O Partido Popular de Galicia reprocha ao BNG que as súas “únicas solucións para todo” sexan “as manifestacións, o alboroto e as consignas apocalípticas”, lamentando neste sentido que o independentismo galego sexa incapaz de facer o tipo de críticas construtivas que realmente requiren as necesidades e os problemas dos galegos e galegas.
“Dá igual que se trate do emprego industrial, da sanidade, da Vuelta Ciclista a España ou dos incendios. Ante calquera cuestión, a resposta do BNG é sempre a mesma: a manifestación e o alboroto”, explica Paula Prado.
A secretaria xeral do PPdeG censura aos independentistas galegos que “en vez de axudar, como se puido comprobar mesmo en plena vaga de incendios deste verán, o único que fan é sacar a pancarta”.
“Esa non é a solución aos problemas e demandas dos galegos e galegas”, conclúe contrapoñendo esta actitude coa do seu partido e especialmente coa do Goberno de Alfonso Rueda, que “está dando unha resposta extraordinaria ante unha situación extraordinaria” a través das súas “eficaces” axudas aos afectados.