O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, cualificou hoxe de “preocupante para Galicia” a ausencia de orzamentos do Estado para o 2026 “polas graves consecuencias que pode traer á hora de desenvolver novos proxectos estratéxicos ou avanzar na realización dos existentes, en ámbitos fundamentais como as infraestruturas viarias ou ferroviarias, ou en sectores como a industria, a agricultura, a vivenda ou a xeración de emprego”. Pola contra, manifestou a “abismal diferencia existente co Goberno galego de Alfonso Rueda, que está a darlle os últimos retoques aos orzamentos da Xunta para o vindeiro ano para que poidan estar plenamente operativos desde o 1 de xaneiro”.
Alberto Pazos lembrou que o Goberno de Pedro Sánchez incumpre, desde o pasado 30 de setembro, a obriga constitucional de presentar ante o Congreso os presupostos para o ano seguinte, unha situación que o obriga a traballar “cuns orzamentos prorrogados desde o ano 2023, unhas contas que veñen da pasada lexislatura e que foron aprobados por unha maioría do Congreso totalmente diferente á que agora respalda a Pedro Sánchez”.
CONXELACIÓN DA ACCIÓN POLÍTICA
“Unha paralización que se traduce nunha total conxelación da acción política do Goberno central, paralizando investimentos e proxectos; que reduce a eficiencia das políticas públicas estatais; anula a eficacia de posibles leis, como a de vivenda; e deixa sen efecto medidas económicas comprometidas, como pode ser a conxelación do salario dos empregados públicos”, explicou.
Pola contra, o portavoz popular salientou que “o Goberno de Alfonso Rueda si que cumpre os seus compromisos e está a avanzar na elaboración dos orzamentos da Xunta para 2026, mantendo fielmente a súa senda de estabilidade a pesar das incertezas que existen a nivel internacional e nacional e, o que é máis grave, sen coñecer dato algún das previsións económicas do Goberno de España”.
“Galicia cumprirá, un ano máis, o seu deber de aprobar os orzamentos en tempo e forma, fixando como prioridade aumentar o crecemento da economía galega, creando emprego de calidade, poñendo marcha políticas de vivenda, blindando o Estado de Benestar, desenvolvendo as novas competencias sobre o litoral, ademais de loitar contra o cambio climático e a potenciación do rural”, indicou.
Alberto Pazos afirmou que “España non pode seguir nas mans dun Goberno totalmente paralizado, sen apoio parlamentario, con orzamentos constantemente prorrogados e sen un proxecto de país”, ao que anotou que “Galicia non merece un Goberno de España que a ignore e menosprece constantemente, como está a pasar con cuestións como a prestación da dependencia, a repotenciación dos parques eólicos, o castigo a Lugo na nova planificación eléctrica ou o propio traspaso da AP-9, que xa sufre o calvario das 58 vergoñentas, incompresibles e interminables prórrogas na súa tramitación no Congreso á proposición de Lei aprobada por unanimidade neste Parlamento galego de transferencia desta autoestrada a Galicia”
RESCATE AP-9
“Unha autoestrada que tamén sufre a incomprensible decisión do Goberno de Pedro Sánchez de non levar adiante o rescate e a liberación das súas peaxes, tanto despois do ditame da Comisión Europea sobre a nulidade das prórrogas realizadas sobre a concesión desta autoestrada, como tendo presente os cálculos económicos que aseguran que o prezo do rescate e o custo das bonificacións ata o remate da concesión é practicamente o mesmo”, sinalou.
Neste sentido, criticou que esta mesma semana o secretario de Estado de Transportes volvera xustificar que non se proceda ao rescate da AP-9 “polas súas implicacións xurídicas e económicas milmillonarias, sen dar un só dato da orixe desas cifras e facendo caso omiso do estudo realizado pola Xunta sobre o custo do rescate: exactamente 2.356 millóns de euros, unha cifra moi semellante á que suporá o abono das bonificacións das peaxes ata o remate da concesión”.
Alberto Pazos esixiu “unha vez máis ao Goberno de España que polo ben dos cidadáns proceda ao rescate da AP-9, libere as súas peaxes e proceda á súa transferencia a Galicia, porque é o que lle están a pedir todos os galegos que, ademais de ver mellorada a súa seguridade viaria, verían como esta decisión repercutiría de xeito moi positivo nos seus petos”.
ESTABILIDADE AOS GOBERNOS MUNICIPAIS
Por último, o portavoz popular criticou “as novas mostras do seu talante democrático amosado esa semana polo BNG e, especialmente, a súa voceira Ana Pontón”. En concreto, cuestionou “que estarían a dicir desde a banda da esquerda nacionalista de Galicia se unha persoa relacionada co PP actuara como o fixo un energúmeno vinculado ao BNG no Pleno do Concello de Ponteareas celebrado esta semana?”. Neste sentido, subliñou que “sempre respectamos e respectaremos o dereito de calquera persoa ou formación a manifestarse ou defender os seus dereitos como considere máis oportuno, pero non imos tolerar este tipo de ataques a ameazas directas contra representantes políticos, como aconteceu esta semana no Pleno de Ponteareas coa súa alcaldesa”, a quen trasladou “todo o noso apoio e ánimo”.
Tamén se preguntou “que estarían dicindo os altavoceiros nacionalistas se un alcalde do PP, días antes da celebración dunha moción de censura democrática, mandara á Policía Local a desaloxar dos seus despachos aos que foron os seus compañeiros de Goberno, pero que agora decidiron darlle a alcaldía á formación política máis votada nas eleccións tras comprobar a ineficacia e nula xestión do alcalde nacionalista? ou que unha das últimas decisións deste alcalde nacionalista sexa modificar os indicativos instalados nas rotondas do concello, buscando a confrontación entre os veciños e vez de procurar o consenso”. “Isto é o que está a ocorrer estes días no Concello de Ribeira, unha vez se coñeceu que o Partido Popular vai recuperar a Alcaldía gracias ao apoio de varios concelleiros independentes que ata agora apoiaron ao BNG, que aceptou encantado os seus votos, a pesar de coñecer que procedían dunha escisión do Partido Popular”, explicou.
“O que para a señora Pontón é bochornoso non é máis que o feito de que goberne a formación política que conseguiu o maior respaldo dos seus veciños nas eleccións municipais, algo que desde o PP podemos dicir con todo o orgullo tanto en Forcarei, como en Touro, Fisterra, Carral ou agora en Ribeira”, indicou o portavoz popular, quen apuntou que “quen non pode defender o talante democrático do BNG é quen lle quitou cos seus votos a Alcaldía á formación máis votada de Noia, para darlle o goberno local a un cuatripartito ingobernable, gracias ao voto favorable dun antigo concelleiro do PP”.
Pazos incidiu que “o PP conseguiu con estas mocións de censura dar unha estabilidade aos gobernos de todos estes concellos, unha estabilidade que ata o de agora non tiñan ao ser uns gobernos municipais en mans de multipartitos, con ideoloxías e proxectos no seu interior totalmente discordantes e imposibles de levar adiante”.