O Parlamento de Galicia demanda seguir reforzando o desenvolvemento educativo e persoal do alumnado de etnia xitana

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable do BNG, a través da que se solicita á Xunta de Galicia que siga reforzando as liñas de actuación dirixidas a favorecer o desenvolvemento educativo e persoal do alumnado de etnia xitana, promovendo a súa inclusión e loitando contra os prexuízos e estereotipos que aínda poidan existir.

O deputado popular Raúl Santamaría salientou que “Galicia deu pasos firmes, recoñecidos por entidades e pola propia comunidade educativa na inclusión do alumnado de etnia xitana, e queremos que esa senda se consolide e reforce”.

VANGARDA EN INCLUSIÓN

Neste sentido, lembrou a posta en marcha pola Xunta da Estratexia de Inclusión Educativa 2030, “que marca un modelo educativo inclusivo, equitativo e de calidade, e que inclúe iniciativas pioneiras como o proxecto piloto Impulso Mentor dirixido especificamente ao alumnado de etnia xitana”.

“Galicia debe continuar sen vangarda en inclusión, de xeito que ningunha alumna nin alumno quede atrás por cuestións de etnia, orixe ou condición social”, incidiu o deputado popular, quen recordou que “o noso sistema educativo é recoñecido pola súa calidade, pero queremos que tamén o sexa pola súa humanidade e pola súa capacidade de integrar a todos”.

O Parlamento de Galicia solicita ao Goberno central que permita a participación activa das comunidades autónomas na Conferencia Mundial sobre Políticas Culturais que terá lugar en Barcelona

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non foi apoiada polo PSdeG, a través da que se solicita ao Goberno central que reconsidere a participación das comunidades autónomas na Conferencia Mundial sobre Políticas Culturais e Desenvolvemento Sustentable 2025 (Mondiacult), outorgándolles a posibilidade de participar activamente con dereito a voz e voto.

A portavoz de Cultura do Grupo Popular, Carmen Pomar, manifestou que esta conferencia mundial é “unha ocasión única para facer balance do que se ten logrado a escala nacional, rexional e internacional trala adopción da Declaración de Mondiacult, que veu definir un conxunto de dereitos culturais que deben estar garantidos”.

“Ante unha oportunidade de gran calado como esta, as comunidades autónomas, como posuidoras das competencias exclusivas nas principais materias culturais, deberían participar activamente, non só formulando achegas senón tamén tomando parte no proceso de toma de decisións”, sinalou Carmen Pomar.

Porén, lamentou que “o Ministerio de Cultura optou unicamente por convidas ás comunidades autónomas a participar sen voz nin voto, e unicamente de xeito indirecto a través dunha caixa de correo electrónica”.

“Os agravios do Goberno central pretenden, unha vez máis, silenciar ás comunidades autónomas impedindo, neste caso, a súa participación activa nunha conferencia mundial sobre políticas culturais que se vai celebrar, mal que lle pese aos independistas cataláns, en Barcelona”, criticou a portavoz popular, quen avanzou que Galicia estará presente coa presenza do conselleiro de Cultura e o director xeral de Cultura.

O Parlamento pide ao Ministerio de Agricultura que suavice os requisitos e tramitación das axudas para a promoción do viño en terceiros países

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable do PSdeG, a través da que se demanda ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que suavice os requisitos e a tramitación das axudas da medida da intervención sectorial do viño na liña de promoción do viño en terceiros países, tanto no ámbito do programa coas actuacións a desenvolver como nas penalizacións sobre os cambios desta previsión de actividade.

O deputado popular Juan Casares destacou “a evidente mellora experimentada durante as últimas décadas polo sector vitivinícola galego, sobre todo no que atinxe aos procesos de elaboración e á calidade do produto final, que, acompañado do dinamismo dos consellos reguladores, posibilitou un crecemento notable das vendas de viños de calidade tanto na Unión Europea como en terceiros países”.

Porén, lamentou “a debilidade da capacidade exportadora do sector vitivinícola galego, con pouco máis de 140.000 hectolitros exportados na campaña 2024-25, o que representa o 2,25 por cento do conxunto de España se falamos de viños con selo de calidade diferenciada”.

CONDICIÓNS ESTRITAS

Juan Casares lembrou que “as políticas agrarias das administracións públicas, nomeadamente a Unión Europea, apoian os investimentos en viñas e adegas con diversas axudas desde hai máis de 20 anos”. En concreto, referiuse á axuda máxima do 50 por cento destinada á intervención nas actividades de promoción e comunicación en terceiros países, que entre os anos 2018 e 2025 supuxeron en Galicia un gasto público total de 9,61 millóns de euros, cun importe medio por beneficiario que pasou dos 39.000 euros en 2018 aos 71.000 en 2025.

“As estritas condicións de concesión destas axudas, xa que os beneficiarios deben presentar un programa coas actuacións a desenvolver, o que esixe un nivel de previsión e de capacidade de xestión que poucas adegas galegas posúen por tamaño e recursos, así como as penalizacións sobre os cambios destes programas aprobados, derivaron nunha tendencia á baixa do número de expedientes aprobados, que pasaron de 25 en 2018 a 18 en 2025, xunto cunha concentración de beneficiarios na denominación de orixe Rías Baixas”, explicou.

Por este motivo, Casares considerou necesario apoiar a demanda que xa trasladou a Consellería do Medio Rural ao Ministerio de Agricultura para que faga a axuda “máis sinxela e accesible, menos esixente e cun orzamento maior, de xeito que poidan acollerse un maior número de adegas e evitar a concentración de beneficiarios que se presentan todos os anos”.

O Parlamento de Galicia demanda incentivar a promoción dos produtos de proximidade nos mercados locais galegos

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable do PSdeG, a través da que se demanda incentivar a promoción de produtos de proximidade nos mercados locais dos concellos galegos mediante apoios e subvencións específicas dirixidas a esta finalidade.

A deputada popular Nicole Grueira expresou “o firme compromiso cos produtos de calidade diferenciada e de proximidade, xa que son os mellores embaixadores da Galicia calidade dentro e fora das nosas fronteiras”. “Son símbolos dunha Galicia que conserva, que innova e que comparte, e dunha Galicia que hai que coidar”, indicou.

“É importante mercar e consumir produtos de proximidade polo que representan e polas múltiples vantaxes que ofrecer, tanto para os consumidores; como para a transparencia sobre a súa orixe, prácticas de produción ou trazabilidade; para o medio ambiente; e para o rural galego, porque cada vez que compramos un produto de calidade diferenciada estamos apoiando ás explotacións agrogandeiras, ás pequenas industrias agroalimentarias e aos profesionais que os traballan e manteñen vivos os nosos territorios”, manifestou.

FEIRAS TRADICIONAIS

Nicole Grueira considerou “unha prioridade promover a produción e o consumo destes produtos de proximidade e calidade diferenciada” e referiuse, en concreto, ao “compromiso firme da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, que traballa para incentivar a súa promoción e divulgación nos mercados locais dos nosos concellos a través de apoios e subvencións específicas, que só neste ano 2025 ascenderon a 1,2 millóns de euros”.

Para rematar, a deputada popular afirmou que “se hai un espazo perfecto para poñer en valor os produtos locais e de proximidade son as feiras tradicionais, que forman parte da nosa vida comercial, cultural e social, e son un escaparate único para promocionar os produtos agroalimentarios galegos”. “Son lugares onde a xente proba, fala cos produtores e coñece a súa historia e comprobade primeira man o que significa Galicia Calidade”, sinalou.

O PPdeG insta a Inés Rey a “desmarcarse” de Pedro Sánchez pedindo a dimisión da ministra de Igualdade e condenando a corrupción do PSOE

O PPdeG insta á alcaldesa socialista da Coruña, Inés Rey, a demostrar o seu feminismo e “desmarcarse” de Pedro Sánchez pedindo a dimisión da ministra de Igualdade e esixindo “dunha vez por todas” explicacións polas tramas de corrupción do seu partido.

En declaracións aos medios esta mañá e antes de participar nunha reunión con representantes do PP na cidade da Coruña, a secretaria xeral Paula Prado acusou á rexedora herculina de ser “unha das máis fieis soldados sanchistas” e cualificou de “inexplicable” que “unha alcaldesa e muller siga mantendo o seu apoio férreo, sen unha crítica, ao Goberno central despois dos escándalos que coñecemos de corrupción e contra as mulleres”.

Recordou neste sentido que “non hai nada menos feminista” que a Lei do ‘só si é si’, con “máis de 1.500 agresores sexuais beneficiados”; que “pretender combater a prostitución rodeándote de compañeiros que a consumen” ou que “comprar en AliExpress unhas pulseiras antimaltrato defectuosas”.

A número dous dos populares galegos reivindicou, en contraposición á situación interna do PSOE, a “unidade” que caracteriza ao PPdeG: “O noso proxecto é común e grazas a iso somos o partido con máis apoio nos concellos, no Parlamento galego, no Congreso, no Senado e no Parlamento Europeo”.

Proba disto é, tal e como subliñou, que o PP foi quen gañou as eleccións municipais de 2023. “Despois de máis de dous anos de lexislatura, demostrouse que os pactos de perdedores non están para gobernar, senón para manterse no poder. Hai infinidade de cuestións que son unha prioridade para os veciños e veciñas da Coruña e non están resoltas”, engadiu.

“A Coruña podería estar falando de prosperidade da man dun alcalde como Miguel Lorenzo, pero no seu lugar fala das pelexas entre PSOE e BNG, de presupostos aprobados logo de cuestións de confianza e da corrupción que emerxe do goberno municipal”, incidiu a secretaria xeral do PPdeG.

Para concluír, dixo que na Coruña dixo que “dá gusto ver como están traballando todos os compañeiros nas diferentes cámaras”. “Seguimos traballando para que en algo máis de ano e medio esta cidade teña un goberno do Partido Popular”, rematou.

“ESTAMOS FARTOS DO NINGUNEO DE SÁNCHEZ AOS CORUÑESES”

Pola súa banda, o líder local dos populares coruñeses explicou que son moitas as promesas incumpridas na cidade por parte do Goberno central “co silencio cómplice de Inés Rey e do BNG” e que, por iso, a través dos seus representantes nas diferentes cámaras, o PP da Coruña “traballará de xeito coordinado para denunciar e reverter eses incumprimentos”.

Miguel Lorenzo apelou así aos deputados autonómicos Gonzalo Trenor e Roberto Rodríguez para que “sigan defendendo á cidade no Parlamento galego” e traballen para “asegurar que os Orzamentos da Xunta para 2026 teñan os fondos necesarios para continuar coa execución de obras como o novo CHUAC, construír novas vivendas e continuar coa tramitación do Monte Mero”.

“A Xunta de Galicia é a única administración que inviste na nosa cidade”, asegurou afeando ao Goberno local a súa “incapacidade” para executar obras públicas que “acumulan retraso tras retraso” e “non adoptar ningunha medida para solucionar o problema da vivenda”.

No que se refire ao labor dos deputados nacionais Álvaro Pérez e Tristana Moraleja e da senadora Rosa Gallego, o líder do PP da Coruña destacou que, grazas ás súas preguntas, esta semana descubriuse que o Goberno central “só ten a 23 persoas contratadas na AESIA cando tiña que haber 80” e confirmouse que a posta en marcha do novo Xulgado de Violencia de Xénero implicará a eliminación dun de Instrución “cando Inés Rei afirmou que conseguira que non se suprimise”.

“Seguiremos preguntando polo atraso na licitación das obras do Estado nos accesos á cidade, como son a gran promesa de Inés Rey, a Cuarta Ronda, o Vial 18 ou a ampliación da Pasaxe”, explicou concluíndo que “non haberá nada disto a pesar dos anuncios da alcaldesa porque non hai Presupostos Xerais do Estado”.