O PPdeG critica a “falta de valentía” do Goberno central ao volver desbotar a oportunidade de liberar a AP-9 e con iso “seguir castigando a Galicia” e “condenar aos galegos a continuar pagando peaxes abusivas por unha autoestrada que, por xustiza e por eficacia, debería ser galega e gratuíta”.
Así o manifestaba esta mañá a secretaria xeral Paula Prado no marco da reunión da Comisión de Infraestruturas do partido celebrada hoxe en Pontevedra. Unha reunión na que, ademais dos integrantes deste órgano coordinado por Antonio Ameijide, tamén participaron o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, o líder local do partido, Rafa Domínguez.
“O único compromiso do Goberno central, apoiado polo BNG, é co bloqueo e coa falta de respecto a Galicia”, sintetizaba en referencia ao bloqueo constante por parte do Executivo estatal á posibilidade de transferir a titularidade desta infraestrutura “tal e como demandan de xeito unánime a sociedade galega e o Parlamento de Galicia”.
De feito, a día de hoxe ascenden xa a 56 as veces que a Mesa do Congreso dos Deputados prorrogou o debate sobre a transferencia da AP-9 desde que Pedro Sánchez chegou á Moncloa.
A número dous dos populares galegos censurou neste sentido a “incoherencia” tanto dun PSdeG que “levaba no seu programa e prometía en campaña electoral a liberación e gratuidade da AP-9 e agora aplaude esta decisión de Sánchez no sentido contrario” como dun BNG que “di ser nacionalista pero apoia a un Goberno que vai en contra dos intereses dos galegos”.
“Desde o PPdeG seguiremos traballando con iniciativas en todas as Cámaras para que se faga realidade dunha vez por todas o que Galicia leva anos reclamando: pedir o divorcio de Pedro Sánchez e quedar coa custodia da AP-9”, concluíu.
LUIS LÓPEZ: “PEDRO SÁNCHEZ PREFIRE DEIXARSE CHANTAXEAR ANTES QUE TOMAR DECISIÓNS”
O presidente do PP de Pontevedra, Luis López, indicou que Pontevedra, sendo unha das provincias máis poboadas e dinámicas de Galicia, está a seguir con inquedanza a parálise do Goberno socialista con relación ás infraestruturas.
Luis López detallou que, por mar, Vigo segue aínda ser estar recoñecido como Porto Nodal; por aire, por culpa das taxas de Aena que precipitaron a saída de de Ryanair de Peinador e os experimentos con torres de control remotas que son criticadas polos axentes do sector; e por terra, con estradas nacionais en pésimo estado que máis ben son camiños, como por exemplo a N-120 o seu paso por Ponteareas, os retrasos e caos continuos na rede ferroviaria de media e larga distancia, e agora para rematar cos agravios, coa perda da oportunidade de liberar a AP-9 para que sexa por fin gratuíta.
“Desde Pontevedra lamentamos que o Goberno renunciara a librar a miles de usuarios das peaxes. Prefire deixarse chantaxear a tomar decisións. Coa AP-9, non hai nin rescate, nin máis bonificacións, e nin permiten sequera que se debata o traspaso da vía a Galicia que suma xa 56 bloqueos no Congreso. Atrás quedan promesas electorais e palabras, porque o certo é que a parálise de Sánchez sáelle cara aos milleiros de usuarios”, lamentou o presidente provincial.
A COMPLICIDIDADE DO PSOE E O BNG EN PONTEVEDRA
O líder local do partido na cidade, Rafa Domínguez, engadiu que o Grupo Municipal logrou aprobar dúas mocións neste mandato para instar ao Goberno de España a asumir o rescate da AP-9 e avanzar na liberalización das peaxes.
Domínguez criticou a actitude do BNG e do PSOE de Pontevedra, aos que acusou de ser “cómplices da estratexia de dilación de Pedro Sánchez”. O presidente local do PP está convencido de que os outros dous grupos políticos da Corporación municipal apoian propostas pola reivindicación social, “pero non exercen ningunha presión real sobre o Executivo central porque antepoñen os seus intereses partidistas aos da cidadanía”
A OBSESIÓN DE SÁNCHEZ CON ILLAR A GALICIA
O coordinador de Infraestruturas do PPdeG, pola súa banda, tamén se manifestou nesta liña preguntándose «cales son os motivos que xustifican a obsesión de Pedro Sánchez con illar a Galicia por terra, mar e aire”.
Referíase así ao feito de que a nosa Comunidade estea perdendo conexións aéreas por “decisións unilaterais e imposicións do ministro Óscar Puente” e de que as estradas galegas de titularidade estatal estean “no peor estado de mantemento da historia”. Algo ao que habería que engadir os “incumprimentos reiterados” por parte do Goberno central na posta en marcha de novas infraestruturas.
Para Antonio Ameijide, portavoz do Partido Popular na Deputación de Lugo, o máximo exemplo deste “illamento” é o que acontece tamén no eido ferroviario, con “problemas constantes” e con “provincias enteiras como a de Lugo illadas e desconectadas da Alta Velocidade”.