvo e Luis López, a responsable de Vivenda e Infraestruturas do Goberno galego, María Martínez Allegue, e o alcalde Álex Doval.

Un encontro no que tamén participaron o deputado nacional e vicepresidente 2º da Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible do Congreso, Celso Delgado, e o coordinador de Infraestruturas e Territorio do PPdeG, Antonio Ameijide.

A número dous dos populares galegos defende que “cando non hai dúbidas técnicas, nin falta de orzamento, nin oposición á transferencia da AP-9, o que hai é bloqueo” e que “cando se fala de desatender unha demanda unánime da sociedade galega e do Parlamento galego, o que hai é unha falta de respecto a Galicia”.

Criticou así que, mentres se suceden estas prórrogas, os galegos e galegas teñan que “seguir pagando peaxes abusivas por circular por unha autoestrada que, por xustiza e por eficacia, debe xestionarse desde Galicia” e comprometeu o traballo do PPdeG para que “canto antes se faga realidade o que levamos anos reclamando”.

“NON QUEREMOS SER MÁIS QUE NINGUÉN, PERO TAMPOUCO MENOS”

A responsable de Vivenda e Infraestruturas do Goberno galego, María Martínez Allegue, pediu non só que se desbloquee a tramitación da proposición de lei orgánica sobre a transferencia da AP-9 a Galicia, senón que tamén se atendan as solicitudes de reunión trasladadas desde o Executivo autonómico ao Ministerio de Transportes para abordar a situación desta e doutras infraestruturas na Comunidade.

“Pedimos que se dea resposta ao estudo económico que fixemos desde a Xunta sobre o custo do rescate e da transferencia e que, tendo en conta que o custo das bonificacións actuais é similar ao do rescate, se valore esta última posibilidade”, apuntou remarcando que “en Galicia non queremos ser máis que ninguén pero tampouco menos”.

A LOITA DOS CONCELLOS POLOS QUE TRANSCORRE A AUTOESTRADA

O presidente provincial do PP da Coruña, pola súa banda, quixo poñer sobre a mesa as demandas e reivindicacións dos concellos polos que transcorre esta infraestrutura e que demandan unha “compensación” por problemas como a perda de valor das propiedades, o impacto no turismo ou a contaminación acústica e visual.

Por todo isto, reclaman á concesionaria que colabore cos concellos a través do pagamento íntegro do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) que durante anos estivo bonificado e que nestes momentos suporía unha inxección de 2,3 millóns de euros nas arcas municipais dos diferentes concellos.

“Se isto se consegue é grazas á loita dos concellos”, reivindicou Diego Calvo agradecendo a “valentía” de todos aqueles municipios que deron “un paso adiante” para unirse nesta reivindicación e lamentou que o PSOE “pedira a moitos concellos que non formasen parte desta asociación e, polo tanto, que non reclamasen para os seus veciños o que é xusto”.

INFRAESTRUTURAS CONXELADAS E PARALIZADAS

Tamén o presidente provincial dos populares en Pontevedra, Luis López, criticou o “desgoberno” de Pedro Sánchez e o seu desleixo cara a nosa Comunidade na medida en que, na súa opinión, está  “conxelando as infraestruturas existentes e paralizando as futuras”.

Citou como exemplo a falta de conexións ferroviarias no Eixo Atlántico, a retirada de conexións con Madrid, o mal estado das estradas nacionais ou a eliminación de paradas de autobús estatais. Ademais, denunciou a “paralización de infraestruturas de futuro” como son o AVE Vigo-Porto, a Saída Sur ou a Vía Verde.

No que se refire á AP-9 e á súa problemática específica na provincia de Pontevedra, o líder popular asegurou que “nada hai e nada se sabe da gratuidade do treito entre Pontevedra e Curro, así como tampouco da liberación do treito que transcorre polo Porriño e que sería unha alternativa útil e rápida para a saída sur de Vigo”.

López censurou a “obediencia cega” que tanto o PSOE e o BNG teñen a Pedro Sánchez mentres todo isto acontece e por iso pediulles que “se deixen de paripés e centren as súas enerxías en loitar polos intereses dos galegos e galegas”.