Os deputados do Grupo Popular Nicole Grueira, Enrique Barreiro e Raquel Arias, acompañados do alcalde de Pantón, José Luís Álvarez, visitaron hoxe distintas zonas de viñedo deste concello lucense afectadas polos incendios forestais e salientaron “a axilidade e o forte compromiso da Xunta coa rehabilitación dos espazos que resultaron queimados, que se traduce en que calquera produtor afectado polo lume pode acceder ata un máximo de 200.000 euros de subvención para recuperar a súa explotación, ademais de 12.700 euros por hectárea afectada polos incendios”.
Os deputados populares contrastaron “o importante esforzo económico que realiza a Xunta para paliar as consecuencias dos incendios forestais coas axudas ridículas que o Goberno de Pedro Sánchez porá enriba da mesa: un máximo de 10.000 euros de axuda directa por explotación e o abono dunha parte do seguro agrario”.
“Pero é que seguimos esperando a que o Goberno de España cumpra a súa promesa de actualizar as contías das axudas para, en principio, adecualas aos danos que causaron os incendios, xa que os importes que se concederán son os que aparecen nunha normativa que data de hai 20 anos e nunca se actualizou”, sinalou Nicole Grueira.
DILIXENCIA
Pola súa banda, Raquel Arias agradeceu ao operativo de loita contra os incendios, os veciños e voluntarios que participaron na extinción dos incendios, e lembrou que tanto desde o Concello de Pantón como desde o de Sober se axudará aos afectados na tramitación das axudas.
Así mesmo, manifestou que “esperamos que o Goberno de Pedro Sánchez sexa máis dilixente coas axudas para os afectados polos incendios forestais en Galicia que o está sendo para paliar os danos provocados hai catro anos pola erupción do volcán na illa da Palma: a día de hoxe, milleiros de familias seguen malvivindo en aloxamentos provisionais, pequenos empresarios seguen esperando unha resposta ás súas demandas e os agricultores e gandeiros continúan sen recibir as compensacións polos danos que sufriron as súas explotacións”.
“O mínimo que lle pedimos ao Goberno de Pedro Sánchez é un esforzo económico semellante ao que está a facer o Goberno galego para axudar aos afectados polos incendios, que dispuxo de inmediato dun amplo paquete con oito liñas de axudas destinadas a explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e apícolas”, dixo o deputado Enrique Barreiro.