O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, cualificou hoxe de “satisfactorio” o traballo que se leva desenvolvido no Parlamento galego ao longo da actual lexislatura e asegurou que os datos “botan abaixo ese mantra da oposición sobre o suposto rolo do que se vale a maioría para silencialos, xa que tres de cada catro iniciativas que se debateron nas sesións plenarias foron a iniciativa da oposición, que teñen todas as posibilidades na súa man para defender todo aquilo que consideren oportuno”.
Acompañado dos viceportavoces do Grupo Popular, Paula Prado, Julio García Comesaña e Cristina Sanz, Alberto Pazos destacou que, despois de case 1.060 horas de actividade, das que máis de 360 foron en Pleno e case 700 en comisións, distribuídas en 414 xuntanzas tanto en sesión plenaria como en comisións, o Parlamento galego sitúase entre as cámaras autonómicas que máis tempo se reúne.
NOVAS LEIS DA CSAG E DE INTELIXENCIA ARTIFICIAL
A nivel lexislativo, o Parlamento galego leva aprobado nesta XII lexislatura un total de 7 leis, destacando, ademais dos orzamentos e da lei de acompañamento para o presente ano, a lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, a lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia ou a Lei de estatística de Galicia. A estas hai que engadir os dous textos lexislativos que se aprobaron neste último período de sesións: o de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital e o de desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galicia.
O portavoz popular negou que o Grupo Popular utilice a súa maioría no Parlamento galego para silenciar á oposición e explicou que nos 33 plenos que se levan celebrado nesta lexislatura se debateron 595 iniciativas, das que 374 foron de control e 221 de impulso ao Goberno galego. “Tres de cada catro destas iniciativas foron a iniciativa dos grupos da oposición”, subliñou, para anotar que case a metade das proposicións non de lei aprobadas en Pleno saíron adiante por unanimidade de todos os grupos.
“Creo que son datos máis que elocuentes de que no Parlamento de Galicia os grupos da oposición teñen todas as posibilidades na súa man para defender todo aquilo que consideren oportuno, tanto a nivel de impulso como de control ao Goberno galego, polo que non se poden queixar da man aberta da que gozan neste Parlamento”, sinalou Alberto Pazos, para lembrar que “ben que nos tivera gustado a outros gozar desta situación noutros momentos nos que eran eles os que manexaban os tempos da Cámara galega”.
Respecto do traballo desenvolvido nas comisións parlamentarias, explicou que a porcentaxe de proposicións non de lei aprobadas por unanimidade se incrementa ata superar o 55 por cento, ao tempo que tres de cada catro preguntas que responderon os membros do Goberno galego en comisión foron realizadas polos grupos da oposición.
CAMIÑO DE NORMALIDADE NO EÓLICO GALEGO
Por outra banda, Alberto Pazos referiuse á recente resolución do Tribunal de Xustiza da Unión Europea que avala a tramitación ambiental feita pola Xunta dos proxectos eólicos que se queren implantar na nosa Comunidade autónoma, un fallo que se suma aos catro ditados con anterioridade polo Tribunal Supremo español, que tamén daban a razón ao procedemento seguido pola Xunta para autorizar proxectos eólicos.
En primeiro lugar, felicitou e trasladou todo o apoio do Grupo Popular “a eses técnicos da Xunta que viron como desde certas instancias se desconfiaba do seu exquisito traballo e desde o ano 2022 paralizaron máis de 90 parques eólicos e, conseguintemente, o futuro da puxante industria eólica na Comunidade galega”. “Galicia non pode perder máis tempo e, unha vez que se sacou de diante esa man negra que estaba taponando o futuro da industria eólica no noso país, urxe que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia retome a tramitación dos parques que tiña paralizados, xa que non lle queda escusa algunha para seguir mantendo esta situación de bloqueo aos proxectos”, demandou.
“Despois de máis de tres anos e medio dunha paralización sen sentido, ábrese un camiño de normalidade que nunca se tivo que cortar, no que o Goberno galego, cos seus técnicos á cabeza, continuará traballando con rigor e cumprindo estritamente o que marcan as leis para avanzar nunha Galicia sostible e pioneira no uso de enerxías limpas”, manifestou.
Deste xeito, amosou a súa confianza en que “a partir de agora a paralización do eólico galego se quede nun mal pesadelo e Galicia volva ser un referente a nivel de España e Europa no desenvolvemento do sector eólico, que agora afronta un novo proceso de repotenciación co que veremos diminuír o número de xeradores nos nosos montes ao mesmo tempo que se incrementa a potencia eléctrica xerada”.