O PPdeG destaca a importancia dos centros de formación e experimentación agraria para garantir o relevo xeracional no agro galego

Os deputados do Grupo Popular Ángel Rodríguez e Magdalena Pérez, acompañados do alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, visitaron esta mañá o Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude e salientaron a importancia desta formación para garantir o relevo xeracional no agro galego.

Ángel Rodríguez e Magdalena Pérez fixeron un percorrido polas instalacións do centro nas que os alumnos reciben unha completa formación agraria e forestal moi práctica e achegada ás necesidades do sector agrogandeiro galego, o que facilita a axilidade na incorporación de todos os alumnos ao mercado laboral.

Ademais deste centro de formación e experimentación agraria de Sergude, a Xunta conta con outros cinco centros espallados por toda Galicia: Guísamo, Pedro Murias en Ribadeo, Monforte de Lemos, Becerreá e Lourizán en Pontevedra. “Todos eles contan cunha excelente colaboración coas empresas do sector, que o pasado ano se traduciu na realización de prácticas dos seus alumnos en cerca de 70 empresas, o que contribuiu a que o alumnado que cursa os estudios nestes centros tivera un índice de inserción laboral próximo ao 100 por cento”, destacaron.

O PPdeG critica a falta de compromiso do Goberno central e AENA co aeroporto de Peinador e piden ao Concello de Vigo maior implicación e colaboración coa Xunta para que deixe de perder enlaces aéreos

Os deputados do Grupo Popular Miguel Fidalgo e Felisa Rodríguez criticaron hoxe a falta de compromiso amosada onte polos responsables do Goberno central e de AENA para o impulso dos tres aeroportos galegos, en especial o de Peinador, e demandou aos responsables do Concello de Vigo unha maior implicación e colaboración coa Xunta de Galicia para que o aeroporto de Peinador deixe de perder enlaces aéreos e sexa máis atractivo para as compañías aéreas.

Miguel Fidalgo e Felisa Rodríguez desprazáronse ata o aeroporto de Peinador para lamentar a “fuxida” protagonizada onte polos responsables de AENA, “máis preocupados por atender as súas cuestións persoais que en buscar solucións eficientes para paliar a perda de voos e prazas a consecuencia das decisións adoptadas por Ryanair, cando son os responsables directos da coordinación dos aeroportos e de facer unha planificación eficiente das rutas”.

FORMATO INEFICAZ

“Quedou demostrado a ineficacia do formato destas reunións, onde o Goberno central e AENA se limitan a vender os seus investimentos nos aeroportos pero non entran no fondo do problema que neste momento máis preocupa aos galegos: a falta dunha oferta eficiente de voos desde os tres aeroportos de Galicia que sexa capaz de competir co avance permanente que viven aeroportos como o de Porto”, sinalou Miguel Fidalgo.

Así mesmo, o deputado criticou “a ausencia do alcalde de Vigo nunha reunión tan importante para o aeroporto de Peinador, enviando a unha concelleira máis preocupada en lanzar bulos sobre supostas axudas da Xunta a outros aeroportos galegos que en poñer enriba da mesa medidas para o impulso do aeroporto de Vigo”. “É o momento de deixar á marxe as liortas políticas e que os concellos e a Xunta traballen da man para que AENA asuma as súas responsabilidades cos aeroportos galegos e poña en marcha medidas que permitan incrementar as conexións aéreas e a chegada de novas compañías”, anotou.

Pola súa banda, Felisa Rodríguez manifestou que “esta situación que vive o aeroporto de Vigo non só afecta ao sector turístico, porque a redución de enlaces aéreos é unha cuestión que repercute noutros sectores importantes da nosa economía, como a industria e o comercio”.

O PPdeG destaca que a inserción laboral dos alumnos de FP en Galicia supera o 85 por cento

Os deputados do Grupo Popular José Luís Ferro e Víctor Baladrón, acompañados da portavoz do PP no Concello de Ourense, Ana Méndez, visitaron a CIFP Portovello da capital ourensá, onde destacaron a importancia da formación profesional como motor de emprego e cualificación profesional. En concreto, subliñaron a alta inserción laboral dos estudantes de FP en Galicia, que acada o 85,6 por cento no conxunto de ciclos e chega incluso ao 97 por cento na modalidade dual.

José Luís Ferro e Víctor Baladrón salientaron o notable incremento do número de matriculados en formación profesional en Galicia nos últimos anos, consolidando este modelo formativo como unha opción cada vez máis elixida pola mocidade. Así, Galicia conta este curso 2025-2026 con máis de 71.200 estudantes matriculados en FP, o que supón un novo récord de alumnos ao incrementarse o 3,5 por cento respecto ao pasado curso.

EXCELENCIA FORMATIVA

Ademais, lembraron que 21 das 23 familias profesionais que se imparten en Galicia superan o 80 por cento de inserción laboral. Máis en concreto, apuntaron que 25 ciclos logran o 100 por cento de empregabilidade e 63 ciclos superan o 90 por cento, consolidando a FP como unha ensinanza de futuro.

Respecto do CIFP Portovello, destacaron que o ciclo de Mobilidade Segura e Sostible rexistra un 100 por cento de inserción laboral, un dato que reflicte a demanda real do mercado e a calidade da formación impartida. Neste sentido, destacaron que “centros como este de Ourense se teñen consolidado como espazos de excelencia formativa, en contacto directo coas empresas e cunha orientación clara cara á empregabilidade do alumnado”.

O PPdeG destaca que 47 empresas lucenses se repartiron este ano 615.000 euros en axudas da Xunta para potenciar o talento e o emprego feminino

Os deputados do Grupo Popular Raquel Arias e José Manuel Mato salientaron hoxe en Paradela que un total de 47 empresas da provincia de Lugo (das que 9 están localizadas na comarca de Lemos) se repartiron case 615.000 euros en axudas da Xunta de Galicia con cargo ao programa Emega, dirixido á posta en marcha, mellora e reactivación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres.

Nunha visita a Talleres Ángel, unha das empresas beneficiadas das axudas Emega, Raquel Arias e José Manuel Mato subliñaron o compromiso do Goberno galego para impulsar as iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable, así como favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das mulleres galegas.

OCUPAR O LUGAR QUE LLES CORRESPONDE NO MERCADO LABORAL

“O éxito deste programa da Xunta pode comprobarse nos máis de 2.000 proxectos empresariais e a consolidación de máis de 4.000 empregos femininos que se beneficiaron nos últimos dez anos”, sinalou a deputada popular, quen destacou a súa “contribución para que todas as emprendedoras galegas poidan ocupar o lugar que lles corresponde no mercado laboral”.

Pola súa banda, José Manuel Mato apuntou que este programa “presta un especial apoio ás mulleres que emprenden no rural, ás maiores de 55 anos e a aquelas que desenvolven a súa actividade en sectores tradicionalmente masculinizados, así como naqueles ámbitos con especiais dificultades para a inserción laboral feminina”.

O PPdeG denuncia que Sánchez leva máis de 1.000 días sen aprobar Presupostos: “Está máis preocupado por eses sobres con cartos co logo do PSOE”

O Partido Popular de Galicia denuncia que Pedro Sánchez “leva máis de 1.000 días sen aprobar Presupostos” e que isto provoca que España “non poida afrontar as necesidades dos seus servizos públicos”, afectando tamén gravemente aos concellos galegos.

“Un ano máis, Pedro Sánchez renunciou a presentar Presupostos Xerais do Estado, os de 2026, e España segue guiándose por uns prorrogados desde 2022”, citou a secretaria xeral Paula Prado hoxe en declaracións aos medios en Monterrei como exemplo da “parálise” do Goberno central, en contraposición á “eficacia” dun Goberno galego que vai en camiño de aprobar os seus décimo sétimos Orzamentos consecutivos en tempo e forma.

“Supoño que Sánchez está máis ocupado e preocupado pola suposta contabilidade B do seu partido e por eses sobres con cartos co logo do PSOE”, lamentou, agardando que o secretario xeral do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro, pida explicacións ao seu partido e a voceira do BNG, Ana Pontón, pida explicacións aos seus socios. “Xa van 24 horas e aínda non dixeron nada”, apuntou.

“Temos un Goberno de España que non se preocupa dos galegas e das galegas, nin do rural, de concellos como o de Monterrei. Nós seguiremos traballando por resolver os problemas dos veciños e das veciñas de Galicia, que é para que o nos apoiaron maioritariamente en todas as eleccións ás que nos presentamos”, rematou.

A número dous dos populares galegos fixo estas declaracións á súa chegada ao Festival Monterrei Reverdece, IV Festa da Vendima, unha “magnífica” celebración na que participou xunto ao alcalde José Luis Suárez e que enxalzou como exemplo do dinamismo do rural galego e da recuperación que están a experimentar os concellos afectados polos incendios deste verán.

A RESPOSTA EXTRAORDINARIA A UNHA SITUACIÓN EXTRAORDINARIA

Paula Prado, en referencia precisamente á “situación extraordinaria” dos lumes de agosto, “provocada maioritariamente por incendiarios”, quixo poñer en valor a “resposta extraordinaria” que está deu e segue dando o Goberno galego, cuxa efectividade proba o feito de que moitas xa están pagadas. “Unha vintena para propietarios de vivendas, outras 13 para paliar os danos en tecores e 4 para negocios afectados”, destacou.

Pola contra, a resposta do Goberno de Sánchez “segue sendo a nada”. E, de feito, dous meses máis tarde, “os afectados non é que esperen polas axudas estatais, senón que están esperando pola convocatoria desas axudas que, ademais, serán xenéricas e menores”.