Alberto Pazos critica que o BNG “pise o acelerador” no seu apoio e defensa de Pedro Sánchez, amosando que “son os mellores e máis submisos cómplices de toda a corrupción que lle arrodea”

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, criticou hoxe que o BNG “pise o acelerador” no seu apoio e defensa do Goberno de Pedro Sánchez, amosando que son “os seus mellores e máis submisos cómplices de toda a corrupción que lle arrodea”. “Só nos queda dicirlles que xa está ben de tomar aos galegos por parvos, se deixen de insultos, de bulos e de difamacións e, sobre todo, de falso puritarismo”, apuntou.

Alberto Pazos comezou a súa intervención salientando que no Congreso do Partido Popular celebrado o pasado fin de semana “quedou patente a importancia e o peso do PPdeG” e amosou a “enorme satisfacción porque as dúas persoas que neste momento están á fronte do Partido Popular sexan galegas, e, ademais, ex deputados deste Grupo Parlamentario”.

MELLORES COLABORADORES

“Tanto Alberto Núñez Feijóo como Miguel Tellado saben perfectamente que en Galicia contan cos seus mellores colaboradores para levar adiante todo aquilo que consideren oportuno para acadar o obxectivo de gobernar España, para que este país volva ser un referente a nivel internacional de estabilidade e de políticas pioneiras nos ámbitos sociais e económicos, e deixe de ocupar portadas e apertura de informativos en radios e televisións polos casos de corrupción e políticas indecentes que neste momento protagoniza o Goberno de Pedro Sánchez e o Partido Socialista”, apuntou.

Respecto do Pleno celebrado esta semana no Congreso sobre a corrupción, o portavoz popular asegurou que todas as medidas anunciadas por Pedro Sánchez son pura maquillaxe política para saír ao paso da crecente preocupación social que invade á cidadanía española, porque a única solución que existe nestes momentos é que o Presidente do Goberno dea o seu brazo a torcer, disolva as Cortes Xerais e convoque eleccións para que todos os españois poidamos decidir en mans de quen queren depositar o seu goberno e o futuro de España”.

“Falamos de medidas insuficientes, redundantes e que xa existen porque hai que ter presente que Galicia xa se dotou hai 10 anos dun ambicioso programa de impulso democrático, impulsado polo daquela Presidente da Xunta, Alberto Núñez  Feijóo, que incluíu 5 novas leis e 50 medidas específicas para a mellora da calidade democrática na Comunidade galega, todas elas aprobadas co voto favorable do Partido Popular, lembrou.

ACTITUDE DEPLORABLE DO BNG

Diante desta situación, Alberto Pazos considerou “deplorable” a actitude do BNG respecto da situación política que se vive a nivel nacional e o seu apoio submiso ao Goberno de Pedro Sánchez. “Os nacionalistas galegos seguen aí, pisando o acelerador na súa defensa de Pedro Sánchez sen ter en conta que están apoiando a un Goberno cada día máis asolagado pola corrupción e aumentando a súa complicidade”, manifestou.

“O único que se lle ocorre para tapar as vergoñas do Goberno de Pedro Sánchez é traer ao Parlamento galego unha iniciativa para crear nesta comunidade unha oficina antifraude, co argumento de que se a corrupción inunda o PSOE, corramos un tupido velo e investiguemos ao PP en Galicia”, sinalou.

Por outra banda, Alberto Pazos dixo que a debilidade do Goberno de Pedro Sánchez obrigaralle a vindeira semana a facer novas concesións aos independentistas vascos e cataláns a través de novas transferencias ou dun financiamento singular. Neste sentido, subliñou que “o que están a pedir, non só as comunidades autónomas gobernadas polo Partido Popular senón tamén as socialistas, é que se abra unha negociación conxunta con todas as autonomías para o establecemento dun novo modelo de financiamento autonómico, pero a Pedro Sánchez só lle interesa manterse na súa poltrona na Moncloa e para iso élle imprescindible contentar e conceder todo o que lle pidan aos seus socios vascos e cataláns”.

“España non pode seguir nas mans dunha marioneta chamada Pedro Sánchez manexada ao seu antollo polos nacionalistas vascos e os independentistas cataláns, polo que é necesario e moi urxente que España teña un Goberno forte, que poida tomar as decisións que máis conveñan ao conxunto dos españois. E ese goberno, neste momento, so é posible da man de Alberto Núñez  Feijóo e do Partido Popular”, asegurou.

APOIO Á DEPUTADA NICOLE GRUEIRA

Por último, Alberto Pazos amosou o máximo apoio e respaldo do Grupo Popular á deputada popular Nicole Grueira polos ataques machistas e faltas de consideración continuas que está a sufrir como portavoz do PP de Pol por parte do alcalde deste concello lucense, “máis preocupado por insultar e faltar ao respecto da nosa compañeira que en atender as solicitudes de información e levar adiante as actuacións que son necesarias para mellorar o benestar dos veciños de Pol”. Así, pediu aos responsables do PSdeG que “tomen as medidas oportunas porque me parece que o paternalismo, machismo e falta de respecto amosado por este alcalde contra esta compañeira é deleznable”.