O Grupo Popular pide ao Goberno central que cese coa conxelación do Fondo de Compensación Interterritorial e incremente as achegas ata acadar as contías realizadas en 2009

A viceportavoz do Grupo Popular, Cristina Sanz, pediu hoxe ao Goberno central que cese coa conxelación das achegas do Fondo de Compensación Interterritorial (FCI) que Galicia recibe do Estado, de tal xeito que os recursos adicionais que reciba poidan ser destinados ao financiamento de obras ou actuacións que favorezan o reequilibrio e o desenvolvemento de todos os territorios, dea cumprimento ao compromiso asumido por Pedro Sánchez de incrementar as achegas e retome a contía equivalente á realizada en 2009.

Tomando como referencia o informe do Consello de Contas, Cristina Sanz lembrou que a dotación do FCI nos orzamentos do Estado para o ano 2023 era de 432 millóns de euros, o que representa unha caída do 67,68 por cento desde o ano 2008 e un importe conxelado desde 2014.

Ademais, a participación de Galicia nese fondo experimentou unha caída do 81,02 por cento desde 2008, sendo a comunidade máis afectada e recibindo en 2023 a porcentaxe máis baixa de todos os exercicios analizados (8,92 por cento). En concreto, o Estado pasou de destinar a Galicia a través deste fondo 197 millóns de euros en 2009 a 38,6 millóns na actualidade.

NOVO DESEÑO

Diante desta situación, e recollendo o manifestado polo Consello de Contas, a viceportavoz popular demandou “un novo deseño do fondo de compensación interterritorial que garanta o financiamento suficiente dos investimentos produtivos das comunidades autónomas e reduza os desequilibrios territoriais, velando polo establecemento dun equilibrio económico adecuado e xusto, e unha mellor aplicación do principio de solidariedade”.

Cristina Sanz criticou que “a promesa de Pedro Sánchez de duplicar os recursos dos fondos de cohesión territorial segue pendente de concretarse”, pero, a pesar de que eses recursos non experimentaron variacións desde o ano 2014, o gasto licitado pola Comunidade galega pasou de 580 millóns de euros naquel ano a 1.404 millóns no 2023. “A pesar da conxelación dos fondos estatais, Galicia case triplicou o seu gasto en investimentos, tendo que financialos con cargo aos seus propios recursos”, salientou.

O Parlamento de Galicia pide ao Goberno central que a creación dos novos xulgados de violencia contra a muller en Vigo e A Coruña non supoña a eliminación de xulgados de instrución

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio do PSdeG, a través da que se demanda ao Goberno central a creación de novos xulgados de violencia sobre a muller nas cidades de A Coruña e Vigo, como órganos adicionais e específicos, sen que iso supoña a transformación nin eliminación de xulgados de instrución. Así mesmo, pídese que planifique a planta xudicial de Galicia de forma rigorosa, transparente e dialogada coa Xunta, atendendo a informes técnicos, datos de carga de traballo e criterios de equilibrio territorial.

A deputada popular Katy Varela lembrou que “a Xunta leva tempo reivindicando ao Goberno central a creación de novas unidades xudiciais e máis prazas de xuíces e maxistrados”. Ante esta demanda, o Goberno de Pedro Sánchez decidiu este ano ampliar as prazas en Galicia pero, das catro novas prazas de xuíces de violencia sobre a muller aprobadas para Galicia, só dúas, as de Santiago e Ourense, son de nova creación.

IMPACTO NEGATIVO NA CALIDADE DO SERVIZO

“Lamentamos a decisión do Goberno central de que en A Coruña e en Vigo se creen estas unidades xudiciais a costa de suprimir outros tantos xulgados de instrución, unha decisión que causa preocupación nos axentes xudiciais porque terá un impacto negativo na calidade do servizo que se presta aos cidadáns”, sinalou.

Katy Varela explicou que “a supresión destes órganos instrutores suporá unha sobrecarga inmediata e directa para os restantes xulgados de instrución, afectando negativamente á tramitación de dilixencias previas, medidas cautelares e causas complexas que requiren especial atención”. Ademais, tanto Vigo como de A Coruña presentan características demográficas, sociais e xurisdicionais  que as fan especialmente sensibles á perda de recursos: ambas son cabeceiras de partido xudicial e sedes de órganos especializados e provinciais, atendendo tamén á poboación doutros municipios da contorna.

Por último, a deputada popular subliñou que “a Xunta xa anunciou que procederá ao reforzo do persoal destes catro novos xulgados de violencia contra a muller, co obxectivo de paliar o aumento da carga de traballo derivada das novas funcións, e tamén das fiscalías”.

O Parlamento galego reitera ao Goberno de España a urxente necesidade de completar o cadro de persoal da Unidade de Policía Adscrita a Galicia

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio de BNG e PSdeG, a través da que se reitera ao Goberno de España a urxente necesidade de completar o cadro de persoal da Unidade de Policía Adscrita de Galicia (UPA) para que poida seguir prestando as súas funcións en termos de seguridade e eficiencia, en ámbitos como na protección das vítimas de violencia de xénero ou na prevención e investigación dos incendios forestais. En concreto, a viceportavoz popular, Paula Prado, lembrou que este corpo “perdeu unha media de nove axentes cada ano desde que goberna Pedro Sánchez, a pesar de que o ministro Marlaska adquiriu o compromiso de reforzalo cun mínimo de 50 axentes”.

Paula Prado lamentou que a Unidade de Policía Adscrita a Galicia “seguiu batendo récords á baixa no número de axentes e tocou fondo este ano: actualmente afronta o día a día cunha plantilla aínda máis mermada e reducida a 341 axentes, tres menos que o pasado ano e a cifra máis baixa desde que comezou a operar en 1991”.

RECORTE DO 28% DESDE O GOBERNO DE MARIANO RAJOY

“A UPA vive unha situación dramática, porque se continúa sen reforzos vaise ver irremediablemente obrigada a deixar de prestar algúns dos seus servizos”, lamentou a viceportavoz popular. En concreto, referiuse á protección da vítimas de violencia de xénero, xa que hoxe so hei un axente por cada sete vítimas incluídas no sistema Viogen; ou á prevención e investigación dos incendios forestais.

Neste sentido, explicou que “estamos a falar dun recorte de plantilla de máis dun 28 % desde que en 2013 o Goberno de Mariano Rajoy realizara a última cobertura de prazas, que permitiu acadar a cifra récord de 474 axentes”, e lamentou que “a chegada de Pedro Sánchez á Moncloa agudizou aínda máis o recorte, xa que nestes últimos anos perdemos un total de 63 axentes”.

Deste xeito, Prado concretou que “temos un corpo policial con 3 de cada 10 postos vacantes e ao 68 % da súa capacidade total; con dificultades organizativas pola falta de mandos; con cada vez máis axentes preto de pasar á segunda actividade; e que só coa súa vocación de servizo público e a duras penas é quen de facer máis con menos”.