O PPdeG contrapón o modelo de coidados “desde o berce ata o bastón” do Goberno galego fronte ao “modelo privatizador” do PSOE e o BNG

O Partido Popular de Galicia contrapón o modelo de coidados “desde o berce ata o bastón” impulsado con éxito polo Goberno galego desde hai anos fronte ao “modelo privatizador” que levan a cabo o PSOE e o BNG nas deputacións provinciais e nos concellos onde gobernan.

Esta mañá a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, a presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia, e o portavoz na Deputación provincial, Antonio Ameijide, mantiveron un encontro con representantes do partido na comarca dos Ancares e con membros da Plataforma Pro Residencia de Becerreá precisamente para abordar esa diferencia de xestión no caso deste centro.

“Estamos aquí para reclamar a apertura desta residencia pero nunhas condicións dignas e en igualdade co resto de residencias da provincia de Lugo”, manifestou Prado en respaldo ás reclamacións do portavoz local, José Fernández Carrete; quen demandou que o centro poida, despois de 4 anos, “prestar o servizo fundamental que demandan e necesitan os veciños de Becerreá e dos Ancares”.

En contraposición a esta situación, a número dous do PPdeG reivindicou o modelo de coidados do Goberno galego: “Un modelo de éxito contrastado que, como Galicia, funciona, e está pensado para acompañar, coidar e mellorar a vida dos galegos e galegas desde o berce ata o bastón”.

“O que non funciona é o modelo ‘Fai o que digo e non o que fago’ que promoven o PSOE e o BNG”, asegurou incidindo nas incoherencias entre o que defenden e o que practican ambas formacións. “Din defender o público e aos traballadores, pero privatizan todas aquelas residencias que poñen en marcha e acumulan denuncias por incumprimentos do convenio salarial por parte do seu persoal”, explicou.

Unha situación que fixo extensiva tamén a outros ámbitos: “Din defender a limpeza nas institucións, pero sosteñen e apoian ao Goberno máis corrupto da historia de España. E din defender os intereses dos galegos, pero consenten que outras comunidades vaian ter máis a costa de que Galicia teña menos cun ‘cupo’ feito á medida do independentismo catalán e a cambio de prolongar un pouco máis a agonía de Pedro Sánchez na Moncloa”.

OS ÉXITOS DO MODELO DE COIDADOS DE GALICIA

Paula Prado reivindicou que o modelo de coidados do Goberno galego, aparte de ser reforzado cada día, ten “un éxito contrastado”. Algo que evidencian os últimos datos coñecidos e que sinalan que Galicia é a comunidade que máis reduciu a súa lista de espera en dependencia no último ano e, en paralelo, tamén a que máis aumentou o número de persoas dependentes atendidas.

Galicia é tamén unha comunidade referente na atención diúrna –a través dos Centros de Día para maiores repartidos por todo o territorio– e líder nacional en acollemento familiar a menores. Grazas, sen dúbida, ao pulo que o Goberno de Alfonso Rueda está dando neste ámbito con medidas como o reforzo do investimento no SAF, a posta en marcha de novas prestacións como o Bono Coidado no Fogar ou o novo plan de residencias que contempla a construción de 24 novos centros e a habilitación de 1.800 novas prazas residenciais.

ELENA CANDIA: “PRIORIZAN OS SILLÓNS ÁS NECESIDADES DA XENTE”

A presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia, criticou que PSOE e BNG “pensan máis nos seus sillóns que no que realmente necesitan os lucenses” e, como consecuencia disto, que un investimento “tan necesario” como o da residencia de Becerreá “acumule anos de inacción”.

“A presión veciñal é o que está obrigando ao presidente da Deputación a mover ficha, pero nin rectificando acerta, porque o modelo que propón para esta residencia non só é absolutamente distinto ao do resto de centros provinciais, senón que tamén é absolutamente lesivo para a economía das familias”, asegurou incidindo no alto que se contempla para este servizo.

Candia puxo en valor que os votos do PP no último Pleno provincial permitiron frear a aprobación das bases nas que se sustentaba na práctica a privatización da residencia de Becerreá e incidiu no acontecido nesa sesión: “O PSOE non contou con 3 dos seus deputados por unha nova liorta interna e o BNG decidiu votar a favor da privatización aínda sabendo que cos seus votos non sairía adiante a proposta”.

“O BNG priorizou o seu pacto de sillóns fronte aos intereses dos veciños de Becerreá e demostrou que, pese ao que reclama publicamente, cando lle interesa está a favor das privatizacións”, remarcou recordando que só no concello de Lugo “hai máis de 30 servizos que están privatizados e en moitos casos ata sen contrato”.

A líder provincial do PP prometeu que o seu partido será “inflexible e contundente” á hora de demandar a apertura desta residencia e evitar a privatización que supoñen uns prezos “que a maioría das familias desta comarca non poderían pagar”. Por iso reclamou ao Goberno da Deputación que “rectifique a súa postura, respecte á xente, cumpra o que di e abandone a hipocrisía para que os veciños de Becerreá teñan por fin a residencia que merecen”.

ANTONIO AMEIJIDE: “SEGUIREMOS DEFENDENDO A IGUALDADE FRONTE ÁS DIFERENZAS QUE PRETENDE IMPOÑER O GOBERNO PROVINCIAL”

Pola súa banda, o portavoz do PP na Deputación de Lugo, Antonio Ameijide, tamén condenou a “incoherencia” do BNG ao “defender un modelo público de residencias de maiores pero votar a favor da privatización do servizo” no centro de atención a maiores de Becerreá logo do seu apoio á memoria sobre a actividade económica e o seu réxime xurídico, que recolle a súa xestión privada con canon cero.

Ameijide lembrou que o Goberno provincial de PSOE e BNG “leva 4 anos con esta infraestrutura pechada por capricho político de José Tomé”. O que supón “impedir o acceso a este servizo a preto de 140 familias –o centro de atención a maiores dispón de 96 prazas de atención residencial e 40 de atención diúrna– e impedir a creación de ducias de postos de traballo”. Nese sentido, lamentou que o Executivo provincial “non ten ningún tipo de intención nin data prevista para a posta en marcha da residencia que demandan os veciños de Becerreá e a comarca”.

“Fronte ao modelo de lucenses de primeira e lucenses de segunda que pretende impoñer o Goberno provincial presidido por José Tomé, desde o PP seguiremos defendendo a igualdade entre todos os concellos da provincia de Lugo”, subliñou ao tempo que reivindicaba “a construción de todas as residencias comprometidas e que nos concellos gobernados polo PP se atopan paralizadas por PSOE e BNG”.

O popular avanzou tamén que a súa formación esixirá “ata o final” que todos os centros da rede provincial presten os servizos para o que foron creados (residencias e centros de día) e co mesmo prezo en toda a provincia: “Non imos permitir que a atención na residencia de Becerreá a unha persoa dependente en Becerreá coste un 60% máis que noutro municipio da provincia como, por exemplo, en Pedrafita do Cebreiro ou Navia de Suarna, a menos de 20 km”. Referíase así ao feito de que, segundo a proposta de socialistas e nacionalistas, a tarifa na residencia de Becerreá ascendería ata os 2.200 €/mes fronte aos 1.390 € establecidos para o resto de centros da rede provincial.

O Partido Popular xa presentou alegacións que foron rexeitadas polo Goberno provincial, que no último Pleno non foi capaz de aprobar de forma definitiva a memoria da actividade económica e réxime xurídico debido á ausencia de tres deputados socialistas. O cal, na opinión de Ameijide, supón “unha evidencia máis da crise interna do PSOE en Lugo”.