O PPdeG destaca en Cervantes o compromiso da Xunta coa mellora dos servizos no rural e o acondicionamento das infraestruturas rurais

As deputadas do Grupo Popular Encarna Amigo e Katy Varela salientaron hoxe en Cervantes o compromiso da Xunta pola mellora dos servizos no rural e a colaboración permanente cos concellos para o acondicionamento das infraestruturas municipais.

En concreto, Encarna Amigo e Katy Varela visitaron as actuacións financiadas pola Xunta e realizadas en varias pistas das parroquias de Donis, O Pando e Cereixido do concello de Cervantes con cargo ao Plan marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2024-2025. Ademais, con cargo ao financiamento deste ano, levaranse a cabo novas obras de mantemento e mellora de vías municipais nas parroquias de Paderne, Folgoso, Balgos e Airoá.

“A Xunta pon a disposición dos concellos esta liña de axudas para as que os concellos unicamente deben cumprir dous requisitos principais: deberán ter remitidos ao Consello de Contas os datos do último exercicio orzamentario e estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias”, explicaron as deputadas populares.

COLABORACIÓN CONSTANTE

En concreto, poderanse acoller a estas subvencións as actuacións de ampliación de viais que supoñan un incremento da lonxitude dos camiños, a mellora da seguridade viaria, o reforzo ou mantemento do firme ou a adecuación de obras de paso de cursos fluviais.

“Este tipo de axudas denotan a preocupación da Xunta por mellorar os servizos no rural e a colaboración constante cos concellos en investimentos necesarios e para os que as entidades locais moitas veces non dispoñen de recursos suficientes para levar a cabo estes arranxos”, incidiron.

O PPdeG considera “indignante” que as liortas internas no Goberno de Pedro Sánchez priven a enfermos e familias dun financiamento de 200 millóns para a Lei ELA

Os deputados do Grupo Popular Rubén Lorenzo e Ethel Vázquez consideraron hoxe “indignante que a división existente no seo do Goberno de Pedro Sánchez estea a retrasar sine die o financiamento con 200 millóns de euros da Lei ELA, limitándose oito meses despois da súa aprobación a un plan de choque de 10 millóns de euros para as persoas que padecen esta enfermidade en idade avanzada”.

Coincidindo coa celebración do Día Mundial da Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA), Rubén Lorenzo e Ethel Vázquez visitaron na Praza do Obradoiro de Santiago o stand que Asociación Galega de ELA instalou para visibilizar esta enfermidade e as necesidades das persoas que a padecen.

“É intolerable que o ministro de Dereitos Sociais, da rama de Sumar, dixera con todo o seu orgullo esta semana que xa remitiran ao Ministerio de Facenda, da rama do PSOE, a proposta para financiar con 200 millóns de euros o que se recolle na Lei ELA, cando os enfermos e os seus familiares levan moitos meses esperando polas axudas que se recollen nesta norma, aprobada despois de que o Goberno de Pedro Sánchez a tivera paralizada dous anos e medio no Congreso”, lamentaron.

COMPROMISO DA XUNTA

Por este motivo, os deputados populares esixiron ao Goberno de España que “cumpra coa súa responsabilidade institucional e orzamente de inmediato unha partida económica suficiente para facer realidade a Lei ELA, xa que ata o momento os enfermos máis avanzados e as súas familias só poideron acceder a unha mínima partida extraordinaria para poder facer fronte ás súas necesidades máis urxentes”.

Fronte a esta situación, salientaron o compromiso da Xunta cos enfermos de ELA e os seus familiares, que se traduce nunha partida orzamentaria anual de tres millóns de euros, que se traduce en 12.000 euros para cada enfermo, para que poidan facer fronte aos custos derivados da enfermidade, como coidados persoais, adaptación de vivendas e vehículos, fisioterapia, produtos de apoio ou alimentación asistida, entre outros.

“A este compromiso sumouse este ano a concesión pola Xunta da Medalla Castelo á Asociación Galega de Esclerose Lateral Amiotrófica, un dos máximos galardóns que concede a Comunidade galega e que vén recoñecer o compromiso, a loita e a dignidade coa que esta entidade traballa desde hai moitos anos por mellorar a vida das persoas afectadas por esta enfermidade en Galicia”, salientaron os deputados populares.

O PPdeG pide para os tripulantes de buques con bandeira española a exención fiscal que gozan os traballadores con rendementos no estranxeiro

As deputadas do Grupo Popular Loli Hermelo e Patricia García anunciaron hoxe en Cangas a presentación dunha iniciativa no Parlamento galego solicitando ao Goberno de España que facilite aos tripulantes españois de buques que faenen fóra das augas españolas a posibilidade de gozar da exención tributaria existente sobre os rendementos do traballo obtidos no estranxeiro, co fin de paliar o problema de escaseza de traballadores neste sector e estimular o relevo xeracional.

Nun encontro co capitán de buque bacaladeiro José Otero, as deputadas populares lembraron que esta exención fiscal “é unha ferramenta valiosa para aqueles traballadores que realizan as súas actividades laborais no estranxeiro e desexan aproveitar os beneficios fiscais desta normativa”. En concreto, para poder beneficiarse desta exención, os traballadores deben prestar servizos para unha empresa ou entidade non residente en España, ou ben para un establecemento permanente situado no estranxeiro, ao tempo que no país onde se leva a cabo este traballo debe existir un imposto de natureza idéntica ou similar ao IRPF español.

DE 30.000 A 35.000 EUROS DE AFORRO ANUAL

“Porén, esta exención fiscal está tendo consecuencias negativas, desde fai tempo, ás empresas pesqueiras españolas con buques de bandeira española, posto que os seus tripulantes non poden desfrutar destes beneficios, mentres que si poden facelo aqueles traballadores españoles que presten os seus servizos en busques pesqueiros con bandeiras estranxeiras”, indicaron as deputadas populares.

Así, a realidade é que o tripulante que se pode acoller a esta exención fiscal goza dun aforro de entre 30.000 e 35.000 euros anuais, “o que está a orixinar un efecto chamada a embarcarse en buques con bandeira estranxeira”.

Loli Hermelo apuntou que esta situación “prodúcese ademais nun momento de escaseza de traballadores e de falta de relevo xeracional, xa que o feito de que dita exención non se aplique aos tripulantes dos buques españoles está a provocar que a
dispoñibilidade de titulados en ponte e máquina que queiran traballar en ditos buques sexa cada vez menor”.

Por iso, Patricia García concluíu sinalando que “defender a pesca galega é defender a nosa economía, o emprego e o noso patrimonio marítimo, porque este incentivo fiscal non debe ser un privilexio para uns poucos, senón un dereito efectivo para todos os tripulantes galegos e para as empresas que tributan en España, e que loitan por manter vivo un sector estratéxico para Galicia”.

Casares e Ferro enxalzan o valor do Museo do Viño como embaixador do patrimonio vitivinícola galego

Os deputados do Grupo Popular Juan Casares e José Luís Ferro visitaron hoxe en Ribadavia, en compañía do alcalde, César Fernández, o Museo do Viño de Galicia e salientaron a importancia que está a ter este centro como polo de atracción de visitantes á comarca do Ribeiro e no impulso do turismo enolóxico en Galicia.

O Museo do Viño de Galicia abriu as súas portas en 2019 nun edificio singular construído no século XVIII como casa de priorado para explotación vitícola dependente do Mosteiro de San Martiño Pinario de Santiago, que logo da desamortización de Mendizábal converteuse na casa reitoral de Santo André de Camporredondo.

ATRACTIVO TURÍSTICO

Trátase do único museo de Galicia dedicado á historia da creación das paisaxes do viño desde unha vertente historia, no que os visitantes poden coñecer ao longo das súas oito salas pezas significativas relacionadas con cada denominación de orixe do viño na Comunidade galega, cunha sala dedicada en particular á comarca do Ribeiro, así como instrumental utilizado no proceso de elaboración do viño, desde que chega a uva á adega ata a súa conversión en zume.

“Representa unha infraestrutura pública galega cuxa finalidade é recuperar, documentar, conservar e difundir todo o patrimonio vitivinícola de Galicia”, destacou José Luís Ferro.

Ademais da actividade puramente museística, o Museo do Viño de Galicia desenvolve outra serie de actividades e eventos complementarios que lle dan un valor engadido como centro público, e que se traduce nos máis de 30.000 visitantes que xa pasaron polas súas dependencias.

“A través da súa actividade, este centro museístico aporta un valor engadido ao territorio histórico do Ribeiro a través do enoturismo, cunha oferta extraordinaria que é reclamo de visitantes chegados desde moi diversos lugares e que redunda na xeración de riqueza para toda a comarca”, incidiu Juan Casares.