Paula Prado: “Galicia precisa agora máis que nunca feitos, responsabilidade e unidade fronte á vaga de lumes”

A secretaria xeral do PPdeG e viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, trasladou hoxe unha mensaxe de solidariedade a todos os galegos e galegas ante a vaga incendiaria que está a asolar Galicia, e especialmente a aquelas persoas que ven ameazadas as súas vidas, vivendas e recursos.

Prado puxo en valor “o traballo titánico dos profesionais que, con valentía e entrega, arriscan as súas vidas para protexer as casas, as aldeas, as persoas e o noso patrimonio natural” e recoñeceu tamén “o exemplo dun pobo enteiro que, coa súa unión e xenerosidade, volve demostrar nestes momentos tan duros o mellor de Galicia”.

En relación co dispositivo, subliñou que “funciona con profesionalidade e eficacia” e destacou que a Xunta de Galicia, en coordinación co resto de administracións, está a empregar “todos os medios dispoñibles desde o primeiro minuto”, ao tempo que lamentou que “o Goberno central non puxese a disposición de Galicia todos os recursos dende o inicio”.

Neste sentido, quixo poñer en valor a resposta áxil do Executivo galego na mobilización de axudas: “Xa están activadas as axudas de emerxencia para os gandeiros, co obxectivo de garantir de xeito inmediato o alimento para o gando afectado. Esa é a prioridade nestes momentos: dar respostas rápidas e útiles ás persoas que máis sofren as consecuencias desta vaga incendiaria”.

“Galicia non pode permitirse respostas tardías: precisamos actuacións á altura desde o primeiro momento”, advertiu.

Prado incidiu en que “hai que dicilo con claridade: algúns destes incendios son intencionados. E contra quen comete estes delitos debe haber tolerancia cero, caendo sobre eles todo o peso da lei”.

UN PRESIDENTE Á ALTURA DO QUE MERECE GALICIA

A secretaria xeral do PPdeG puxo en valor a implicación do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, “que acudiu diariamente ao Centro de Coordinación, se reuniu con alcaldes, veciños e equipos de emerxencias, desprazouse ás zonas afectadas e impulsou as axudas que se activarán tras a avaliación dos danos”.

“Estamos a falar dun presidente á altura do que merece Galicia, fronte a outras actitudes irresponsables, como lanzar fogos artificiais en plena vaga incendiaria ou mesmo rirse dos afectados, como fixeron determinados membros do PSOE e do Goberno de España”, engadiu.

Prado asegurou que “todos os cargos do Partido Popular de Galicia están ao servizo desta emerxencia, colaborando alí onde sexa necesario, porque este é o momento de remar todos xuntos”. Nese sentido, pediu que “ninguén pretenda aproveitar esta traxedia para sacar rendemento político” e instou á oposición a “abandonar a crítica estéril e presentar propostas útiles, reclamando en Madrid todos os recursos necesarios”.

“Non imos aceptar que se empregue esta situación excepcional como arma política. Galicia precisa, agora máis que nunca, feitos, responsabilidade e unidade”, concluíu.