O PPdeG impulsa unha “ofensiva parlamentaria” para demandar ao Goberno central que as sete cidades galegas conten cun xulgado de violencia de xénero

Os representantes do Partido Popular de Galicia no Congreso e no Senado impulsan unha “ofensiva parlamentaria” dirixida ao Goberno de España en ambas cámaras e coa que pretenden que “dunha vez por todas” as sete cidades galegas conten cun xulgado específico de violencia de xénero.

A través dunha batería de preguntas e mocións que serán debatidas no próximo período de sesións, os populares galegos demandan ao Executivo a creación de seccións especializadas de violencia sobre a muller nas cidades de Pontevedra, Lugo e Ferrol; así como que as de Vigo e A Coruña non se poñan en marcha a costa da transformación dos xulgados de instrución existentes.

“A violencia sobre a muller é unha das grandes lacras da nosa sociedade na medida en que afecta tanto á dignidade das mulleres como á igualdade real entre homes e mulleres. De aí que sexa necesario poñer todos os medios posibles ao alcance das administracións para combatela de maneira eficaz e eficiente”, xustifica a senadora galega e portavoz de Xustiza do Grupo Popular no Senado, Pepa Pardo —no Congreso, a iniciativa está encabezada por Pedro Puy—.

Os populares explican que as recentes decisións do Goberno de Pedro Sánchez –a través do Real Decreto para a dotación de novas prazas en seccións de violencia sobre a muller e da Lei de medidas en materia de eficiencia do Servizo Público de Xustiza– van precisamente “no sentido contrario” na medida en que non atenden a demanda de incrementar as prazas en Galicia e, pola contra, incrementarán a carga de traballo das xa existentes.

“Non se contempla a creación das prometidas seccións de violencia sobre a muller nas cidades de Pontevedra, Lugo e Ferrol –o que faría que as sete grandes cidades galegas contasen cada unha delas cunha sección exclusiva–, suprímense dúas prazas de instrución en Vigo e A Coruña e, no caso de Santiago de Compostela e Ourense, amplíase a xurisdición de sendos tribunais de instancia preexistentes”, manifesta Pardo sobre a problemática xerada.

Neste sentido, o PPdeG faise eco do manifestado polos colexios profesionais de avogados e procuradores alertando de que a saturación de asuntos que xa se vive nos casos concretos de Vigo e A Coruña vaise ver agravada: “Trátase dunha decisión disparatada e dun timo, porque o que necesitamos é a creación de xulgados novos, non a transformación nin a sobrecarga de traballo das prazas xa existentes”.

Os parlamentarios galegos recordan así mesmo que o Goberno galego xa ten solicitado en reiteradas ocasións ao Ministerio de Xustiza que reconsidere a súa proposta “atendendo ao colapso que con toda probabilidade se producirá pola acumulación de asuntos en ambas cidades” e que, na mesma liña do que ten demandado o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, proceda á creación de seccións de violencia sobre a muller en Lugo, Pontevedra e Ferrol.